Ravachol
Actualizado: 20/09/02

 

 

"Fuxan os Ventos"
no rexurdir cultural e autonómico de Galicia


Artigo feito a partir da información aparecida no numero especial "Cancións para todos nós", de A Nosa Terra por Xesus Mato Mato.

O conxunto musical "Fuxan os Ventos" e "A Quenlla" (a continuidade) supoñen algo máis que pura música nestes ultimos anos da vida galega. Desde a música participaron nas tensións do rexurdimento de todo o povo. O seu impacto na sociedade galega, sobre todo na década dos setenta, foi significativo. Aínda segue a selo. Vaia por diante que "Fuxan os ventos" non o forman só as tres dúcias de persoas que chegaron a ser os seus compoñentes durante estes anos. Con eles traballaron e colaboraron, de forma moi directa, centos de persoas. Especialmente é preciso reseñar: os vellos poetas da diáspora e os da nova xeración galega, membros das primeiras asociacións culturais galegas, mestres, cregos, estudantes, etc., e sobre todo xente sinxela do mundo rural aportando as cancións populares e dando pulo aos compoñentes do grupo.

Na biografia de "Fuxan os Ventos" hai duas etapas definidas: unha pasada, do 1970 ao 1982, e unha presente, do 1982 ó 1991-….

Antes de falar delas compre situar o contexto socio-político-cultural-musical-relixioso no que nace e medra o grupo. É necesário coñecer o contexto para interpretar, axeitadamente, o texto. No momento que naceu Fuxan estabamos a vivir a corrente hippie, a revolución frustrada do "maio francés" do 68, as movidas músicais do celtismo e da música inglesa e americana, as simpatias polo mundo do leste europeo e as espectativas e esperanzas do Concilio Vaticano II. En España, en plena euforia do desenrolo económico, comezado na década dos sesenta, vivimos a etapa decisiva da transición política: revoltas estudantís e obreiras, morte de Franco, legalización dos partidos políticos, elaboración e aprobación da Constitución, liberdade relixiosa, primeiras eleicións xerais ao Parlamento e primeiro governo democrático. No campo musical, a proliferación dos cantautores da canción protesta. En Galiza, ademais do estatal, encontramonos con unha realidade que abrangue revoltas estudantís en Santiago e obreiras en Vigo e no Ferrol, o referéndum para o Estatuto de Autonomia e primeiras eleicións ao Parlamento (1980). No campo cultural musical: a nova canción galega, Voces ceibes (1966-70), a aparición e saída ao mercado da revista Teima -morreu de seguido-, o semanário A Nosa Terra e a revista Encrucillada (1976); nacemento da primeira casa discográfica galega, Ruada e o Decreto de Bilingüismo (1979); nace Edicións Xerais de Galicia (1980); Lei de Normalización Lingüística (1983) e cria-se a Radio Televisión de Galicia (1984). No campo relixioso: do 1974 ó 79, celébranse as asembleas diocesanas e as sesións plenárias do Concilio Pastoral de Galicia que espertara grandes esperanzas en moitos sectores inquedos da sociedade galega. Neste contexto nace, medra, loita e evoluciona "Fuxan os Ventos".

Un pasado: Fuxan os Ventos

Un grupo de rapaces e rapazas, case todos eles de Maxisterio e de orixe rural, cantan, en grupo ou en solitário, cancións do folclore universal non galego polo simple feito de se divertiren. Son invitados a formar parte do coro de voces brancas do Colexio Menor Feminino Santísimo Sacramento de Lugo (do Bispado) e intégranse plenanente. Abundan voces graves moi boas e enriquecen o coro. Actuan conxuntamente e participan na parte musical da Misa de enfermos de Radio Popular (1970-71). Dentro do coro créase un grupo mixto de música folk, formado por doce compoñentes. O grupo chamouse Folk 72, polo ano de nacemento. No III Cancioneiro de As San Lucas de Mondoñedo, levan o primeiro premio coa canción "Fuxan os ventos", que logo pasaria a ser o nome do grupo. Participan en festivais, recitais, concursos, programas de radio, colexios, vilas da provincia, etc., e van meténdose na música popular galega. Colaboran co resto do coro e outros grupos na montaxe e mostra de "Galicia canta ó Neno", un remexido costumista-cultural-musical escenificado, do xeito de vivir o Nadal en Galicia os nosos antergos. Seguen participando na Misa de Radio Popular. Nesas datas empezan as ofertas para gravar discos. Son rexeitadas por medo á comercialización do grupo e a meterse na roda do negocio discográfico. Deste xeito percorreron os anos 1973-74. O ano 1975 foi un ano difícil e decisivo. Aparecen duas tendencias: unha conservadora, na liña de folclore universal, e outra máis comprometida: só música galega, popular e nova, cun compromiso coa cultura, co idioma e a realidade galega. Ráchase o grupo e quedan os da liña do compromiso. Recomponse o grupo e percorren os teleclubes da provincia, con "Galicia canta ó Neno," e outros recitais de música popular e algunhas cancións novas, con denuncia e mensaxe. O contacto co povo fai que empece a albiscarse xa o talante da liña do grupo. No 1976, con certa madureza musical e clarificación plena da liña a seguir, conscientes de que é preciso espallar o que se está facendo, chegan a un acordo coa casa discográfica Philips, con estas condicións (asumidas a contrapelo pola multinacional): gravar à sua maneira (sen arranxos electrónicos), manter a liña do grupo, compromiso político apartidista e non comercialización do grupo cara adentro. Os ingresos posibeis irán para edicións de libros. No 76 sae o disco de longa duración "Fuxan os Ventos". Actuacións en Madrid, Barcelona e Galiza. No 1977 sae o segundo disco: "O Tequeletéquele", (Philips, 1977), con máis temas de denuncia-mensaxe. Seguen a cantar na Misa da radio, representan "Galicia canta ó Neno" (28 actuacións en dous meses) por toda Galicia e transmisión, en directo, desde o Teatro Colón da Coruña a través da TVE en Galicia. Participan na "1º Romaxe" que organizan Irimia e Encrucillada, na que colaborarán na maior parte das edicións. Este ano producese a segunda escisión do grupo, por mor de mante-la independéncia política. Os tres anos seguintes -1978,79 e 80- son os anos "do boom musical en Galiza". "Fuxan os Ventos" actua, a eito, en Galiza, España e o extranxeiro. Bruxelas, Paris, Zurich, Lorient, Brest, Lisboa... centros galegos de España... e realiza unha Campaña Cultural en zonas de montaña, con 30 actuacións en vilas e aldeas da provincia. Grava "Sementeira" (Philips, 1979), "Galicia canta ó Neno" (Philips), edita o libro "Galicia canta ó Neno" (Ed. Albarellos) e a casa discográfica, pola sua conta, reedita os principais éxitos do grupo, no disco "Chegaremos" (Philips, 1980). No 1989, Radio Popular de Vigo declara a "Fuxan os Ventos": "A entidade galega máis distinguida no eido musical do ano". No 1981 sae, en Ruada, o quinto disco: "Quen a soubera cantar". Un intento fracasado de axudar a levantar a primeira casa discográfica galega. Musicalmente foi un disco moi elaborado, pero con perda do estilo inicial do grupo No ano 1982 producese o definitivo rachamento do grupo. Razóns músicais, comerciais e políticas fan insostibel a continuidade dos compoñentes daquela etapa. Vanse tres dos fundadores e quedan os seis restantes que polo feito democrático do numero quedan co nome. Máis tarde seria rexistrado comercialmente a nombre dun membro do grupo, co consentimento do resto, ningun deles cofundadores. Amba as duas partes vense na necesidade de recompor a desfeita. Os que se quedan co nome gravan "Noutrora" (Fonomusic, 1984), con temas elaborados de antes e dos próprios. Os outros fundan "A Quenlla" co gallo de manter a continuidade da liña marcada dende a sua orixe.

Un presente: A Quenlla

Consumada a división, na seguinte etapa (que dura máis ou menos tres anos) o novo grupo "A Quenlla" adica-se a preparar novas cancións e nova xente. Seguen os contactos con poetas da nova xeración galega, elaboran novos ternas, seguen na labor de recollida e preparan a gravación dun novo disco, do que o mesmo titulo reflicte o contido: "Os tempos ainda non son chegados" (Avalón Discos, S.A. 1986). Trata de amosar, nos seus temas, a realidade galega dese tempo. Habia moito que dicir despois dos catro anos de siléncio. Vén a ser a história de Galiza, a xeito de romance. No 1988, coas eleicións ao Parlamento Europeu e as nosas reconversións salvaxes na industria, no mar e no campo, sae o disco "Europolis, 88" (Avalón Discos, S.A. 1988). No 1989, en colaboración coa Xunta de Galicia grava a música para o video "A historia da lingua galega" (Ofhiusa, Lugo, 1989), que seria distribuido polos colexios e centros galegos. Seguen a participar nas Romaxes e voltan a participar en actividades culturais, dentro e fóra de Galiza. No 1990 sai o disco co titulo dunha frase de Pimentel, "Mais aló da néboa" (Sonoland, 1990), do poema "Cunetas". Seguen a estar na idea orxinária os seguintes: "Nadal en galego", "Terra" e "A casa que nunca tivemos", ainda que a realidade galega sexa un pouco distinta: mellorada, pero evidentemente, mellorabel. Resta moito camiño por andar.

