Ravachol
Actualizado: 08/10/2002

 

 

 
Entrevista a Quico Paz Antón
 
Quico Paz Antón e membro do grupo Na Lúa co que toca dende mais de vinte anos.

Como empezou o grupo?
Na Lúa comezou sendo un grupo de músicos aos que lles gustaba crear a súa propia música. Non había prantexamentos de tipo profesional, en absoluto. Pouco a pouco íamos tocando en eventos de maior importancia. Despois nos propuxeron gravar o primeiro disco. No sentido artístico, que é o máis importante, tratábase de poñer a nosa creatividade ao servizo dun movemento musical galego que estaba nacendo. As referencias galegas dese momento eran Emilio Cao, Milladoiro e Doa, propostas nas que participaban músicos que anteriormente estiveran en Voces Ceibes ou no Movemento Popular da Canción Galega. Músicos que, dalgún xeito, dan o salto do concepto "cantautor" ao que se denominou -entre outras cousas- folk. Naquel momento había unha serie de músicos que escoitabamos o que se estaba a facer noutros países e buscando unha adecuación á situación galega. No fondo tratábase de traballar cun material totalmente desprestixiado naquel momento, a música tradicional, coa persoal visión de cada artista que -en xeral- non era de corte museística. Tratábase de volver os ollos á terra e redescubrir o son da gaita, da zanfona, da harpa, da mandolina ou do violín.

Como era o mundo musical naquela época?
Os gustos musicais eran máis ecléticos. Escoitabamos discos de Vivaldi ou de Erik Satie, de Led Zeppelin ou de King Crimson, de Quilapayún ou de Vístor Jara, de The Chieftains ou de Kolinda, de Charlie Parker ou de Ornette Coleman, de Amancio Prada ou de Jose Afonso... En Galiza as infraestructuras do folk daban risa. O marketing era unha palabra case descoñecida. Non había axencias de contratación, nin estudios de gravación. Unha gaita era un instrumento de "inevitable" desafinación. Había tamén unha escasa música comercial en galego. A música de recreación tradicional e os luthiers de instrumentos autóctonos estaban feridos de morte. A propia práctica da tradición oral chegaba á súa extinción tras un proceso que comezara co incio do século XX.

Os ritmos lusitanos que se escoitan nas vosas gravacións e debido a vosa situación xeografica ou mais ben as ganas de facer algo diferente?
A nosa proximidade a Portugal é evidente, tanto no aspecto xeográfico coma no artístico. Tamén se pode vivir na Coruña é sentir proximidade coa literatura, a música ou a gastronomía portuguesa. É certo que queriamos facer algo diferente e, sobre todo, enviar un aviso estético sobre o perxudicial que podía ser a invasión da música celta entendida como a primacía absoluta da música irlandesa e bretona sobre a galega. E hai outra razón que quizais explique mellor a nosa querencia lusitana: a paixón pola música de Zeca Afonso, con quen tivemos o pracer de dialogar, e a admiración por músicos como Fausto ou Julio Pereira, que colaborarían con nós en diversos traballos.

No voso primer disco escoitabase tamén moitisimo ritmo jazz. Porque decidistes abandonalo?
En realidade máis que "moitisimo jazz" escoitábase un pouquiño de jazz. Hai un só de guitarra no final do disco que é memorable, pero a penas dura un ou dous minutos. Darío Moreira, que daquela tocaba as guitarras acústica e eléctrica, gustaba moito do jazz e era quen realmente tiña aptitudes. Despois interesóuse moito polos cancioneiros de música tradicional. Non houbo unha decisión de abandonar o jazz, simplemente reflectíamos nos temas as cousas que en cada momento máis nos emocionaban.

No ano 1988 sacastedes o voso proxecto mais arriscado: "Ondas do mar de Vigo", un disco no que se atopa fotos, pinturas, poemas, musica e para o cal rodaronse catro videoclips. Canto tempo vos levou facer un proxecto así?
Aproximadamente, un ano. Tratamos de mostrar unha certa actividade artística ao redor do mar de Vigo en diversas ondas. É salientable, por inusual, que as letras foron feitas por poetas despois de crear as melodías. Foi gravado en Lisboa e conta coa colaboración -antes de que se puxeran de moda as colaboracións- de varios músicos galegos e portugueses.

Como reaccionou a crítica tras a sua saída ao mercado?
Bueno foi "Premio da Crítica Galicia 1989" no apartado de música, e este era o premio de maior prestixio do país. Sen ánimo de presunción, diremos que, pola música e tamén no aspecto conceptual, é un disco básico da discografía galega. Perdoade a falta de modestia pero parécenos unha análise obxectiva. E iso nótase na distribución, silenciosa pero constante, que aínda hoxe ten nas tendas a reedición en CD publicada por Boa. Houbo algunha crítica negativa dun bo amigo, Xan Manuel Estévez, no tocante ao uso da programación de percusións electrónicas. Sen embargo hoxe, cando prolifera o uso de tecnoloxía musical electrónica, non se fan críticas nese sentido. Para nós, isto subliña o carácter pioneiro dunha proposta que se adiantou -neste sentido- dez anos.

Falouse moito da saida de Uxia, pero menos da de Pancho Álvarez. Cal foi a razón tras tocar co grupo durante uns quince anos?
Nos últimos tempos Pancho Alvarez tiña a necesidade de ter máis experiencias musicais. Iso levóuno a participar en Matto Congrio, Tres e, posteriormente, a formar parte da banda de Carlos Núñez. Nun momento dado fóille imposible simultanear estas experiencias dando preferencia a Na Lúa e decidiu adoptar a posición que agora mantén e que todos/as coñecedes. Foi unha decisión que el tomou e que lle custou moito. Por outro lado, a boa relación de colaboración e amizade que mantemos coas persoas que estiveron en Na Lúa, fai que Uxía, Darío Moreira e Pancho Álvarez, sigan sendo -en certo modo- compoñentes de Na Lúa. De cando en vez aproveitamos para xuntarnos todos de novo nun escenario: O Porriño, Ortigueira, Cambados, Tui, etc.

Tras a publicación do voso último disco pra celebrar o XX aniversario do grupo, circulou un rumor como qué o grupo ia desfacerse. Houbo realmente un periodo no que o grupo veu o seu futuro comprometido?
Bueno, o noso propio himno nacional se pregunta iso de ¿qué din os rumorosos...?. Nós quixemos facer un punto e aparte co disco "As fases de Na Lúa" pero a intención non era abandoar, sinón encarar unha etapa nova na que nos preocupa o grado de "estandarización" acadado pola música galega. Unha "estandarización" repetitiva de modelos que apareceron no final dos anos setenta e nos primeiros anos oitenta. Esta é unha forma de ver o tema, moi particular nosa, e, por suposto, non ter por que ser compartida. Pero esta é a nosa inquietude e traballamos en dar a nosa resposta -non sabemos cando-. Nos grupos é normal que existan cambios de compoñentes. Habitualmente se asocian esas circunstancias a crises que viven os colectivos. Tamén é un factor importante a saída do segundo ou tercer disco dun artista. É o momento no que un artista comeza a ter tamén pasado e non só futuro.

Cales son os proxectos de Na Lúa pra os anos que veñen?
Seguir creando co ritmo natural da vida, dos planetas e dos satélites: lúa chea, menguante, lúa nova, crecente...

De nonde ven a vosa "arma secreta", o charrasco?
Este instrumento de percusión, tan peculiar, estaba moi en desuso. Outros grupos -como Muxicas- téñeno revitalizado e nós, que non somos especialistas en folklore, temos difundido ampliamente o seu son e a súa espectacular presencia no escenario. Gostamos moito de coñecer a un seguidor noso de doce anos que toca o charrasco no grupo do Centro Galego de Madrid. Se estades interesados no aspecto etnográfico do instrumento buscade nas páxinas da rede ou en textos de musicoloxía.

Que millorarían no mundo musical galego de hoxendía?
Mellorariamos as condicións laborais para que Galiza poidera contar con cen ou duascentas persoas dedicadas á creación musical. Referímonos ao ámbito do folk e da música tradicional, que, por suposto, non é toda a música galega.

Crendes que hai algunha posibilidade para a criación dun nome, dunha "marca" que nos distinga do resto do folc, unha denominacion propia tal como o "flamenco" en Andalucia ou por contra, sodes da opinión extendida entre alguna xente do sector que prefire -quizáis polos seus gustos propios- chamarlle ao seu estilo Celta?
Os calificativos son o de menos, o importante non é a marca sinón a aportación artística e o desenvolvemento da nosa industria cultural. Por outro lado a competitividade, que se radicalizou nos últimos anos da nosa música, impide -ou non propicia- crear plataformas de expansión en clave colectiva. Vivimos tempos de individualismo feroz, de busca do éxito a calquer precio e baixo os dictados das multinacionais discográficas. Con esta ideoloxía dominante é moi difícil avanzar en proxectos comunais. O término Celta funciona de dúas formas: difusión internacional de música irlandesa e do Reino Unido -e en menor medida, bretona ou canadiana- e difusión no interior do estado español. No primeiro caso, a música galega ten moi pouca presencia no contexto internacional, e aínda que os galegos se poñan a etiqueta de celta iso non implica entrar na difusión internacional. Evidentemente é un problema económico. No segundo caso, o mercado interior do estado, a denominación funciona pero como unha marca comercial, sen a necesidade dunha localización cultural xeográfica ou dunha tradición constatable. Neste sentido abonda con dicir que un dos mellores negocios do celtismo naceu en Valladolid. En resumo, a etiqueta celta non serviu, de momento, para afianzar a música galega no contexto internacional e funciona no estado español cun criterio comercial.

Que opinión podedes dar encol dos medios de comunicación galegos? Creedes que esta suficientemente fomentada a música folc galega ou mais ben somentes se usa para sair na foto de cando en vez?
Está claro que os medios transmiten ideoloxía. A radio-fórmula é ideoloxía. Cando a música galega adopta un carácter subalterno e se lle da o papel estelar a figuras como El Fary ou Azúcar Moreno... iso é ideoloxía. Os medios de comunicación galegos non apoiaron a música galega como apoian o fútbol galego, as festas gastronómicas, ou "Operación Triunfo". Tras inventar periodisticamente o "boom" do "novo folk galego" comezaron inmediatamente a especular sobre a caída dese boom, derivando neste 2002 a unha especie de prensa do corazón da música galega. Pero non nos enganemos, a maioría da sociedade galega non parece ser crítica cos mass-media.

Pensades que sendo un artista e posibel vivir da musica galega?
Hai artistas que viven do seu traballo na música galega, outros que comparten esta actividade con profesións variadas, e hai quen toca por simple afección. O que importa é o contido estético da música galega e, neste sentido, hai propostas de artistas profesionalizados que non deixan de ser "paparruchas" ao lado de discos de músicos que viven doutras profesións, especialmente no ámbito tradicional, onde a situación laboral dos músicos é moito máis dura. Como xa dixemos, a posibilidade de que máis artistas accedesen á profesionalidade debería incrementar o valor e a profundidade da súa obra. Aínda que nunca se sabe...

 

Outono 2002

 

SECCIÓNS



(c) 2001 Ravachol - proxecto desenrolado dentro de galego21.net
Contacto:
ravachol@ravachol.org