Redada

Redada nº 9


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
O que fai falta

(1 de setembro de 2001) 

No decurso das X Xornadas de Lingua e Literatura Galega organizadas por CIG-Ensino e a AS-PG presentabamos un relatorio, Internet, ferramenta didáctica no ensino da lingua e da literatura, no que recomendabamos que: "As TIC, nomeadamente a Internet, teñen que estar presentes en tódalas aulas, pero non como un tópico máis no currículo ou coma unha tecnoloxía, senón como un novo medio transversal, un medio ó que teñen que acceder tanto os rapaces coma a comunidade na que se insire o centro educativo".

No capítulo 7 de Da periferia á Rede retomabamos esta tese e, a falta doutro tipo de estudios, asumiamos o reto de analizar polo miúdo a actuación da administración local e autonómica para promover o uso das TIC no ensino non universitario.

O resultado deste estudio, baseado en datos da propia Consellería de Educación e nas nosas calas, non podía ser máis desalentador: falta de formación do profesorado para o uso das TIC; currículos escolares sen adaptar; ratios alumnos/ordenador moi elevadas; falta de estudios das necesidades e demandas dos diferentes colectivos que conforman a comunidade educativa; ausencia de avaliacións sobre o xeito en que se están introducindo as TIC; nula preocupación por xerar contidos propios e axeitados ós diferentes ciclos…

Case un ano despois, ás portas do comezo dun novo curso escolar, seguimos practicamente igual. En dúas palabras: sen política e sen estudios que permitan elaborar esa política.

Facer este tipo de afirmacións pode parecer palabras maiores cando suplementos especializados dalgún xornal dedican dobre páxina a loar o Libro Blanco de la Sociedad de la Información de Galicia desenvolvido pola Xunta de Galicia e, naturalmente, Telefónica, e que, nun esforzo "sen precedentes", verá a luz contra finais de ano. Postos a poñerlle data, pouco antes do 21 de outubro, atrevémonos a dicir nós.

Por aquilo da "depresión post-vacacional" esta quincena non imos centrarnos no Libro Blanco. Prometemos, iso si, Redadas monotemáticas. Tanto o publicado no web como o xeito en que se pretende canalizar a participación dos internautas na súa elaboración dan moito que falar.

Non obstante, si que nos imos referir ó apartado que na versión dispoñible do Libro Blanco, no web da Consellería da Cultura, denominan "Monografía de educación". Nun total de 32 páxinas, en que podemos encontrar dende unha síntese de reflexións de diferentes autores sobre o sistema educativo na sociedade da información, ó enunciado de iniciativas que se están levando a cabo en Senegal ou en Andalucía, ou unha listaxe de portais que agrupan a oferta de educación, resulta imposible atopar unha soa referencia en materia de educación (¡nin siquera unha ligazón ás contadas experiencias galegas!) ó noso país. Tendo en conta que se supón que este é o documento base para un hipotético debate, non resulta difícil prever o que pode dar de si, cando menos nesta área1, o texto definitivo.

Como contraste, o mesmo día en que algún medio2 facía un pecorrido máis que superficial polas monografías do Libro Blanco recibiamos a nova de que xa estaba dispoñible no web do Projecte Astrolabi3 o seu terceiro informe4, L’ús de les TIC per part de l’alumnat.

O informe, estructurado en oito apartados5, fornece unha máis que detallada radiografía das relacións do alumnado, de primaria a bacharelato, coas TIC e, asemade, detecta tendencias que lles permiten á administración e ós diferentes membros da comunidade educativa actuaren con perspectiva de futuro.

Na medida en que as situacións de partida e os contextos son moi diferentes, unha parte significativa das conclusións deste e dos demais informes do Projecte Astrolabi non son extrapolables á realidade galega. Mais, o que si pode inspirar para un modelo de traballo e de planificación, simplemente porque está feito con sentidiño, é a metodoloxía e as liñas de traballo que veñen seguindo:

  • Un observatorio dedicado a unha área temática, neste caso, o ensino non universitario, coordinado cos demais organismos que investigan sobre o desenvolvemento da SI.
  • Existencia de estudios xerais e estudios por áreas (neste caso, a educativa).
  • Coñecemento fidedigno da infraestructura da que se dispón (ordenadores, conexión, programas, periféricos...) e de cómo se está utilizando.
  • Estudios sobre as demandas e actitudes do profesorado á hora de incorporar as TIC no seu labor docente e as expectativas e os usos que lles dá o alumnado.
  • Partindo do coñecemento do que hai –en Cataluña, e non en Madrid- e do que apuntan tendencias –as propias, e non as dos EE.UU.- fomentar o debate con tódolos implicados utilizando un web interactivo que fornece, ademais, moitos máis servicios e información.

Diciámolo na Redada 8 "non nos importa que copien e ás veces ata agradeceriamos que o fixeran pero, xa postos, ¡por favor, que miren para aqueles modelos que teñen mellor pinta ou unha eficacia contrastada!".

Como diría o Zeca, "é o que fai falta".

____________________

1 Noutras, como na de economía, introducen preguntas, para formular o debate, que están vencelladas directamente ó ámbito educativo. Referímonos concretamente a algunhas do tipo: "¿Cómo fomentar una competencia entre centros de enseñanza en materia de oferta de formación en las nuevas tecnologías? Bono escolar o remuneración de los centros (sean públicos, concertados o privados, sean de enseñanza primaria, media, formación profesional, o enseñanza superior) según el número de alumnos matriculados en estas materias" (sic).

2 Vid. o suplemento "El Buscador" de La Voz de Galicia do 20 de agosto de 2001.

3 Trátase dun proxecto impulsado pola Fundació Jaume Bofill e a Universitat Oberta de Catalunya para promover unha reflexión sobre uso das TIC no ensino, crear un observatorio neutral que poida valorar o aproveitamento e uso que se fai das TIC neste ámbito e traballar na mellora da calidade educativa a partir do aproveitamento dos recursos dos que dispón a sociedade.

4 O primeiro está dedicado a analizar o equipamento informático dos centros (conexión á Rede, programas, número de ordenadores...) e o segundo, á actitude do profesorado ante o uso das TIC no ensino.

5 Presentación e metodoloxía; o uso nas escolas; o uso na casa; comparativa escola-casa; uso da telemática; Internet fronte ós libros; conclusións e anexos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba