|
|
A
CANCIÓN EN GALEGO EXCLUÍDA DA TELEVISIÓN ESTATAL
Autor:
Mar Barros
Fonte: A Nosa Terra n°1112 - do 15
ao 21 de xaneiro de 2004 - Ano XXVII - IV Xeira
Notas: Foto: Paco Vilabarros
 |
_ |
Mercedes
Peón vén de ser escollida pola cadea pública británica BBC como
unha das seis mellores artistas do ano, pero os directivos da TVE
aínda non buscaron un oco na súa programación para falar de Ajrú,
o último disco que a coruñesa lanzou hai meses. Poucos espacios
musicais e marxinación por parte dos programadores son a única
resposta que reciben os músicos galegos e as discográficas ao achegarse
á cadea pública.
|
A música en galego está a
ser desprazada e "marxinada " na programación das canles públicas de TVE.
Mentres que as televisións autonómicas do Estado lle adican espacio a
estes artistas do país, en Madrid as letras en galego causan receo. A
solución, non incluílas na grella. Cando menos iso é o que denuncian algúns
dos músicos galegos máis destacados e discográficas como Boa, representantes
dun sector que está a atravesar unha crise profunda pero que cada vez
conta con produtos de máis calidade que triúnfan nos mercados e nos medios
de comunicación europeos.
Despois de que a BBC escollese a Mercedes Peón e o seu último disco Ajrú,
como un dos mellores temas do ano de que o top ten da revista británica
Folk Roots a colocase no seu número un ou despois de que varias
radiofómulas francesas pinchen os seus temas e lle chovan ofertas para
actuacións en pleno inverno, a TVE non reparou que o disco está a ser
un éxito. Así que nin actuacións, nin reportaxes, nin entrevistas coa
coruñesa. Para Mercedes Peón a reposta cómpre buscala na "monocultura
e o Estado español que se instauraron dende a Reconquista, onde as outras
culturas quedaron relegadas, algo que se aprecia máis aínda nos medios
de comunicación ". Considera que as televisións e as radios "réxense por
unha tendencia económica, a das audiencias, coa que lle é moi difícil
incluír temas en galego, incluso xustificar a escolla, porque coidan que
non é algo de seu ". "De seu é o flamenco, música que respecto, pero que
pasou de ser marxinada a converterse na súa bandeira ", engade Mercedes
Peón. "Non me sinto marxinada pola xente nin nos espacios alternativos,
como Radio 3 ou os festivais do estado, sen embargo a miña discográfica
xa non fai moitas presións para que saia o disco en televisión, porque
van ser inútiles ".
Operación Triúnfo, Noche de Fiesta ou Música Sí, así como as
seccións culturais dos informativos, non seleccionan artistas que acadaron
varios discos de ouro nin aqueles que triúnfan nas listas internacionais
se cantan nunha lingua "inconveniente ". Metida na boráxine das televisión
privadas o ente público prefire os contidos en inglés que os galegos,
cataláns ou vascos pasando por alto os artigos do Estatuto de Radio e
Televisión nos que se avoga pola promoción activa do pluralismo, o impulso
da diversidade cultural e lingüística e por favorecer a difusión intelectual
e artística. Dende a TVE asegurase que na selección de contidos téñense
en conta os criterios de audiencia e os principios do seu Estatuto. Os
concertos de Radio 3, que se emiten de madrugada, son a vía de escape
que utiliza o ente público para xustificar esa pluralidade. Sen embargo,
TVE só ten contabilizado o número de telespectadores de cada programa,
esquecendo computar o número de horas que lle adica á música de cada punto
do Estado.
