![]() |
![]() |
|
|
Actualizado:
25/08/02
|
||
|
Autor:
XAVIER BLANCO Apuntamentos Históricos
Sobor da orixe da Gaita de Cana, podemos dicir que non hai documento algún que acredite o lugar e a data exacta do seu nacemento. Nembargantes, existe unha documentación na Escola de Whinchester (Reino Unido), que fai referencia á representación máis antiga dunha Gaita de Cana. Esta expresión da metade do século XI "CORUS EST PELLIS SIMPLEX CUM DUABUS CICUTIS", fai mención dun instrumento composto por unha simple pel con dúas canas. Cómpre suliñar, que as orixes dos instrumentos musicais están moi ligados a ósos, canas e outros materiais que teñen o furado interior natural. Esta gaita a utilizaban, fundamentalmente, os pastores. Tiña o punteiro cilíndrico e o son orixinábase nun pallón. A tenor dos datos disponibles, coincidimos plenamente coa meirande parte dos investigadores que recoñecen que a Gaita de Cana pode ser, sen dúbida, unha das primeiras gaitas que houbo na humanidade. A gaita de cana en Moaña A presencia de documentación máis notoria corresponde a metade do século XIX, onde se fai referencia a súa utilización, fundamentalmente, como instrumento de entretenimento no pastoreo local. Nos primeiros anos do século XX, cando as penurias económicas impedían a compra dunha gaita común, moitas persoas con limitacións, interesadas en tocar a gaita, non dubidaron en botar man deste peculiar instrumento, capaz de construirse dunha maneira moi sinxela, pois non reportaba gasto ningún e permitía a dixitación da Gaita común, ó tempo que emitía un son máis suave e máis doce, ofrecendo ó futuro gaiteiro intimidade na súa aprendizaxe. Segundo a documentacion oral i escrita, a gaita adoitábase facer con fol de vexiga de porco, por ser fácil de conseguir aproveitando a tradicional matanza deste animal nas aldeas galegas. En calquera caso, a mellor maneira de ter un fol duradeiro era facelo de pelexo de cabrito ou cordeiro. Para elo, lavábanse varias veces con auga salgada e, despois de seren inflados, deixábvanse secar ó aire en lugares ventilados como faiados ou hórreos. A cana collíase na primeira minguante de xaneiro, procurando elixilas con longas distancias entre nós, para logo deixalas secar un ano, coidando sempre de sacalas na solaina os días de sol, acelerando así o proceso de secado. Había tamén quen as cocía en aceite, para darlle así maior dureza e logo deixábanse secar. É ben sabido que o home sempre soubo remexer na imaxinación para darlle significado ás cousas. Este pode ser o motivo polo que nalgún momento da historia o home botara man da tradición para satisfacer algunha das súas necesidades culturais. Esta gaita colaborou dabondo na formación de tan bos gaiteiros como Os Soledás, Os Feitucos ou Os Tornillos, pois facíalles pasar unhas tardes moi entretidas compartidas coas labouras de ir co gando ó monte, nas que o tempo de espera se facía apropiado para o aproveitamento da práctica gaiteiril. Estudio comparativo
Na actualidade, podemos observar como, ainda hoixe, non levan ronco algunhas das galtas europeas. Tal é o caso das precedentes do oriente europeo, onde teñen un ou dous punteiros cilíndricos ou case cilíndricos e o seu sonido orixínase nun ou máis pallóns. Tamén se soen tocar sin fol, únicamente co punteiro, o que chamamos alimentación directa. Aparecen espalladas ó longo do Mar Adriático, sendo a zona de máis raizame Montenegro e Bosnia-Herzegovina. En calquera caso, a gaita máis parecida tímbricamente e a "gaita encantadora" da India. Con características similares ás da Gaita de Cana, pero con tan só un punteiro, aparecen outras gaitas espalladas por Macedonia, Bulgaria e Rumanía. Xa entre nós, outros gaiteiros da provincia, como Os Airiños do Parque de Castrelos, recoñecen no seu libro que os seus comezos no mundo da Gaita se produciron con punteiros feitos de cana. A mesma familia do mítico gaiteiro Ricardo Portela asegura que comezou a súa andadura gaiteiril "...con frautas e punteiros de cana feitos por eles...." tal e como manifesta ]osé Luís Calle García, no libro titulado "Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da Gaita Galega", de 1988. Técnica
En canto á afinación, é beneficioso tocar un pouco
antes, é o que chamamos mollar, para que o pallón onde emana
o son humideza de maneira que produza unha vibración axeitada para
acadar unha boa calidade tímbrica.
|
|