Redada

Redada nº 6


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Brasil-Quebec, alianza estratéxica contra unha lingua única  

(16 de xuño de 2001) 

Nunha recente visita a Rio de Janeiro a ministra de Relacións Internacionais do Quebec, Louise Beadouin, propuña “unha alianza estratéxica entre Brasil e Quebec contra a supremacía do inglés e do español no continente americano para evitar a victoria do pensamento único”. A frase, extraída da entrevista de Cristina Azevedo a Louise Beadouin para a edición dixital de O Globo do 11 de xuño, non fai máis que corroborar unha das teses que sostemos en Da periferia á Rede: no caso galego, os perigos da globalización na súa vertente de asimilación lingüístico-cultural non nos veñen só da man do inglés senón e principalmente, da man do castelán. 

Mais, como sinalamos no libro, os perigos da expansión do castelán non afectan só ó galego. O goberno español é moi consciente de que a posición dunha lingua e dunha cultura na era da mundialización, da sociedade da información, depende sobranceiramente da cantidade e da calidade dos contidos (servicios, información, comunicacións) que se fornezan nesa lingua. Velaí cómo nos últimos anos está fomentando unha política lingüística encamiñada a crear un grande espacio lingüístico-comunicacional, co apoio de Telefónica e doutros conglomerados financeiros, e co Instituto Cervantes como abandeirado desa nova política, moito máis agresiva e expansiva, tanto de cara ás linguas propias do Estado, como cara a un espacio tan querido para nós coma o portugués, especialmente no Brasil. 

Se Beaudoin alerta sobre os riscos de que inglés e español acaben converténdose en “linguas únicas”, as súas declaracións ó xornal O Globo son tamén moi exemplificadoras dende moitos outros puntos de vista e, sobre todo, moi extrapolables a realidades como a galega. 

Así, Beaudoin denuncia ó goberno canadense por impedir a participación do Quebec no “Cumio de países americanos” que tivo lugar recentemente no Canadá e reivindica o dereito dos quebequeses a participar como nación soberana e dende a propia identidade na “integración das Américas”. 

Como nación soberana porque, segundo Beaudoin, “para poder transferir unha parte da soberanía a unha organización supranacional é preciso antes ter a soberanía”. 

Dende a propia identidade, denunciando que no citado Cumio “en máis de cen páxinas de documentos non había ningunha en portugués ou francés. (…) As palabras lingua e cultura non están na declaración final. De estarmos presentes, teriamos feito a diferencia”, e reivindicando “sentar na mesa como un pais que fala francés xunto cun grande país que fala portugués, moitos que falan español, dous grandes que falan inglés. Quebec quere sentar á mesa como un país que fala francés”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba