Ravachol
Actualizado: 30/11/2002

 

 

 

 
NOVAS

Últimas novas

 
 

GAITERADA DE PRORESTA

30/11/2002

Proposta de reunión musical para protestar pola actuación das autoridades frente o problema do Prestige.

A Asociación da Gaiteiros Galegos, e outros colectivos de músicos, pretenden
convocar unha gaiteirada para o día 6 de decembro en Santiago de Compostela,
como protesta pola actuación tan lamentable dos nosos dirixentes no caso do
des-Prestige.
Máis información
Xaneco: 696431657 / 982 393 278
A Melga: 981 59 05 02 info@amelgaweb.org

Máis datos: Páxina oficial de Amelga

 

UN DISCO SOLIDARIO CONTRA A MAREA NEGRA

29/11/2002

Anúnciase a posible publicación dun disco que tentará apoiar ós afectados pola marea negra do Prestige.

Mercedes Peón, A Quenlla, Budiño, Carlos Núñez, Berrogüeto, Anubía y Uxía son os nomes que soan para a elaboración dun disco que preténdese que vexa á luz dentro de seis ou sete meses. O obxectivo é que tódolos participantes renuncien os dereitos de autor e cedan a cantidade os damnificados pola traxedia.

Máis datos: Faro de Vigo

 

RAICIERAS 2

29/11/2002

Percedes Peón anuncia o lanzamento da segunda entrega de Raicieras, unha serie de discos de recolleita.

Có fin de celebrar o 25 aniversario de Xacarandaina, o frupo onde se formou Peón, vai publicar a segunda entrega de Raicieiras, unha serie de discos con grabacións de campo. Nesta ocasión, afirma Peón, a selección é máis purista e tenta abranguir tóda-las variedades musicais que hai en galicia.

Máis datos: La Opinión de A Coruña

 

PLATAFORMA BURLA NEGRA: XUNTANZA DE MÚSICOS

27/11/2002

Ás 19 horas na Casa das Crechas (Santiago de Compostela) hai unha xuntanza de músicos para tomar decisións verbo da desfeita do Prestige.

Velaquí está. Somos a Plataforma contra a Burla Negra

Burla negra é a marea que estamos a padecer nas nosas costas e mesmo nas nosas vísceras. É burla e é negra porque está a suceder unha vez máis e van moitas.

Unha burla negrisima é a actitude irresponsable dos gobernos. Intentan unha burla estupida e escura coa planificación e o control da información coa que queren engañarnos, coa que pretenden calarnos unha vez máis.

Mais non o permitimos. Somos galegos e galegas libres que imos dicir e comunicar o que pensamos e para iso nos xuntamos. Somos persoas dispostas e activas que cremos na cultura, no ensino e na información como formas de mover o mundo. Ninguen nos vai calar. Somos piratas.

Burla Negra era tamén o nome do barco do derradeiro pirata galego, Benito Soto.

Somos a Burla Negra. Somos a Plataforma contra a burla negra, actores, escritores, pintores, escultores, creadores, profesores, comunicadores, pensadores, faladores... cidadáns deste País indignados e afectados, cheos de petróleo.

Somos todos os que sabemos que non podemos calar mentres nos envorcan de merda.

Avante toda. O mar é noso.

Máis datos: Burla Negra en Vieiros

 

MARÉ SOLIDARIA - CULTURA SOLIDARIA

23/11/2002

Información sobre unha niciativa das xentes da cultura en prol da Galiza mariñeira

Transcribimos literalmente:

