Nesta páxina presentamos os artigos de prensa que falan do traballo levado adiante en galego21 ou nalgún dos seus proxectos
Columna "Mar de Fóra", La Voz de Galicia, 17 de abril de 1999.
Pensar en futuro
VICTOR F. FREIXANES
ACABO de recibir o Informe Mundial da Comunicación (1998)
que edita a UNESCO,
unha especie de radiografía e, en certa maneira, un diagnóstico do que de feito
é a realidade máis viva e dinámica do noso tempo, base do que os teóricos veñen
denominando
a 'sociedade da información' ou 'sociedade do coñecemento'. 0 mundo, cada vez
máis, é unha inmensa rede, un gran espacio interconectado onde varios miles de millóns
de
persoas se relacionan entre si constantemente. Un dato: A venda diaria de ordenadores
persoais hai tempo que sobardou a de televisores (350 mil unidades cada dia).
No tempo dos nosos avós, que era bastante parecido á Idade
Media, a riqueza
estaba na terra. Unha persoa rica era unha persoa que tiña leiras. Os nosos vellos (e
outros que non o son, pero que ainda se comportan coma tales) daban a vida por un
cuartillo de
terra. Medio ferrado ou un comareiro mal posto podia significar odio histórico entre
xeracións, mesmo que viviran arredadas por un carreiro. A modernidade substituíu a terra
polo
negocio. A base da riqueza empezou a estar daquela no capital, nos cartos, ou na
posibilidade de
obtelos (empresas, comercio). A xeración dos nosos pais (os que podían) mandaba os
fillos á Universidade a estudiar medicina, ou para avogado, ou para enxeñeiro; o rapaz
abría despacho e o mundo pasaba por el coma por un fielato.
Hoxe a realidade é extraordinariamente cambiante,
extraordinariamente fráxil, e
está baseada na comunicación e no coñecemento, na información e na capacidade para
utilizala, organizándoa, xestionándoa, coma quen monta e desmonta as pezas dun
xigantesco
rompecabezas. A máxima prioridade que este pais noso deberia facer nos próximos
anos (moito máis ca en chapapote, que imos acabar asfaltando ata a praza do
Obradoiro) é investir en educación e na capacitación das novas xeracións para
movérense por
este ancho mundo novo que está no aire (virtual) pero que existe, move miles de
millóns de dólares e compra creatividade, imaxinación, novas ideas, espacios abertos.
Cómpre romper a fronteira. Precisamente para ser nós mesmos. Case o mesmo día leo a
noticia da
creación do primeiro <<navegador>> galego en Internet
(http://xis.vieiros.com), a venda
de Leyma ó grupo andaluz Puleva e os resultados de Zara. Unha vez máis o lector, segundo
o seu estado de ánimo, deberá decidir se o vaso está medio baleiro ou medio cheo.