|
Redada nº 5 |
|||
|
|||
| Aulas
informáticas: non confundir o desexo coa realidade
(1 de xuño de 2001) Na véspera do Día das Letras Galegas a Deputación Provincial da Coruña aprobaba as bases que rexerán a convocatoria do "Programa de dotación de aulas de informática dirixido ós concellos da provincia para o ano 2001". Segundo fan constar na exposición de motivos, con este programa "a Deputación pretende, cun horizonte plurianual, dotar ós concellos que o precisen de aulas de informática que, por unha banda faciliten o acceso dos veciños de cada concello ás novas tecnoloxías de información e comunicación e, pola outra, garantan que cada concello dispón dun soporte informático axeitado para o pleno desenvolvemento formativo do seu persoal e, polo tanto, para a mellora da actividade municipal". A diferencia doutras iniciativas semellantes que agroman en períodos preelectorais (véxanse, por exemplo, as famosas e virtuais "aulas multimedia" da Xunta de Galicia), a da Deputación ten tódolos visos de levarse á práctica e conta tanto coa correspondente consignación orzamentaria (225.000.000 de pesetas para o 2001) coma cun prazo de execución: os exercicios de 2001-2002. A nova da Deputación da Coruña foi, en principio, auga de maio para quen dende hai tempo –véxase Da periferia á Rede- vimos reivindicando que as administracións públicas galegas deben promover redes cidadás, centros sociais nas súas diferentes modalidades (telecentros, telecottages, centros tecnolóxicos comunitarios) e outro tipo de iniciativas encamiñadas a formar e facilitar o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación ó conxunto da poboación. Só deste xeito estarán contribuíndo a combater a exclusión social e territorial, a evitar que as persoas con menos recursos ou de habitats rurais queden á marxe das vantaxes potenciais derivadas da implantación das TIC e a promover a verdadeira extensión e implantación social destas tecnoloxías. Claro que, como adoita acontecer, esa ledicia inicial foise transformando nunha pequena decepción a medida en que iamos reflexionando tanto sobre a iniciativa en si coma sobre algúns dos termos en que se efectua a convocatoria deste programa. Á marxe da nosa valoración sobre o papel destes organismos, que unha deputación provincial sexa a primeira administración pública que adopta medidas como a que acabamos de referir pon de manifesto varias cuestións abondo delicadas. A primeira delas, non por reiterada menos evidente, a incapacidade do goberno galego para elaborar un plan estratéxico para a sociedade de información co consenso de tódolos sectores sociais, carencia que se traduce, entre outras moitas eivas a que nos referimos en Da periferia á Rede, en que outras administracións opten por buscar solucións propias e aproben os seus propios plans e programas específicos de actuación. A segunda, que tampouco é nada novidosa, está intimamente relacionada coa anterior e ten que ver coa infrautilización dos recursos públicos. Retomando unha idea que desenvolvemos en Da periferia á Rede, pensemos por un momento no resultado de coordinar o programa de aulas informáticas da Deputación da Coruña coa utilización, fóra do horario lectivo, dos equipamentos daqueles centros de ensino ós que chegou o plan SIEGA ou o programa de informática educativa promovido polo Concello da Coruña. E cando imaxinamos os seus efectos non nos referimos precisamente a datos cuantitativos, senón a un aspecto cualitativo moi importante: o equilibro territorial. Mais o paso da alegría inicial a esa pequena decepción ten tamén moito que ver, como sinalabamos anteriormente, cos termos da convocatoria efectuada pola Deputación. Aínda que na exposición de motivos se alude ás "aulas informáticas" como centros para a divulgación entre a poboación das TIC, nas bases da convocatoria non hai unha definición clara dos obxectivos e do réxime de funcionamento que se pretende ó crealas: en ningún momento se fai referencia á posible proxección sociocomunitaria deste programa; isto é, ás aulas informáticas como xermolos de redes cidadás e como canle para achegr as TIC ós sectores máis desfavorecidos da sociedade. Pola contra, da lectura demorada das bases da convocatoria dedúcese que prima máis a súa utilización en termos moi semellantes á oferta que adoita realiza a iniciativa privada a través da apertura de cibers ou de academais de informática. Ó fío do que acababamos de sinalar, é especialmente significativa a prohibición de dividir a "aula informática" aínda que estea constituída por varios módulos, cando é posible e tería todo o sentido que, naqueles concellos de máis de 5001 habitantes, haxa varias aulas espalladas pola xeografía do concello para lles facilitaro acceso ó maior número posible de veciños. O sistema de módulos que se establece así como a ratio de habitantes/módulo daría tamén moito que falar. En calquera caso, na medida en que o programa da Deputación non se basea en ningún estudio previo, que vén da man do exvicepresidente da Xunta, Dositeo Rodríguez, e en pleno período electoral, acorda o vello lema de "café para todos" aínda que haxa quen necesite infusións. Xa para rematar, as bases da convocatoria deixan no aire cuestións como o software que se vai implantar (¿Linux e programas de libre distribución ou supeditados á Microsoft ou outra multinacional -coma sempre-?); o proceso de renovación dos equipos (a xestión da aula cédese a cada concello por un período de 10 anos e en ningún punto se regula o procedemento para a substitución duns equipos que moito antes da finalización do convenio van quedar obsoletos); os programas de formación que se van desenvolver nas aulas (semella que van ser de libre elección polos concellos sen que haxa unha normativa ou criterios mínimos; por exemplo, a respecto da lingua en que dispensar esa formación) ou a operadora que se vai encargar -e beneficiar- da conexión a Internet das "aulas informáticas" aínda que tódolos datos apuntan na dirección de sempre: Telefónica. |
|
|
|
Subscríbase ás redadas |