Para o luns 25 de novembro ás 18 h. no Auditorio de Galicia (sito na Avda. Burgo das Nacións s/n de Santiago de Compostela) está convocada unha xuntanza aberta, dirixida a todas as persoas e colectivos que traballan no noso país no ámbito da cultura.
As razóns que nos moven a impulsar esta xuntanza residen na necesidade de activarmos conxuntamente unha resposta ampla e solidaria, ante o grave desastre ecolóxico, social e económico provocado pola maré negra do petroleiro Prestige nas nosas nosas costas, entendendo que esta resposta ten que, por unha banda, transmitir a nosa solidariedade e apoio coas xentes da Galiza mariñeira golpeada unha vez máis nestes días e, por outra, demandar enerxicamente dos poderes públicos o desenvolvemento de accións que minimicen o impacto deste tráxico feito, tanto desde o punto de vista social, como de económico ou o ambiental.
Séndomos conscientes de que desde outros ámbitos da sociedade galega (sindicalismo, organizacións políticas, movemento veciñal, confrarías...) se está a traballar estes días na elaboración dun programa de accións e medidas encamiñadas a responder de maneira axeitada á actual situación, tamén entendemos as persoas implicadas nos máis diversos sectores da cultura estamos en disposición de facer un contributo aberto e xeneroso para con esta causa.
Con ese horizonte, fixemos esta convocatoria urxente de xuntanza para o vindeiro luns, que che facemos chegar, na esperanza de podermos contar contigo ben para a devandita reunión, ben para as futuras actividades que desde a Maré Solidaria poidamos levar a cabo.
· Luís Bará, concelleiro de Cultura de Pontevedra
· Alberte Momán Naval, membro das Redes Escarlata
· Sechu Sende, directiva da AS-PG
· Paula Ríos, colectivo Bambán
· Rafa Villar, directiva da AELG

 

NOVO NÚMERO DE A GRILEIRA

21/11/2002

Sae o número 4 desta revista on-line arxentina da Fundación Xeito Novo de Cultura Galega.

Dos seus contidos destacamos, entre outros, a publicación de tres rexistros sonoros, a análise do disco de Alan Lomax recentemente publicado ou a entrevista a Noitebra. Moi recomendable.

Máis datos: http://www.agrileira.com/

 

SUSANA SEIVANE, XIRA POR EUROPA

21/11/2002

A gaiteira promociona o seu ben facer polo continente.

Susana Seivane, que rematou a xira por Estados Unidos, comenzou onte en Ámsterdam no New Gtwin theatre de Ámsterdam. Hoxe estará en Enschede, mañá en Leeuwarden e rematará a súa xira en Rótterdam o vindeiro sábado.

Máis datos: Cultura Galega

 

HOMENAXE AO GAITEIRO EN A CORUÑA

13/11/2002

Durante os días 12 e 19 de Nadal realizarase na cidade de A Coruña un Homexe Ó Gaiteiro adicado as figuras de Pepe Temprano, Fernando Álvarez, Xosé Casal, Paradela...

Os vindeiros 12 e 19 de Nadal, na cidade da Crunha vaise celebrar unha Homenaxe ao Gaiteiro coa participación de "Donaire","Cantigas da Terra" e recibirán
homenaxe os seguintes: Pepe Temprano, Fernando Alvarez, Xosé Casal, Paradela, Cardelle... entre outros. As actuación serán curtas e serán apresentadas por un duo de actores que caracterizaran as vidas dos homenaxeados ou anédotas curiosas. O evento está organizado pola Asociacion Cultural Alexandre
Boveda.

 

VIII EDICION DO PREMIO DE INVESTIGACIÓN ANTONI FRAGUAS

13/11/2002

A Asociación do Traxe Galego convoca este premio de investigación sobre o traxe galego.


1. Establécense dous premios:
Premio na modalidade de traballos analíticos por valor de 1.200 euros
Premio na modalidade de traballos descriptivos por valor de 600 euros

2. A modo de orientación, para a presentación de traballos:
Consideraranse na modalidade de traballos descriptivos aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, medidas, patróns, onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas, pero evitando elevar esas pezas ou esos traxes, sen mais documentación que a confirme e complemente, a categoría absoluta para unha terra ou unha época.
Consideraranse na modalidade de traballos analíticos aqueles nos que, ademais se investigue quen fixo o traxe, con que mecanismos, como traballaba, en que área distribuía a sua producción. Nesta modalidade de investigación recoméndase non só a recolleita e catalogación das formas (incluindo a pescuda en inventarios post-mortem, na tradición oral ou na iconografía), senón tamén a investigación verbo das crenzas e valores relacionados co traxe, da influencia na indumentaria dos poderes relixiosos, económicos e políticos, e finalmente dos aspectos sociolóxicos, coma o dos artesáns da nosa indumentaria (zoqueiros, costureiras, etc.)

