Redada

Redada nº 3


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
¡É moito! (3 de maio de 2001)

Esa, e non outra foi, a exclamación que nos veu á boca tan pronto recibimos un exemplar da publicación Os concellos galegos ante as infraestructuras de telecomunicacións editada pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

Curiosamente, o motivo da nosa reacción non foi o contido do libriño en cuestión, senón a tarxeta que viña no seu interior e que reproducimos tal e como a recibimos:

Repare na marxe esquerda: o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo non ten correo electrónico, ten E-mail e o seu enderezo non é outro que <jepeuve@ole.com>.

Nada que obxectar á primeira parte do enderezo. Para gustos píntanse as cores e esta é practicamente idéntica ó seudónimo que utilizaba Pérez Varela na súa época de director da revista do Colexio Maior de Lugo.

Cousa ben diferente é que o conselleiro de Comunicación Social e vicepresidente do Consello Asesor das Telecomunicacións e o Audiovisual teña outro "lapsus" do estilo do de Carmina Burana e reparta entre alcaldes e concelleiros tarxetas oficiais que os remite a unha conta de correo electrónico oficiosa –non só non é ningunha conta de correo electrónico baixo o dominio da Xunta, senón que mesmo contradí o disposto na escasa normativa a respecto do uso de Internet na Administración autonómica- e fornecida por unha empresa pertencente ó grupo... ¡Telefónica! Nin sequera, feita a trapallada, se lle acordou escoller, cando menos, unha empresa galega. ¡É moito!

Sostemos que se trata dunha trapallada porque nin sequera o argumento de evitar o correo non desexado ou a proliferación de mensaxes xustificaría que o conselleiro non utilizase unha conta co dominio xunta.es. De aceptar ese argumento, habería que ser coherentes e non facilitar teléfonos da Xunta ou o enderezo postal da Consellería porque o risco é practicamente o mesmo.

Noutras palabras, a tarxeta do conselleiro é todo un exemplo da política de implantación das tecnoloxías da información e a comunicación impulsada pola Xunta de Galicia. Isto é, moito fume e pouco lume.

Claro que outro tanto pasa en moitos concellos e organismos autónomos e en Da periferia á Rede poden encontrar uns cantos exemplos. Un par deles moi recentes non incluídos no libro, os dos concellos de Narón e Santiago. Ámbolos dous teñen contratados os dominios <naronconcello.org> e <santiagodecompostela.org> para os seus respectivos webs. Non obstante, os enderezos de correo electrónico son, no primeiro caso, <naron1@coruna.infonegocio.com> e, no segundo, <facenda@aytocompostela.es>.

¿Que impresión lle causaría recibir unha notificación dun organismo oficial nun sobre e nun folio... coa cabeceira dunha cafetería?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

arriba