Dende discográficas como Boa, tamén se constata o desprazamento que recibe
a música galega na programación de TVE. Para o seu director, Fernando
Luaces non só hai unha "marxinación evidente ", senón que "a música galega
non existe para a cadea. Para eles son ten cabida a comercial ". O director
engade ademais que a "música independente " pola que eles apostan non
se emite por "cuestións de promoción e pola presión que exercen as grandes
multinacionais do disco ", que xunto coa piratería, as mudanzas tecnolóxicas
e a falta de circuítos de difusión están a provocar unha importante crise
no eido da música. Para paliar esta situación, as discográficas independentes
do Estado veñen de constituír a asociación UFI, coa que tentan resolver
estes problemas, incluído a presencia destas músicas diferentes nas televisións
públicas.
Tv pública con xeitos privados
Como apunta Anxo Pintos, membro de Berrogüetto, a televisión pública réxese
"por parámetros de funcionamento económicos, como se dunha privada se
tratase ". "Hoxe en día a música non está valorada como arte senón como
un produto depreciado e de consumo, aínda que non é un fenómeno exclusivo
de Galiza ". Engade ademais que a industria do disco "non é considerada
cultura senón lecer e isto repercute nos espacios televisivos, onde son
as audiencias e as discográficas as que mandan ".
Como Anxo Pintos, case todos os músicos e discográficas coinciden na obriga
da TVE de ofrecer na súa grella un espacio para as músicas de todo o Estado,
para dar a coñecer a súa diversidade.
Rexeitamento continuado
"Sempre que a opción non é o español preséntase un problema, porque estas
músicas no teñen cabida na grella de programación ", critica Uxía Senlle.
Para a cantante esta tendencia mediática non é recente, senón que se vén
repetindo dende hai anos. Asegura que cando Óscar Ladoire presentaba na
TV2 o seu espacio de música, cun carácter máis aberto e na que incluía
todos os folclores do Estado, no momento no que se interpretaban temas
en galgo, catalán e euskera, as centraliñas da televisión colapsábanse
con chamadas que esixían a retirada das cancións porque non se comprendían
as letras. "Máis que coa xente, ten que ver coa idea do centralismo español.
A actual situación é consecuencia dunha opción política que pasa por esquecer
ás nacionalidades históricas, que agora están sumidas nun debate, incluída
Galiza ". Para a promoción do seu último traballo discográfico, Danza
das areas, Uxía Senlle non foi reclamada por ningunha televisión
estatal, a pesar de contar xa cunha carreira con certo peso ás costas,
bastante destacada no panorama musical galego e portugués.
Non embargantes, non toda a música feita en Galiza é rexeitada. Carlos
Núñez, Susana Seivane e Cristina Pato, compositores que se viron inmersos
no boom das gaitas vivido hai algúns anos, aparecen repetidamente en televisións
e radios, chegando incluso a coarse en radiofórmulas como os 40 Principales.
"A música instrumental non presenta tanto problema, -sinala Uxía Senlle-,
porque utiliza a linguaxe universal, pasando por riba das cuestións do
idioma ".
Con todo, para Uxía a peor tratada non é a galega e recorda como "sangrante
" a pateada que Fermín Muguruza recibiu do auditorio cando foi recoller
un dos Premios da Música.
Sempre queda Portugal
Ao negarse os circuítos públicos de difusión, "de xeito sutil, porque
agora a censura actúa así ", como matiza Anxo Pintos, os músicos procuran
os espacios alternativos do Estado, como certas radios e Festivais e os
mercados europeos. Holanda, Portugal ou Bélxica comezan a estar no punto
de mira das discográficas dos artistas galegos. Con resultados positivos.
FALTA UNHA ETIQUETA DE "MÚSICA GALEGA"
Sen embargo, non todos os
músicos consideran que a situación que vive na actualidade a música en
galego na televisión pública española sexa de marxinación. Bieito Romero,
o gaiteiro de Luar na Lubre, outro dos grupos que conta con máis recoñecemento
tanto no país como en Europa, que a pesar de ser dúas veces disco de ouro
polo anterior traballo tampouco pisou os platós de TVE, achaca como causa
"o abandono dos músicos, que traballan máis activamente a nivel individual
e non son capaces de vender un produto común, que se podería exportar
baixo o epígrafe de música galega ". Ao igual que o cinema galego percibe
axudas e conta cunha plataforma, para Bieito Romero tamén é unha necesidade
"a creación dunha asociación onde todos os artistas do país estiveran
representados, recibiran axudas da administración e fixeran presión para
poder ser incluídos na programación mediática ". "Se non hai sensibilidade
por parte da administración, teñen que ser os propios músicos os que se
movan conxuntamente ". Para a creación desta plataforma, o músico considera
que "se deben poñer os ollos no caso irlandés ou sueco ", e engade que
"mentres non exista un sector potente en Galiza, os músicos galegos só
se poden queixar e non reclamar ". Sen embargo, dentro do país unha das
principais dificultades coas que se atopa este sector e a ausencia dunha
industria e duns mecanismos de difusións estábeis.
DA MARXINACIÓN NO ESTADO AO ÉXITO EN EUROPA
Fronte ao mínimo espacio
mediático que se lle adica a música en galego por parte do ente público
televisivo español, os grupos máis destacados dentro de Galiza acadaron
nos últimos anos un oco nos mercados e nas publicacións internacionais.
En Europa e máis timidamente en Norteamérica, a música galega, especialmente
a folk, está a ser reclamada polo público, contando con boas críticas.
Como aseguran algúns músicos, a partir de mediados dos noventa a raíz
do éxito e o labor de Milladoiro ou Luar na Lubre, poucos son os festivais
de música folk e tradicional do continente onde os organizadores non inclúen
nos programas a un grupo galego. Bélxica, Escocia, Irlanda ou Francia
xa son case paradas obrigadas na xira dos compositores galegos, na procura
dun mercado que palíe a caída das ventas no país. Nun contexto onde a
calidade das producións musicais semella ser óptima "a piratería e a falta
de cohesión dentro da música galega", como indica Bieito Romero, compoñente
de Luar na Lubre, danlle unha labazada aos artistas onde máis o notan,
no peto, cunha das súas múltiples caras: a pouca presencia nos medios
de comunicación estatais.
Sen embargo, a nivel internacional, a música galega está a ter recoñecemento.
Recentemente a revista británica de músicas étnicas Folk Roots, unha das
máis prestixiosas e influíntes de Europa nesta tendencia musical, vén
de sacar á luz a súa habitual lista cos dez mellores artistas. Este mes,
entre os dez grupos de todo o mundo atópanse tres formacións galegas.
Os últimos discos de Mercedes Peón, Leilía e Ialma foron escollidos polos
críticos desta revista británica para ser incluídos dentro do top ten
de xaneiro. O primeiro posto é para Ajrú, o último traballo de
Mercedes Peón, que é considerado o máis interesante de cantos se levan
feito ultimamente. No sexto lugar aparece as pandereteiras e cantareiras
compostelás de Leilía co seu álbum Madama, seguidas do grupo
galego-belga Ialma integrado entre outros por Verónica Codesal, a cantante
que representou a Bélxica en Eurovisión.
Esta non é a primeira vez que unha formación galega está presente nas
listaxes de Folk Roots. No seu día estiveron Os Diplomáticos de Montealto
co disco Komunikando, despois de varios anos inactivos e con
importantes mudanzas dentro da formación. As mulleres de Faltriqueira
tamén foron incluídas entre as mellores do mes de abril do ano pasado.
Ademais da publicación fRoots, outros medios europeos veñen de recoñecer
o labor dalgún dos músicos do país. É o caso de Mercedes Peón. A BBC seleccionouna
xunto con outros cinco artistas, como unha das mellores cantantes deste
ano para a cadea e, en Francia, son varias as radiofórmulas que están
a pasar temas dos seu último disco. No Estado español circula nos espacios
alternativos, pero nos medios de comunicación o seu xeito de cantar mesturando
o ancestral coa tradición non ten cabida, porque, como ela di "non é de
seu".
|
|