|
|
O
TRAXE POPULAR DE PORTUGAL E DE GALICIA
Autor:
Publicado na revista "Vida Gallega"
2ª época Nº 740, Lugo 1959
Fonte: "Etnografía y Folklore
de Galicia" - Fermín Bouza-Brey - Edicións Xerais de
Galicia (1982) Preparado por José Luis Bouza Álvarez sobre
artigos do autor.
Notas: Traducido do caselán
Entre as notas etnográficas comúns a Galicia
e Portugal que sobreviven a través da artificial fronteira política,
lembrando cómo unha mesma xente que ocupa o territorio da Galicia
histórica extendida ata o Douro, se atópa a indumentaria
popular.
Históricamente atopamos as primeiras referencias ao traxe dos
galaicos na "Geographica" de Estrabón, que nos fala da
cor escura do indumento dos homes e do brillante, con adornos florais,
das mulleres. Polas esculturas conservadas, toscas imaxes de guerreiros
en duro granito, destinado -ó que parece- a servir de estelas funerarias,
sabemos que os nosos antepasados dun e doutro lado do Miño, a parte
de enxoiarse con diademas, colares ríxidos, brazaletes, fibelas
e cintas e de acompañarse de armas, como espadas e facas, e dun
escudo defensivo pequeno e redondo, vestían un saio cómodo,
pois só lles chegaba á metade das coxas, era escotado e
as mangas non chegaban o cóbado, tecido de la ou de liño,
con adornos de losanges, e outros motivos xeométricos. Pero este
vestido, acaso de combate pola súa sinxeleza que permitía
a lixeireza de movementos necesaria, cobríase cun manto... Máis
deixemos ós arqueólogos para desfrutar do traxe actual,
é dicir, do traxe tradicional do Miño e de Galicia, en especial
do feminino, que ven sendo, dende o século XVIII polo menos, o
característico das nosas mulleres, teca preciosa da súa
gracia e do seu pudor, que permitiu durante o baile da muiñeira
ou do vira dar, coas suas saias amplas e ricas,
aquelas voltas revirandeiras
das que se fixo eco a grande Rosalía.
O traxe popular galego-portugués (pois non é posible desartellar
unha zona etnográfica vivamente caracterizada, xa que non se trata
se non de dúas partes dun só todo) pertence a unha rexión
indumental chamada "norteña" ou "cantábrica",
que se extende e corresponde plus miniisve coa cinta ou diadema verde
que coroa a Península Ibérica, da cal son lazos ou broches
extremos a terra miñota e a navarra, pasando polas actuais Galicia,
Asturias, a Montaña e Vasconia.
Distinguense en termos xerais ós traxes populares da zona norteña
o seren de tódolos da Península, o máis europeo,
o que ten paralelismos tal vez ancestrais da orla altántica, nas
costas da "Normandía, Bretaña, Escocia e Irlanda, por
máis dun tema na súa complexa sintonía etnográfica
e folkórica" (L. y N. de Noyos).
É ben certo que calquera dos citados países atlánticos
conservan con máis amor que Galicia ó seu traxe tradicional.
Nós temos visto na Bretaña, nas festas populares, lucir
brancas cofias, de variación tan grande e ao mesmo tempo tan concentrados
os tipos en rexións que, nalgunhas romarías como na de Santa
Ana de Auray, se coñece a procedencia das belas romeiras, departindo
en grupos tribais, polas particularidades do seu tocado, mentres que na
nosa terra fai moito tempo que a belísima cofia de encaixes ten
sido substituída polo pano e este, a súa vez, desterrado
para sempre sen substituto.
Gardamos unha pequena colección de cofias, salvadas do escarnio
carnavalesco e da traza das vellas huchas, cos seus tules bordados con
galos e flores campestres, rodeando estas por veces unha sorte de custodia
ou viril de encantadora sinxeleza primitiva, que non ornarán máis
as cabezas das nosas virxes aldeás das que eran xentil aureola.
¡Pezas de museo rarísimas sen posible revivificación!
E como a cofia, o mandil negro bordado de abalorio, común a Bretaña
e Galicia, de riqueza e vistosidade inigualables, que alí está
en uso e que aquí ten caído no esquecemento máis
lamentable.
O xeito do traxe regional galego conserva, a pesar das súas lixeiras
variantes, unha homoxeneidade notable.
No home de terra adentro, a monteira, de la negra con vivos de baeta de
cor para cubrirse; a almilla de la branca ou dunha cor forte; a chambra
de liño con botóns caseiros de fío; o calzón
de pardomonte con cirolas saíntes; os borceguíns de lá
negra con vivos de rizo e os zapatos de adival, constitúen a indumentaria
de a cotío.
A indumentaria da festa varía no máis fino, non tan basto,
pano; na máis bordada e alta monteira; no chaleco máis recamado;
nas polainas máis compostas e acaso nunha faixa en torno á
cintura, con fleques colgando ao lado. Pode centrarse este arquetipo en
Santiago e a súa comarca.
No do home da costa chégase a máis graciosos ornamentos
persoais, como o emprego dun pendente de ouro nunha orella como era costume
polo lobos de mar do vello Marín.