3. Os traballos achegaranse á sede da Asociación do Traxe Galego, Rua da Atalaia, n° 2, baixo, 15704 Santiago de Compostela, por correo certificado ata a data límite do 30/11/02.

4. Os traballos presentaranse en galego, en sobre pechado no que conste un lema e non poderán asinarse. O autor/a ou autores/as indicarán nunha cuartilla os seus datos personais: nome, apelidos, enderezo, teléfono e NIF, nun sobre tamén pechado no que conste o mesmo lema que no sobre que contén o traballo.

5. Os traballos deberán acompañarse da documentación ou fotografía correspondente.

6. Os traballos premiados poderán publicarse a iniciativa da Asociación do Traxe Galego, se así o estima, mantendo os seus autores/as, os dereitos de propiedade intelectual.

7. O Xurado será constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito do folclore, antropoloxía e investigación do traxe galego.

8. O fallo do Xurado será inapelable, e poderá declarar desertos un ou mais premios se considera que a calidade dos traballos é insuficiente.
O fallo do xurado adoptarase por maioría simple dos seus membros, quedando aquel facultado para resolve-las incidencias que poideran xurdir nas súas deliberacións.

9. Poderá concorrer a estes premios calquera persoa, sexa cal fose a súa nacionalidade ou lugar de residencia.

10. Os traballos, a excepción dos premiados, voltaranse os seus autores/as dentro do mes seguinte o fallo do Xurado.

11. O Feito de participar neste concurso supón a total aceptación destas bases.

 

PEPE TEMPRANO, PREMIO IAR DE FOLCLORE GALLEGO

12/11/2002

Bandas e gaita O santiagués multiusos do Sar acolleu esta fin de semana o primeiro festival internacional de Novas Bandas, do que saíron gañadores os cataláns Pitopans. Un premio que lles posibilita a presencia no festival de Novas Bandas de Venezuela. O segundo posto foi para os pontevedreses The Kambotes. E por outra parte, o gaiteiro Pepe Temprano acaba de gañar o premio Iar de Folclore Gallego que recibirá este domingo no Teatro Rosalía da Coruña.

Máis datos: Cultura Galega

 

CURSOS MONOGRÁFICOS EN LALÍN

11/11/2002

O Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín realiza ó longo do ano distintos cursos mongráficos. En breve darán inicio os de Historia da Música Galega e o Pandeireta.

O conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín informou dos cursos monográficos que vai realizar. Os relacionados coa música galega son os seguintes.

Curso de Historia da Música Galega. Impartido por Ramom Pinheiro (historiador e músico, foi productor do disco de Henrique Otero "O gaiteiro do Fragoso" e o curso pasado realizou este mesmo monográfico con notable éxito.
Duración 1 mes.
Horario: ás 18 horas.

Curso de Pandeireta Galega (Iniciación e Perfeccionamento). Impartido por Davide Salvado (alumno de canto do Conservatorio Folque, membro do grupo Ecléctica Ensenble que prepara un espectáculo co actor Carlos Branco para abril) e Uxía Pedreira.
Duración anual.
Horario: ás 16 horas.

Matrícula:
Pandeireta: 20 €/mes
Historia da música galega: 40 €

A presentación e formalización de matrítula será o Sábado 16 de nobembro
Máis Información no teléfono 669 535527 ou en folquelalin@hotmail.com

Máis datos: Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín

 

 

SECCIÓNS