Ravachol
Actualizado: 09/10/2003

 

 

 

 
NOVAS

Últimas novas

 
 

ANUBÍA, PREMIADAS EN ITALIA

06/10/2003

Os artistas do folk galego continúan a recoller galardóns no estranxeiro. Desta vez tócalle o turno ás cantareiras de Anubía, que foron premiadas en Italia por mor do traballo efectuado no seu disco Segredo a Voces.

O premio que van recibir chámase Teresa Viarengo e foi instaurado en honor a unha cantante de música tradicional da provincia de Asti, distante uns sesenta quilómetros da cidade de Turín, por ser a mellor representante do Canto Popular Contadino. A morte desta artista deu pé para que o seu nome servise como recoñecemento a un galardón que se lle entrega a traballos discográficos de grupos femininos que están vencellados á musica tradicional, xa sexa no seu apartado instrumental ou vogal, e que traballen a prol da recuperación ou conservación desa música, ou ben elaboren temas con espírito contemporáneo baseados nas raíces musicais dos seus países. Con estas premisas non é de estrañar o premio concedido ás galegas, posto que o seu álbum reflicte perfectamente esas dúas facianas nas que se move a música de raíz. Anubía aporta temas nos que a pegada das cantareiras é evidente, mais souberon anovar ese espírito para lograr mesturar con gusto a raíz e a modernidade coa presencia na obra de músicos folk que arrouparon as composicións da formación. Ademais foron quen de experimentar e xogar coas voces e os intrumentos achegándose nos sons a propostas arriscadas e cheas de vida que unían con harmonía os dous mundos anteriormente comentados para conformar un traballo de folk onde as raíces da tradición convivían perfectamente coa reelaboración efectuada pola banda. Esa interesante proposta vén de recibir agora un pulo con esta galardón, que volve deixar claro que o folk galego segue a chamar moito a atención. Anubía recolleu o galardón o pasado sábado, logo de realizar un concerto na igrexa da localidade de Asti.
A grande novidade nas Anubía e que agora xa só quedan tres pandereteiras na formación (Eva Blanco, Isabel Vilaseco e Ana Blanco) das seis que fundaron a formación.
Estas mulleres encetarán a traballar nos temas do segundo disco a finais deste ano, coa vista posta en que no 2004 vexa a luz. Seguirán a colaborar con músicos e din que quedar só como trío vogal lles vai permitir investigar novas formas de chegar aos seus obxectivos, posto que, nun principio, notarán a falta das compañeiras. O premio Teresa Viarengo foi concedido en anteriores edicións a grupos como as finesas Värttinä ou as catalanas de Les Violines.

(Autor do Texto: Óscar Losada)

Máis datos: La Opinión de A Coruña, 6/10

 

 

SECCIÓNS