Redada

Redada nº 4


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
¡Poña unha bolsa na súa vida!  

(15 de maio de 2001)

Dende os inicio da popularización do termo sociedade da información en Europa, un dos argumentos que se adoitan utilizar de xeito vinculado é o da creación de emprego, tal e como sinalamos en Da periferia á Rede. Tal é o caso do Libro Branco de Jacques Delors, Crecemento, competitividade e emprego (1993) e mais do coñecido como Informe Bangemann (Europa e a sociedade global da información. Recomendacións ó Consello Europeo, 1994). En ámbolos dous fixan como un dos obxectivos da Unión Europea para a sociedade da información reducir o desemprego coa creación de novos postos de traballo relacionados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Dende daquela é frecuente a aparición nos medios de comunicación de novas referidas a estudios e prospectivas sobre o importante déficit de expertos en informática que existe en Europa. Pola contra, sobrancean o caso da India, país que, curiosamente, destaca pola fuga de cerebros informáticos cara a outros mercados de traballo, tanto polas maiores posibilidades de emprego como polas mellores condicións laborais.

No noso país, segundo as estimacións da ponencia "Sociedade do coñecemento", do informe Galicia 2010, o sistema educativo debería achegar ó mercado deica o ano 2004, cando menos 15.700 persoas con perfil informático, que se concretan nunhas necesidades anuais aproximadas de 312 enxeñeiros informáticos, 936 enxeñeiros técnicos e 3.952 titulados dos ciclos formativos superiores (a antiga FP).

Sen embargo, segundo o dito informe, o sistema educativo galego neste eido, cos titulados que saen da Facultade de Informática da Coruña, a Escola Superior de Informática de Ourense e os ciclos formativos superiores de ensino LOXSE -poñéndonos no mellor dos casos- só alcanza a cubrir un 23, un 15 e un 25% da demanda prevista, polo cal se propón corrixir o sistema educativo para cubrir as necesidades e crear emprego.

¿Necesidades? ¿Emprego? ¿Déficit de expertos? ¿De que país estamos a falar? Boa parte deses aproximadamente 70 enxeñeiros informáticos, 140 enxeñeiros técnicos e 900 técnicos superiores que fornece anualmente o sistema educativo galego vense obrigados a emigraren a outros mercados laborais ou a aceptar traballar en condicións laborais moi inferiores ás que nos podemos imaxinar, logo da lectura destes informes, por incrible que pareza.

A competencia desleal das propias institucións públicas galegas, e sobranceiramente das universidades, dos seus proxectos e institutos de investigación, están facendo inviable o desenvolvemento dun sector da informática e das comunicacións propio do país, e xa que logo, a creación de emprego especializado a que se referían optimistamente tanto os anteditos informes da Unión Europea como Galicia 2010.

O desenvolvemento de proxectos de comunicación e informática semella ser, logo, á vista da realidade, un dos poucos eidos onde o sector público funciona mellor que o privado, para as mentes neoliberais... Se cadra un dos factores de competitividade importante é a reducción de custos que implica convocar bolsas de colaboración, en troques de promover a creación de emprego e de postos de traballo.

O novo portal da CRTVG, o web museocastelao.org do Consello da Cultura ou, o web da Deputación da Coruña, o proxecto de Aula Virtual da Universidade de Santiago... son casos de proxectos desenvolvidos a base de bolseiros. A Facultade de Informática da Coruña, o Instituto de Investigacion Tecnoloxica ou o portal agroforestal Agrobyte da Universidade de Santiago, que lideran servicios externos de desenvolvemento de webs e bases de datos, constitúen exemplos de competitividade fronte á empresa privada baseada na precarización de boa parte do persoal.

A este panorama, albiscable a través de asociacións como Precarios-Galicia, podémoslle engadir o escaso éxito da reforma do sistema educativo en canto á diversificación dos ciclos formativos nas ofertas de emprego público. Un técnico superior de informática pode ver a mellora da súa formación e o previsible aumento da súa productividade estimulada con ofertas de emprego que non reflicten novas categorías profesionais e laborais superiores.

Reformemos, logo, outra vez, o sistema educativo. Preparemos mozos e mozas para o novo mercado laboral que nos trae a sociedade da información... Se cadra, volve ser o de sempre: o mercado laboral de fóra, a nova emigración. A diferencia é que agora tamén marchan os que contan cunha boa preparación técnica.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba