En
1993 o grupo Matto Congrio editou a sua primeira e única
gravación. Nesta banda plásmanse algunhas das
mellores eséncias musicais galegas nun contexto diso
que chaman folk-rock. Paddy Moloney dá a benzón
ao grupo tocando uilleann pipes nunha das suas pezas.
O nome de Matto Congrio era idea de Anxo Lois Pintos,
un inquedo multiinstrumentista que o mesmo interpreta a gaita
que o violín que a zanfona ou o saxo. Pintos xa traballara,
ainda adolescente, xunto a Carlos Núñez e Santiago
Cribeiro no seo da Escola-Obradoiro da Universidade Popular
do Concello de Vigo. Os tres formaron parte de Matto Congrio,
un grupo que unia virtuosismo coa inovación. Os temas
próprios de Pintos, como Gaseadas formas globulares
ou Cristol de insectos imposibels tiñan un particular
brillo de sorpresas, sobretodo no tratamento dunha muiñeira
no primeiro deles. Núñez pola sua parte enchia
coa sua gaita ou as flautas un son brillante afastado dos pastiches
celtoides en mente de todos. Pero parece que a incompatibilidade
de caracteres entre Pintos e Núñez, entre o surrealismo
do criador e a disciplina do intérprete virtuoso, non
tiña cabida nun mesmo entorno. Democraticamente cada
un deles queda con dous compoñentes do grupo. Pintos
con Cribeiro, o acordeonista e Isaac Palacín, un batería
que seria a envexa de calquer banda de folk. Núñez
polo seu lado con Pancho Álvarez, baixista e mandolina
e Diego Bouzón, guitarrista e compositor tamén.
A
partir daqui os dous proxectos individuais de Pintos e Núñez
desenvólvense con rapidez e oferecen sendos frutos neste
mesmo ano confirmando unha vitalidade criativa da cena musical
galega. Ainda que desde o ponto de vista da produción
e obxectivos, tamén industriais, ambas as obras están
lonxe, e a de Núñez poderia escurecer o traballo
de Berrogüetto, o grupo que Pintos formou antóllasenos,
aceitando a plena subxectividade da opción, como unha
conceición musical máis dotada de alma, menos
apoiada en axudas alleas e máis baseada no seu próprio
espírito renovador.
A
irmandade das estrelas, o disco plagado de figuras, que
Núñez puxo en circulación, debe ir xa polos
50.000 exemplares, converténdose no maior exito comercial
da música galega, e iso que o lanzamento cara o mundo
celta será a partir de Xaneiro e esperando unha resposta
positiva, na que sen dúbida terán moito que dicer
participacións como as dalguns Nightnoise, os Chieftains
nos momentos máis irlandeses como Os gaiteiros da
noite, ou The Flight of the Earls ou a guitarra máxica
de Ry Cooder, nunha fantasia de sabor mexicano, Nubes del
otro lado e en Negra Sombra, un poema de Rosalía
cantado en galego por Luz Casal. Pensando no mundo latino, incluiusse
a Dulce Pontes con Lela sobre letra de Castelao ou á
Vieja Tropa Santiaguera cos que Núñez fai Para
Vigo me voy do léndario Ernesto Lecuona. A contraditória
personalidade do gaiteiro de Vigo, as suas declaracións
forzadas de hispanidade a El País, non deben tampouco
agachar a evidente brillantez, se acaso excesivamente académica,
desta gravación, onde hai momentos de perfeita conxunción
e fermosura como El villancico para la navidad de 1829
composto orixinalmente nesa data por José Pacheco, o
mestre de capela da catedral de Mondoñedo.
No
outro extremo encontramos Navicularia, o debut de Berrogüetto
editado polo selo Do Fol. Para achar as suas cifras das vendas
teríamos que dividir por dez os resultados de Núñez,
e quizais ainda sobrase algo. Pero non hai que minusvalorar
a aportación de Pintos que co seu grupo causou impacto
na cena galega cun directo potente, carregado de imaxinación
e de melodias efectivas. Os arranxos das melodias tradicionais
e a música de autor danse na man con frecura en temas
como Navicularia que é unha auténtica abertura
folk, Valseiro o as duas partes de Vilabalcán.
Cancro Crú orienta a música do grupo por
camiños pancélticos. Impecábel é
tamén a utilización das voces das sete pandeireteiras
de Cantigas e agarimos, traballando coas cordas vocais nese
limite casi des-humano da tradición de cantigas, como
o tema Anubia e de unha forma menos trillada en O
mandil, tema do harpista do grupo Quico Comesaña.
Berrogüetto,
con violín (Quim Farinha) e guitarra (Guillermo Fernández)
ademais das duas gaitas, os teclados, zanfonas, saxos e teclados,
son basicamente un grupo acústico con bateria. O son
en directo senembargo sabe conbinar o suave co abraiante, e
en disco, e aqui arte do mérito debe ir para Jean Phocas
que dirixiu a gravación nos estúdios Elkar, souberon
recoller toda a textura de cada instrumento cunha pureza excepcional.
Unha obra que marca un bon ponto de atraque neste percorrido
pola música popular galega.