O ideário do grupo

Até aquí a sua obra publicada, un atisbo da sua loita interna e a sua repercusión externa. Pero dentro hai moito máis. Para chegar á liña definida dos últimos anos "Fuxan os Ventos-A Quenlla" tivo que padecer e sufrir o camiño da sua própria evolución e desenrolo. Fíxose ao camiñar. Houbo un longo proceso.

Reseñada a realidade social de Galiza e a boa acollida por parte da xente sinxela e non contaminada do povo, só queda apuntar a sensibilidade do grupo e a sua intencionalidade e ideário.

A xente do grupo, pouco a pouco, decatouse da riqueza e fartura que aniñaba no fondo da alma do povo. Descubriuno no trato con eles a través das cancións, dos romances, lendas, cantigas e xeitos e maneiras de se comportaren. Déronse conta de que a través da música popular (a deles) habia unha plataforma excelente para comunicarse, para transmitir algo. Era unha comunicación intelixible. A linguaxe "da música e da palabra conxuntadas" chegaban á xente. Multiplicaron os contactos, actuando gratuitamente en moitos povos, e ao mesmo tempo que espallaban o que xa tinan, recollian o que cada povo e lugar ia aportando. Compartiron cantos, ruadas e festas e recolleron milleiros de cancións e coplas populares por todo o pais galego. Para seren auténticos e teren dereito a dicer algo, cumpria "ser e estar" libres, ceives de ataduras. Por iso rexeitaron a sua pertenza a algún grupo político, de poder ou de influéncia A cultura é patrimonio de todos. E, se alguén ten algún direito adquirido, é o polo rural, que foi, realmente, o que soubo conserva-la. Con este principio de base, coa sua liberdade e independéncia, con unha estrutura musical popular, con letras tradicionais e mensaxes de afirmación e denuncia actuais (ao cincuenta por cen), co forte apoio dos poetas, lanzaron estas grandes ideas: que somos un povo, que temos unha identidade própria, unha cultura determinada e específica, que queremos ser donos do noso destino, que hai que arrincar medos e complexos, que fe e galeguidade van xunguidas, que fóra lixos e contaminacións, caciquismos e opresións... que temos que loitar pola unidade, pola liberdade, pola verdade, pola cultura, pola defensa do idioma... ¡por sermos nós mesmos! Este xeito de comunicar, cunha digna calidade musical, prendeu lume na xente aberta á esperanza.

Unha mensaxe inmorrente

Cando no ano 1972 apareceu a canción "Fuxan os ventos", a sua letra, con raigame popular na estructura musical, apunta a liña a seguir polo grupo. Lembremos: "Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia ainda esta de pé... Fuxan os ventos dos agoreiros... fora lembranzas... veñan homes rexos e fortes, con ollos limpos, traballadores, que espallen xuntos... o desenrolo do noso fogar... Anque choren os campos a sua orfandade... morran os vellos afogando as penas... fuxan mozos e mozas á terra allea... no noso povo latexa a forza dun mundo novo... Co traballo, a xuntanza e a fe; coas escolas, leiros, prados e o mar... queimaremos penas mortas ata o fin, ó carón desta esperanza que xa brilla nesta terra. Asi loitaremos nós". (Fuxan os Ventos, 1972). Agora, ainda é preciso dicer que "os tempos non son chegados", e, con Pimentel "eu ben sei que hai un misterio na nosa terra, máis alá da néboa, mais alá do mar, máis alá da chuvia, máis alá do bosquen." (Mais alá da néboa, 1990). No intermedio destes 20 anos, "Fuxan os Ventos-A Quenlla", co fondo sempre presente de fe e confianza neles mesmos e no seu povo, espallou e cantou a esperanza, a liberdade, a unidade, a xustiza, a solidariedade, a emigración, o idioma, a muller, os vellos e nenos, … Ao mesmo tempo elaborou letras e música para temas puntuais. Perto de 30.000 coplas estan a ser estudadas e clasificadas á espera de seren publicadas e espalladas. O colectivo Tremillado, do que forma parte os primeiros fundadores do grupo, están agora mesmo nesta labor.


SECCIÓNS



(c) 2001 Ravachol - proxecto desenrolado dentro de galego21.net
Contacto:
ravachol@galego21.com