Se no Portugal miñoto escollesemos como tipo clásico de
vestir campesino ao aldeano do berce da nación lusa, Guimarãens,
teriamos un evidente paralelismo co vestido masculino propio de Galicia,
pois alí tamén loce camisa de linho da terra, sobre ela
chaleque (colete) de peluche e sobre él chaqueta do mesmo xénero,
se ben adornada con alamares de prata; calzóns longos de casimir,
escuros coma as outras prendas e rodeando a súa cintura unha faixa
azul con fleques caendo ao lado. Cúbrese con sombreiro redondo,
con voltas en torno.
Pero onde a analoxía é case perfecta é no traxe feminino.
Para Galicia escollamos tamén o tipo compostelán da Mahía,
de Tabeirós, de Arzúa... como máis central e con
máis prendas do seu atavío, comúns con outras comarcas
galegas. Foi pintado por Fierros en Ribadeo, debuxouno Xumetra para a
"Galicia de Murgía", deseñouno Pradilla en Noia
e os seus contornos... Son traxes de certa severidade, acaso de colo de
fino encaixe, con puños apretados do mesmo adorno sutil; sobre
ela o dengue colorado, bordado con abalorio negro formando belas combinacións;
a saia ampla, de cor forte; o mandil tamén bordado e atado atrás
co lazo coloreado de longas ramas e, coroando como orla de escuma a cabeza,
a cofia branca da que atrás falamos.
Ponde sobre esto gargantillas Áureas de Padrón ou colares
de acibeche de Santiago, longos pendentes afiligranados ou medallas ao
peito, ou fibelas á cintura de prata rica polo seu traballo e teredes
o normotipo.
Por bisbarras, podedes colocar as variantes do máis moderno pano
de oito puntas, de la con frociñas mil, diminutas e de vivas cores,
ou o sombrerete de faena, de palla, con cinta negra en torno á
pequena copa e dúas caídas, particular das mulleres da ría
de Noia.
É moi coñecido o mantón bordado das muradanas, con
peiteado de longas trenzas unidas ou dunha soa ata a cintura, con pano
de seda de cabeza, ou ben colocado nesta, ou ben atado ao pescozo.
No Portugal norteño, que agora especialmente nos interesa, o máis
típico indumento das mulleres constitúeo a chamada "moda
minhota" coa que se coñece ao "traje à vianesa",
esto é, ao traxe de gala dos arredores de Viana de Castelo. Este
traxe, que presenta variedades segundo as diversas aldeas do concello
de Viana, xorde nas feiras e romarías da comarca e os seus limítrofes,
cheo de gracia e luz. Os da controrna chámanlle máis propiamente
"traje à lavradeira".
Distínguense tres tipos do mesmo, dous da costa mariñá
e outro do interior. Tódolos tres presentan liñas comúns
co traxe galego. Constan de camisa branca; xustiño estreito, especie
de chaleque que non alcanza sequera ó talle; mantón de fleque
cruzado sobre o peito, de cor viva, amarela ou roxa; saia a listas verticais,
mandil bordado, medias brancas e chanclas.
A saia diferénciase da galega en que é de cor viva de listas
e curta, mentres que a nosa é, de cor lisa e severa, parda ou negra,
e máis longa. Tamén o lenzo ou mantón cruzado sobre
o peito é máis lixeiro e breve có galego. Non se
coñece cofia no Portugal do Miño, e o dengue tampouco é
prenda de uso.
O chorado amigo e notable investigador Claudio Basto ten dedicado sabias
páxinas ao traxes da costa (Afife e Carreço, un tipo; Areosa,
outro) así como aos do interior (Portucelo e Perre).
Dos traxes "à lavradeira" o máis simple é
o de Afife e o máis complicado o de Portucelo, pois neste distínguese
o traxe "vermelho" e o traxe "azul", chamados así
polo predominio dunha ou outra cor, especialmente nos mandís, que
son moi bordado con esas cores predominantes, aínda cando o traxe
"azul", por veces soamente, vai acompañado dalgún
cativo detalle desta cor, coma florciña, pois é máis
ben un traxe serio, grave e elegante, mentres que o "vermelho"
é máis acendido, máis vistoso, máis deslumbrador.
É semellante ao traxe antiguo de Perre o traxe "azul"
de Afife, pero o de Perre é aínda máis solemne, xa
que é todo el de cor escura, mellor verdinegra, con mandil de veludo
e pano vermello e amarelo na cabeza.
Un detalle é característico dos traxes portugueses que non
aparece nos galegos: A "aljibeira" ou "faldriqueira"
que se leva á cintura bordada, xeralmente recortada en figura de
corazón.
Tamén difire o calzado, pois non atopamos en Galicia as graciosas
chinelas bordadas das mozas portuguesas.
As nosas mulleres tamén son máis parcas na ornamentación
de xoias actualmente. Non era así en tempos pasados, non remotos.
No Miño, Portugal, locen as mozas verdadeira ostentación
en ouro e prata. En Galicia, no século XVII, temos comprobado que
un dos adornos máis característicos das nosas campesiñas
era o "Agnus-Dei" en medallón colgado ao pescozo por
unha cadea de prata. Tamén caeron en desuso os grandes colares
de acibeche.
Estudiar polo miudo traxe popular galego actual e o do pasado e establecer
comparación con outros europeos é aínda hoxe unha
desiderata que alguén debe satisfacer no eido da Etnografía
peninsular.
|
|