|
Redada nº 7 |
|||
|
|||
| Conectándomos
¿a Galicia? (1 de
xullo de 2001) Así, se no verán de 2000 o ínclito Pérez Varela anunciaba "un pelotazo informativo" para se referir á presentación, días despois deste anuncio, do proxecto "cidades dixitais" a desenvolver pola Xunta e Telefónica, na precampaña dos comicios de outubro asistimos dende a unha rolda de prensa para dar conta do número de profesores que dispoñen de correo electrónico gracias ó proxecto SIEGA, ata o lanzamento dunha nova campaña, Conéctate a Galicia, un proxecto que, segundo o "Diario Oficial" Galicia, terceiro milenio "achega o mundo de Internet á sociedade galega". Espalla-las vantaxes e utilidades da Rede entre o conxunto da poboación é máis que necesario se pretendemos que Galicia non rexistre un dos índices de penetración de Internet máis baixos de todo o Estado. Agora ben, o que a sociedade galega precisa para non seguir á cola é un labor de divulgación sistemático e coordinado, non da improvisación, da trapallada e das fogueterías preelectorais que rodean a inciativas como Conéctate a Galicia. Improvisación porque o mesmo 13 de xuño, día fixado para o comezo de Conéctate a Galicia, quen quixera acceder ó web que dende comezos de xuño se veu publicitando profusamente nos diferentes medios de comunicación encontraba unha pantalla a cachos en galego coa seguinte lenda: "Registrado por Xunta de Galicia. En activo a partir do 13/6/2001. En directo desde Redondela. Proximamente Conectateagalicia.com. Tu sitio de conexión en Galicia". De feito, aínda que Conéctate en Galicia comezou en Redondela -terra natal do Conselleiro de Cultura, Turismo e Comunicación Social- a presentación pública non tivo lugar ata sete días despois, coincidindo coa chegada da campaña a Lalín. Trapallada, tanto porque o web incumpre o disposto na normativa sobre o uso de Internet aprobada pola propia Xunta coma polo pouco coidados que están moitos aspectos lingüísticos e comunicacionais. Malia ser unha iniciativa da Consellería de Cultura e que no propio web se indica "Regristrado por/Registrant: Xunta de Galicia", abonda con facer unha procura na base de datos de Nominalia para comprobar que o dominio "conectateagalicia.com" pertence a unha empresa privada da Coruña especializada en CAD e subcontratista da adxudicataria da campaña (unha empresa aficanda en Oleiros e que nin sequera conta con páxina web) que recorreu a outra empresa de Logroño, Arsys Internet, S.L. para xestiona-lo dominio e aniña-lo web. Como sinalabamos anteriormente, un exemplo máis e moi recente de cómo a Xunta incumpre sistematicamente o disposto no Decreto 21/1999, do 5 de febreiro, polo que se regula a utilización da rede Internet pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Aínda que a páxina principal –esa mesma en que a cabeceira é INDEX e non, como cabería supoñer, Conéctate a Galicia- comezou estando só en galego, non tardou tempo en mudar e agora o usuario pode acceder á información en galego e castelán porque, en palabras dunha das persoas encargadas da carpa de "Conéctate a Galicia", "nos puede visitar y ver gente de fuera y hay que poner la información en castellano. Lo ideal es ponerla también en inglés pero era mucho rollo". O que non aclarou o autor desas manifestacións é que o criterio lingüístico imperante no web é o bilingüismo anárquico. Así, por citar algún dos exemplos máis chocalleiros "las imágenes son en directo desde...." Contrasta que o Director Xeral de Política Lingüística anuncie un autocorrector para Office en galego como xeito de introduci-lo uso da nosa lingua na informática e nas novas tecnoloxías e en "Conéctate a Galicia" o navegador instalado sexa o Explorer en castelán. ¿U-lo o XIS ou o Opera en galego? Mención á marxe merece o tema das ligazóns, da información e do xogo para coñecer Galicia ó que se referiu Pérez Varela na presentación de "Conéctate a Galicia". Comezando por este último, o xogo do día 27 de xuño en Ferrol consistía en "localizar e imprimir algunha información publicada nos medios de comunicación sobre a Xunta de Galicia ou o teu Concello". Seguindo pola información, en ningún dos apartados en que se estructura o web aparece unha explicación clara e detallada sobre en qué consiste "Conéctate a Galicia". É máis, o apartado destinado a este fin, "Información", só é intelixible para quen previamente escoitou falar do proxecto. Tratándose dun proxecto que ten como obxectivo achega-la Internet ó conxunto da poboación, parécenos un tanto estraña a selección de ligazóns que se inclúen na páxina principal. Non entendemos, por exemplo, por qué no apartado dedicado ós "Xornais galegos" aparece Leña Verde e non aparece Vieiros. Outro tanto habería que dicir do criterio para agrupa-las ligazóns xa que, ademais dos xornais, non se inclúe ningún outro recurso galego que non dependa da Xunta de Galicia ou dalgún dos patrocionadores/colaboradores de "Conéctate a Galicia". Foguetería electoral, por non estar enmarcada nun programa de actividades divulgativa e polas datas (xuño-outubro ou plena precampaña) e localidades en que se vai desenvolver (das 11 vilas escollidas ademais das sete grandes cidades, 9 delas (Lalín, Ortigueira, O Grove…) gobernadas polo PP. En resumo, e nunca mellor dito, un novo "pelotazo" dos que tanto gusta Pérez Varela ou a historia de cómo unha iniciativa de divulgación da Rede aseméllase, en algo máis que na carpa, a un circo preelectoral. Só cómpre agardar que haxa gobernos municipais que condicionen a visita do circo a que muden os usos lingüísticos e os contidos para que "Conéctate a Galicia" sirva, de verdade, para achega-la Rede, en galego e dende o galego, á poboación. |
|
|
|
Subscríbase ás redadas |