Redada

Redada nº 8


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Miscelánea de reflexións veraniegas  

(15 de xullo de 2001) 

Redada marcha de vacacións ata o 1 de setembro. Para que vexades que non se nos acabaron os temas, substituímos o comentario monográfico habitual por unha miscelánea de reflexións máis breves sobre algunhas das noticias que chamaron a nosa atención nesta primeira quincena de xullo.

Non iamos tan descamiñados

En outubro do 1999, no decurso dos III Encontros para a Normalización Lingüística presentabamos, para sorpresa de quen cría que o tema non daba para tanto, un relatorio titulado "Lingua e contidos nos sitios web das administracións públicas galegas". Tempo despois, actualizabamos unha boa parte desta relatorio para o capítulo que en Da periferia á Rede dedicamos ás administracións públicas galegas.

Analizando os webs dos concellos en ámbolos dous traballos apuntabamos o seguinte:

  1. A cativa presencia da administración local na Rede (un 15% dos concellos).
  2. O predominio dos webs estándar (84%) sobre os extensos (16%) e avanzados (ningún).
  3. A pouca atención ós aspectos lingüísticos e comunicacionais.
  4. O mal posicionamento destes webs na Rede.

Dous anos despois do noso primeiro traballo sobre este tema, El Ciberpaís do 5 de xullo de 2001 publicaba unha ampla reportaxe sobre a presencia en Internet das 52 capitais de provincia de todo o Estado en que, aplicando unha metodoloxía moi semellante á nosa, puñan de manifesto que a situación, con excepcións entre as que non se encontra ningún web galego, pouco difire da do noso país.

Mención á marxe merece o dato relativo ós webs dos concellos da provincia da Coruña. Os autores da citada reportaxe citan ata 94 webs de concellos, confusión provocada polo propio Ministerio de Administracións Públicas que rexistra como webs municipais as páxinas do web da Deputación dedicadas á información xeral sobre os 94 concellos da provincia.

A teimosía dos datos

Novos datos da AIMC. O primeiro, sobre a audiencia en Internet: Galicia volve ser a penúltima comunidade do Estado no tocante á porcentaxe de penetración da Rede entre a poboación maior de 14 anos. Por se non fora dabondo, tamén somos unha das comunidades cun menor incremento de usuarios en comparación co mesmo período do ano anterior.

O segundo, o resultado da IV Macroeenquisa da AIMC: ó igual que na I, II e III, entre os 100 webs máis visitados polos internautas non hai ningún galego. Dá o mesmo, haberá quen siga sacando peito e sempre poderá argumentar que prefire ser cabeza de rato que rabo de león.

Para nós, a teimosía dos datos cuestiona as medidas desenvolvidas pola Xunta de Galicia e evidencia o que vimos reclamando dende hai anos: un plano estratéxico para a sociedade da información. ¿Será este un dos temas a debater durante a campaña electoral?

Postos a copiar….. ¡que copien ben!

Non nos importa que copien e ás veces ata agradeceriamos que o fixeran pero, xa postos, ¡por favor, que miren para aqueles modelos que teñen mellor pinta ou unha eficacia contrastada!

Ten moi boa pinta o programa que acaba de aprobar o goberno francés e no que se contemplan, entre outras medidas, a utilización das actuais liñas eléctricas propiedade da empresa estatal de electricidade como base para unha rede de fibra óptica, de cara a asegurar que toda a poboación teña acceso a Internet a alta velocidade nun prazo máximo de cinco anos, porque, en palabras dun voceiro deste goberno, "de non aprobar este programa, de confiarnos á lóxica do mercado, en cinco anos un tercio da poboación francesa e o 70-80% do noso territorio non terá acceso a enlaces de gran velocidade".

A xulgar polos resultados, ó Goberno Vasco non lle vai nada mal co seu plan Euskadi na sociedade da información. Se nas presentacións do libro Da periferia á Rede falabamos de cómo o programa KONEKTA ZAITEZ se traducira nun incremento significativo do uso de ordenadores e das conexións a internet nos fogares, agora temos que nos referir a unha nova iniciativa orientada á xeneralización do uso das TIC entre a poboación. Falamos dun novo programa que prevé o investimento de máis de 500 millóns para, en colaboración cos concellos, estender por todo o País Vasco centros tecnolóxicos comunitarios.

Mentres tanto, aquí a Xunta segue confiando en Telefónica para que algún lustro destes sexa quen de lles garantir a conexión a Internet a máis de 183.000 familias; continúa destinado fondos públicos para a creación de portais cunha formulación e utilidade máis que discutible e que presentan uns usos lingüísticos que cómpre encadrar na categoría de "bilingüismo anárquico"; os centros públicos para acceder á Rede veñen da man dunha Deputación e nas condicións que comentabamos na Redada nº 5, e as iniciativas de divulgación e extensión das TIC baséanse en campañas como Conéct@te a Galicia, á que nos referiamos na Redada anterior, ou en proxectos como Cidades Dixitais, tamén coñecido como "Cidades virtuais á Telefónica", copia do máis que cuestionado modelo Infoville.

