|
|
Información e soporte ao produto
O Xis é unha versión "localizada" ao galego do Netscape®
Communicator polo Proxecto Xis. Por localización
enténdese basicamente tradución. Agora ben, nun produto localizado
modifícanse ademais algunhas características no ánimo
de amosalo, facelo máis útil para unha determinada comunidade,
neste caso a comunidade galegofalante. Unha mostra destas modificacións
é precisamente que no menú Axuda, o apartado Información
e soporte do produto apunte xustamente a esta páxina, e non a unha
páxina da Netscape. Outra modificación importante é
a páxina de marcadores distribuída co produto, que inclúe
ligazóns a páxinas que consideramos de interese para @s galeg@s.
Cómpre aclarar que isto non é algo específico da nosa
versión, senón que está dentro dun amplo proxecto
de desenvolvemento e localizacións da propia Netscape.
O proxecto Xis agrupa por medio da rede, no máis puro estilo
internauta, un fato de galeg@s preocupad@s polo futuro da súa lingua.
Conscientes do impacto a cada paso maior da informática sobre a
vida das persoas, e da influencia da lingua de comunicación cos
computadores sobre a vida lingüística das persoas, estamos
convencidos da necesidade de termos ferramentas informáticas en
galego para garantir o futuro da nosa lingua. O proxecto Xis xorde aproveitando
a iniciativa da Netscape de permitir a localización do Comunicator1
e fixa como meta ofercerlle á comunidade galega aplicacións
de rede en galego adaptadas ás nosas necesidades.
Por agora aínda non temos traducida a axuda do Communicator.
Como solución provisional de compromiso incluímos a axuda
da versión brasileira. Ademais do puramente lingüístico,
esta solución ten dous inconvenientes non menores: os nome dos programas
non coinciden cos do Xis, e os nomes nos menús non sempre coinciden.
Nembargantes confiamos na intelixencia dos usuarios para saber empregar
a axuda. Polo que respecta aos nomes dos programas, nesta mesma páxina
podes ver a correspondencia.
Se consideras que a falta da axuda en galego resulta intolerábel,
¡estamos de acordo! ¿A que esperas?, únete ao proxecto
Xis e colabora na traducción da axuda.
Mais, ¿que é o Xis? Trátase dun conxunto de ferramentas
integradas que permite comunicar, compartir e o acceder á información
tanto na Internet, como nunha rede interna. Este conxunto consta dun Navegador,
un Xestor de correo, un Xestor
de novas, un Editor HTML e as ferramentas
de groupware Netcaster e Conference.
Navegador
O Navegador Xis, versión localizada do Netscape® Navigator,
permite navegar cunha interface intuitiva tanto no océano de información
da Internet como nos ríos, ás veces tumultuosos, das intranets
corporativas. Con el os usuarios poden acceder dun xeito fácil e
seguro a fontes de información variadas, desde os sitios da rede
máis recentes a bancos de dados xa consolidados. Entre as súas
características pódese salientar:
-
Interface avanzada e personalizábel.
-
Soporte de Java.
-
Control flexíbel, por parte do usuario, sobre miniaplicacións
e animacións.
- Axuda dependente do contexto.
- Varios niveis de autorización para miniaplicacións e módulos
externos.
Xestor de correo
O Xestor de correo, versión localizada do Netscape Messenger,
é unha ferramenta de xestión de correo electrónico
versátil e potente, coa cal se pode escribir, enviar e recibir mensaxes
de correo electrónico, ricas2
e/ou cifradas. As características máis salientábeis
son:
-
Soporte de padróns abertos, incluíndo IMAP4, SMTP e POP3.
-
Fornece acceso ó directorio LDAP.
-
Inclúe un catálogo de enderezos integrado con campos expandidos.
O catálogo de enderezos soporta o Netscape Conference.
-
Permite cifrar e dixitalizar mensaxes de correo electrónico utilizando
S/MIME
-
Organización do correo con filtros e en cartafoles xerárquicos.
-
Corrector ortográfico. (Aínda non dispoñemos dun corrector
galego, mais esperamos poder solucionar isto no futuro).
Xestor de novas
O Xestor de novas, versión localizada do Netscape Collabra, permite
participar con comodidade en foros de debate, tanto públicos como
privados. Entre outras, presenta as seguintes características:
-
Soporte da arquitectura NNTP de padrón aberto con acceso aos grupos
de novas da Usenet.
-
Estructura os grupos de novas utilizando categorías.
-
Fornece controis de acceso aos grupos privados.
-
Permite procurar novas a través de todos os grupos.
-
Permite marcar rexistros importantes ou ignorar outros con ordes do usuario
e filtros.
-
Permite a lectura e o rexistro sen conexión.
-
Crea e rexistra documentos ricos HTML utilizando o software do compoñente
integrado Netscape Composer.
Editor HTML
O editor HTML, versión localizada do Netscape Composer, é,
como o seu nome indica, un editor especialmente deseñado para escribir
en formato HTML, o formato padrón da Internet. Ademais de para elaborar
páxinas Web, pódese empregar para elaborar documentos nunha
intranet, ou mensaxes ricas2de
correo electrónico. As súas caraterísticas máis
salientábeis son:
-
Case WYSIWYG na edición, e visión do resultado no navegador
premendo nun botón.
-
Soporte para a publicación FTP e HTTP.
-
Formatado rico, incluíndo fontes, estilos, aliñamento de
parágrafo, e listas marcadas e numeradas.
-
Corrector ortográfico interno. (Por agora non dispoñemos
dun corrector galego, mais esperamos poder solucionar isto no futuro).
-
Permite arrastar e soltar imaxes, ligazóns e miniaplicacións
Java.
-
Fácil creación e edición de táboas.
-
Permite a autentificación do usuario para publicar.
Netcaster
O Netscape Netcaster é unha ferramenta que lle fornece ao usuario
de forma dinámica, información tanto procedente dunha intranet
como da Internet. Co Netcaster, os usuarios do Xis poden subscribirse a
unha canle de contidos -unha fonte de contidos moi semellante a unha canle
de radio ou TV- e recibir información que pode ser visualizada xa
sen estar conectados. Os recursos de transmisión do Netcaster permítenlles
aos usuarios recibiren actualizacións constantes de información
en segundo plano, mentres están traballando noutras tarefas. As
posibilidades que ofrece son:
-
Localizar canles da Netscape e un sintonizador Castanet interno que permite
acceder ás canles Marimba's Castanet.
- Pódese personalizar cómo e cándo se entregan os datos
nos contornos de traballo.
- O usuario pode "colocar" calquera canle no seu contorno de traballo para
crear un ambiente webtop.
- Recursos para descargar "sen conexión" que lle permiten ao usuario
baixar contidos e velos cando considere oportuno.
Conference
O Netscape Conference ofrece solucións de conectividade para
interaccións de conferencia en tempo real a través da Internet
e de intranets. As sesións do Conference permiten aumentar a efectividade
dos grupo de traballo, de departamento e a comunicación interfuncional,
permitíndolles aos usuarios navegaren a través de documentos,
facer esbozos en colaboración, trocar información e conversar
en tempo real c@s compañeir@s en calquera lugar do mundo. Entre
as súas posibilidades pódese subliñar:
-
Integración coa axenda de enderezos do Xestor de correo.
-
Permite a conferencia de audio/vídeo H.323 e o direccionamento IP
dinámico.
-
Chama a través de módem ou de rede local.
-
Permite o correo de voz.
-
Posibilita a transferencia de arquivos.
-
Soporta módulos externos.
Outras fontes de información
Netscape
Communicator 4 and Navigator 4 FAQ
Frequently Asked
Questions about Communicator 4.x
Folla
de datos (en portugués)
Notas
[1] Netscape lanza simultaneamente
dúas iniciativas de interese para o proxecto Xis; por unha banda
permite a localización do Communicator 4.x, e por outra transforma
o Communicator 5.x de software de propiedade en software libre, ofrecéndolle
o código fonte da versión 5.0 á comunidade internacional.
Para máis información sobre os tipos de software, véxase:
A Fundaçom
para o Software Livre e o projecto GNU
[2] Mensaxes de
correo electrónico escritas en formato HTML. Antes de enviar unha
mensaxe rica cómpre estar seguro de que o destinatario ten un xestor
de correo que entende o HTML, pois en caso contrario, o que verá
o destinatario será unha mensaxe inintelixíbel.
¿COMO
BAIXALO E INSTALALO?
-
Báixao indo a esta
páxina.
-
Se tes unha versión posterior á 4.03 do Netscape Communicator
instalada, debes desinstalala antes. No caso contrario non terás
que facer nada.
-
Executa o arquivo que acabas de baixar e sigue as instruccións de
pantalla.
-
Baixa o parche para que che funcionen os applets de Java, premendo aquí.
-
Este arquivo ten formato ZIP; debes extraer só o arquivo 'leme.txt',
ler as instruccións que contén, e extraer a continuación
o resto dos arquivos deste Zip segundo se indica en 'leme.txt.
|
|