|
Redada nº 21 |
|||
|
|||
| Un
suspenso para Educación (15
de marzo de 2002) O pasado 10 de marzo podiamos ler na prensa galega unha nova que semellaba directamente saída do Gabinete de Prensa (e Propaganda, diriamos nós) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O titular en O Correo Galego sobranceaba que "Máis de 7.400 docentes de toda Galicia utilizan correo electrónico gratuíto", e que "Actualmente 1.045 centros públicos da comunidade están dotados deste servicio en galego". Se cadra os poucos datos cuantitativos e cualitativos que se fornecen na nova (que se estende máis en explicar parcialmente as vantaxes do uso de Internet na escola) pretenden avalar a xestión da Consellería. No noso Da periferia á Rede sostemos que os poderes públicos poden desempeñar un importante papel en tres aspectos: 1) a reconstrucción do concepto de educación para adaptalo ás transformacións que xorden co desenvolvemento da sociedade da información; 2) a dotación de infraestruturas, medios e programas de formación que permitan un uso masivo das TIC no ensino; e 3) o establecemento de programas de formación permanente dirixidos ao conxunto da sociedade. A partir desta premisa faciamos unha avaliación da política que estaba executando a Xunta de Galicia para o eido educativo, a cal non podía deixar de ser moi negativa nos tres aspectos sinalados, e que tiña o seu correlato na dotación económica con que contaba, cativeira de máis para as necesidades que se pretendía cubrir, e dadas algunhas características físicas do sistema escolar galego, como a enorme dispersión xeográfica. O paso do tempo e os atrasos padecidos no tocante á dotación de medidas para introducir a educación galega polos vieiros da sociedade da información, así como a puntualidade exercida noutros países a este respecto, obrígannos a camiñar con máis celeridade para tentar coller o tren a tempo, antes de que se nos volva marchar definitivamente. Deixaremos á marxe desta volta a análise de qué se está a facer para reconstruír o modelo educativo, xa que estamos en plena proposta de cambios por parte do Partido Popular desde o Goberno central, aínda que todo apunta a que, máis que dunha adaptación á sociedade da información, vai resultar unha regresión a modelos educativos anquilosados e privatizadores. O Proxecto SIEGA (Sistema Informático da Educación Galega) sustenta dende 1999 as actuacións da Consellería de Educación para a introdución de Internet na educación non universitaria. Gracias ás novas anteditas sabemos (1) que se subdivide en tres programas: o SEM (Servicios Educativos Multimedia), o XADE (Xestión Administrativa da Educación) e o REDUGA (Rede da Educación Galega), e o seu obxectivo é dar servicio a 1.732 centros de primaria e secundaria, 329.856 alumnos, 29.536 docentes e 649 funcionarios administrativos. O 8 de abril de 2000, o Conselleiro de Educación comparecía nunha rolda de prensa que constituía a segunda presentación pública do SIEGA, para anunciar que "tódalas escolas e institutos de Galicia terán acceso a Internet antes do 2002". Sen embargo, a finais do primeiro trimestre de 2002 semella que non é a totalidade, senón algo máis do 60% dos centros os que están conectados a Internet, e só unha cuarta parte do profesorado dispón de correo electrónico. Co cal, non só non se cumpren os obxectivos sinalados pola propia Consellería, senón tamén os do programa e-Europe da Unión Europea (2), xurdido a partir do cacarexado Cumio de Lisboa do ano 2000, que xa fixaba o 2001 como data tope para que tódalas escolas tivesen acceso a Internet. Obxectivo cumprido, por certo, por Cataluña xa no ano 1999. O servicio do correo electrónico que subministra a Consellería é de boa calidade, e non só polas informacións publicadas nos media. Rápido, consultábel a través de xestores de correo de Outlook e Netscape, e tamén a través da Web, e cunha interface en galego que incorpora imaxes corporativas propias. Sen embargo, a Consellería non está utilizando este servicio para facer chegar verticalmente información que poida ser de interese para o profesorado. Como na nova sobre o SIEGA que tocaba este ano semella que non se forneceron datos sobre o número de equipos -ou polo menos os media non se facían eco-, non podemos saber se melloraron as ratios alumno/ordenador, notablemente máis baixas (é dicir, a cada alumno tócalle menos computadora) que as doutros países próximos. O que si nos seguen chegando son anécdotas sobre o día a día do SIEGA: centros aos que chegan equipos que non se poden conectar á Rede porque o sistema telefónico que teñen é un TRAC; escolas ás que chegan ordenadores que botan tempo e tempo nas caixas, porque non hai quen os poña a funcionar; computadoras de escolas que viaxan en taxi para seren reparadas en Santiago en caso da avaría porque non hai técnicos de mantemento que se poidan ocupar; equipos novos que non se poden conectar a Internet porque hai un número fixo de conexións no centro (unha sala para máis de 40 profesores só conta cunha conexión posíbel); ou que o normal é que un centro con máis de 400 alumnos só conte cunha sala equipada con 12 ordenadores. ¡E a partir do vindeiro curso, en secundaria vai ser obrigatoria, dentro da área de tecnoloxía unha materia de informática, que ata agora era optativa! Se os datos cuantitativos de conexión a Internet e de contas de correo electrónico, ben cativeiros, son o bacallao que a Xunta presenta á poxa, ¿que non ocorrerá con outros aspectos? A creación de contidos por parte da Consellería semella que tampouco non mellorou moito dende que elaboramos Da periferia á Rede. Os contidos que ofrece o web da Consellería seguen sendo fundamentalmente relacionados coa Administración e a xestión, tanto de persoal como de centros, aínda que se incorporaron, como é natural, outros novos, algúns con criterios lingüísticos contrarios á lei, como os pregos relacionados co programa XADE (adquisición de equipos informáticos, e dunha aplicación para a xestión dos centros), que se atopan nas páxinas da Secretaría Xeral exclusivamente en español. Unha das principais novidades é a posibilidade de matricularse en liña nos dos cursos de formación a distancia. A información relativa ao Proxecto SIEGA atópase nunha páxina que simplemente ofrece a posibilidade de que os traballadores de Educación poidan abrir unha conta de correo electrónico ou consultar a súa a través da Web. Segue sen haber ningún xermolo de portal educativo; a sección do web da Consellería dedicada a "Recursos educativos" incorporou soamente a edición dunha publicación previa en papel, Saudiña, un periódico sobre temas transversais relacionados coa saúde, publicad pola Dirección Xeral da Saúde, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, e maila Dirección Xeral de Política Lingüística. Os enderezos de interese educativo que achega seguen sendo fundamentalmente ligazóns á Unión Europea -por exemplo, o Banco Central Europeo, de grande interese educativo-, e non figura nin sequera ningunha aos centros de formación e recursos da propia Consellería, aos recursos didácticos ou de interese educativo galegos que hai en Internet. Claro que, ¿para que? A Consellería segue sen ofrecer ao profesorado galego un programa de formación sobre o uso e a aplicación das novas tecnoloxías, adaptado á realidade, ás enormes necesidades existentes entre un profesorado que segue a presentar en xeral importantes deficiencias no manexo de novas tecnoloxías -aínda que sexa simplemente utilizar un procesador de textos-, e que ás veces pode verse superado polas habelencias nesta materia dos seus propios alumnos. A Consellería ofrece tres cursos de formación a distancia, nos cales, ademais, un pode matricularse en liña: "Internet: iniciación e aplicación na aula", "Bibliotecas escolares" e "Descartes" -para aprender a crear contidos educativos dixitais". Claro que, en realidade, os cursos ofrécense "a través da rede educativa (sic) da Consellería en Internet, en colaboración co Centro Nacional de Información e Comunicación Educativa do MEC"... É dicir, forman parte do Plan Nacional de las Tecnologías de la Informacion y la Comunicación (PNTIC), non son cursos de formación propios da Administración educativa galega, e tampouco non sofren ningunha modificacion ou adaptación á realidade educativa galega. Polo que se refire ás accións formativas programadas para o curso 2001-2002, nas 392 actividades contempladas, o 21,9% teñen algo que ver coa informática ou coas novas tecnoloxías. Delas 19 (o 4,8%) están dirixidas á formación en aplicacións de uso común, o procesador de textos e os programas de elaboración e tratamento de imaxes; outras 19 destínanse á aprendizaxe instrumental das TIC (Internet II: elaboración de páxinas web); 18 (o 4,5%) corresponden a unha mesma actividade, de aplicación xeral das TIC á educación (Internet I: uso didáctico), e as 30 restantes (o 7,6%), non estendidas a todo o país, ao uso funcional das TIC: na actividade física e o deporte, nas áreas de latín, grego e cultura clásica, na educación infantil, na área de plástica, en linguas estranxeiras, na aula de música, etc. Aínda que os datos cuantitativos e cualitativos melloraron a respecto dos que sinalabamos en Da periferia á Rede para o curso 1999-2000, o certo é que, se botamos contas os 18 cursos básicos de "Internet I: uso didáctico" forman un máximo de 450 profesores. A este ritmo... En Cataluña teñen un programa específico de formación do profesorado en tecnoloxías da información dentro do plan de formación xeral do profesorado. O Centro Nacional de Información e Comunicación Educativa do MEC ofrece a posibilidade da autoformacion a través da sección de recursos tecnolóxicos con axudas para o manexo de ferramentas informáticas e telemáticas. Ao mellor é que a bendita Consellería anda a delegar as súas competencias na iniciativa privada, algunha delas con criterios lingüísticos e culturais moi afastados da realidade do país. En fin, que da avaliación deste ano a Consellería dirixida por don Celso Currás tampouco se libra do suspenso por non progresar adecuadamente. Claro que... sempre haberá quen pense que somos un pouco osiños (de óso, ¿eh?). (1) Descoñecemos a existencia pública de información verbo da organización do SIEGA; en ningún dos dous webs que dependen da Conselleria (<http://edu.xunta.es> e <http://www.xunta.es/conselle/ceoug/index.htm> se reflicten tales datos, e desde logo, non nos consta que se publicase ningún documento coa planificación da introducción das TIC no eido educativo. Xa que logo, só contamos coas declaracións, roldas de prensa e notas publicadas nos medios de comunicación ao longo destes 4 anos, pois foi nunha rolda de prensa en 1998 a primeira vez que se falou do SIEGA. (2) "Antes de que remate o 2001: Tódalas escolas deberán ter acceso a Internet e aos recursos multimedia; tódolos profesores e alumnos deberán dispoñer de servicios de soporte, como a información e os recursos pedagóxicos localizados na Rede; e toda a mocidade, mesmo a das áreas menos favorecidas, deberán dispoñer de acceso a Internet e aos recursos multimedia en centros públicos. Antes de que remate o 2002: Tódolos profesores deberán estar individualmente equipados e capacitados para utilizar a Internet e os recursos multimedia; e tódolos alumnos deberán ter acceso de alta velocidade a Internet e aos recursos multimedia nas aulas. Antes de que remate o 2003, tódolos alumnos deberán ter unha formación dixital no momento de deixar as aulas."
|
|
|
|
Subscríbase ás redadas |