Agora sacan peito

Cando en Da periferia á Rede analizamos o web de La Voz de Galicia salientamos que, "malia tratarse do xornal galego líder en difusión en Galicia (...) e iniciar hai anos a diversificación das actividades no eido da comunicación ata conformar un grupo que se define como grupo multimedia, La Voz de Galicia non contou con edición dixital ata o 17 de maio de 2000, varios anos despois que outros xornais galegos e estatais cuns recursos e índices de difusión moito máis cativos (...). A demora da aparición en Internet (...), facían prever un maior compromiso coa lingua do país e unha aposta dixital novidosa e superadora das limitacións que diferentes analistas lle atribúen á maioría das edicións dixitais da prensa tradicional. Non obstante, (...) estes meses de vida da publicación non permiten albiscar grandes expectativas en ningunha das dúas direccións".

Efectivamente, ó noso xuízo, os primeiros meses da edición dixital de La Voz de Galicia caracterizáronse máis pola pena que pola gloria. Hai que agardar ata o mes de maio do ano que andamos para que a dita edición dixital introduza cambios substantivos, agás na cuestión lingüística, e comece a presentar as características propias dunha edición en liña, reorientación que coincide no tempo coa solicitude á OJD do control da audiencia.

Segundo os datos da OJD do mes de maio, a edición dixital de La Voz de Galicia supera en visitas e en páxinas consultadas ás dos demais medios de comunicación galegos, feito que lle serve de pretexto a La Voz de Galicia para gabar o seu producto porque "estos datos cobran más valor si se tiene en cuenta que lavozdegalicia.com sólo cuenta con un año de vida, mientras que muchas otras cabeceras digitales llevan ya un lustro en Internet". Un argumento que, ben mirado, hai que interpretalo en demérito de La Voz tanto pola demora en entrar na Rede coma polo mediocre producto co que comezou.

Un último dato, no mesmo período Vilaweb, integramente en catalán, con case medio millón de visitas, duplicaba as 223.462 de La Voz de Galicia e entraba na lista das 100 páxinas máis visitadas polos internautas, condición que segue sen reunir a edición dixital de La Voz por máis que o castelán sexa a lingua predominante.

¡Que ninguén se chame a enganos!

Por se o titular do diario El Mundo, "Más de 300 expertos analizarán "sin complejos" el idioma español" non resultara o suficientemente clarificador, Pilar del Castillo e Josep Piqué encargáronse de facer toda unha declaración de principios no decurso do acto de presentación do II Congreso Internacional de la Lengua Española que tivo lugar o pasado 4 de xullo en Valladolid.

Así, a ministra de Educación, Cultura e Deporte despois de deixar ben claro que "a lingua non compete só a lingüistas e filólogos" salientou a importancia da lingua como "arma para o crecemento e expansión de calquera tipo de industria e de tódolos servicios (...). Velaí a importancia dun Congreso que reunirá a representantes dos sectores económico e cultural nunha empresa común: analizar o potencial do español nunha sociedade cada vez máis globalizada e propoñer solucións para facer do español o primeiro activo do mundo hispanofalante".

Pola súa banda, Josep Piqué reclamou a "utilización do español para competir sen complexos, seguindo o exemplo de Inglaterra onde un dos mellores negocios é o inglés".

Pregunta tendenciosa, ¿por qué a Xunta de Galicia non fará o mesmo tipo de aseveracións a respecto do galego?

Unha última curiosidade: o único representante do mundo da empresa que coordina unha das catro seccións (concretamente, a sección "El español en la sociedad de la información") é Daniel Martín Mayorga, presidente de Telefónica Móviles.

En positivo

Anuncia Xavier Alcalá na súa columna en Diario de Ferrol que "imos ter na Coruña o segundo ciclo de Telecomunicacións". Benvido sexa. Mais, como di o propio Alcalá, "de nada serve que formemos xente se a súa carreira profesional ten como metas Madrid e Barcelona. Cómpre formarmos empresarios dun sector "ubicuo"". A nós só nos queda engadir que dificilmente poden xurdir empresarios se universidades e administracións públicas practican a competencia desleal e inviabilizan o nacemento dun tecido empresarial neste sector. Ó que expoñemos en Da periferia á Rede, na Redada núm. 4 ou ás numerosas denuncias de EGANET nos remitimos.

Inmersos na precampaña para as vindeiras eleccións autonómicas, sinais positivos. Desta volta, a diferencia do que sucedeu nos comicios de 1997, non hai partido que non inclúa no seu programa amplas referencias á sociedade do coñecemento e implantación das TIC nos diferentes sectores sociais. Tempo teremos para analizar polo miúdo por ónde van as propostas programáticas de PP, BNG e PsdeG-PSOE e, sobre todo, se hai síntomas de que as vaian levar á práctica no caso de accederen ó goberno galego.

Seguiremos informando

En setembro, máis :-)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba