Redada

Redada nº 20


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
¿O grande irmán?

(20 de febreiro de 2002) 

A modo: non imos falar nin de Operación Triunfo, nin da vindeira edición do programa das yoyas. A nosa atención fixouse durante as últimas semanas en varias novas aparecidas nos medios de comunicación, aparentemente, moi diversas: a organización a través de Internet de protestas antiglobalización no Estado contra os diversos cumios que se van celebrar nel neste ano de presidencia española da Unión Europea; a aprobación da polémica Lei de Servicios da Sociedade da Información (LSSI), e a reunión informal dos ministros de Interior e Xustiza da Unión Europea en Santiago de Compostela. Só aparentemente...

Interior axexa o movemento antiglobalizador no Estado

A partir do 14 de xaneiro moitos medios de comunicación (1) informaban de algo tan novidoso como que os grupos antiglobalización utilizan a Rede para organizar as súas protestas, e máis concretamente unha serie de servidores reunidos arredor da plataforma virtual Rede de Contrainformación UE 2002; partían dun artigo da axencia COLPISA, vinculada ao grupo Correo, que deixaba traslucir, ademais, algún tipo de relación entre a contrainformación -ou información vista desde unha perspectiva que non é a habitual nos medios de comunicación que nos abouxan- realizada a través de medios dixitais e o uso da violencia, utilizando terminoloxía nada connotada como "os violentos", "radicais", "sabotaxes", "guerrilla urbana", etc. Días máis tarde o servidor de Nodo50, un dos vinculados á Rede de Contrainformación UE 2002, sufría un ataque informático, polo que non se puido acceder durante varias horas a ningún dos contidos aniñados nos seus diferentes webs por máis de 460 organizacións.

A dita plataforma acusa directamente ao Ministerio de Interior de andar detrás destas informacións criminalizadoras e de inducir estes ataques, xa que as novas aparecidas nos medios de comunicación facían referencia a que a policía estaba a rastrexar e vixiar estas páxinas para contrarrestar as protestas contra os actos que han ter lugar en Barcelona, Sevilla, Madrid, Santiago de Compostela e Valencia.

As novas e os ataques motivaron a iniciativa parlamentaria do deputado do BNG Carlos Aymerich para coñecer se as actividades policiais se limitan a consultar o contido dun web que é de acceso público, ou se tamén implica rastrexar qué cidadáns e cidadás acceden a eles, así como os seus hábitos na Rede.

¿Hai, nos últimos tempos, unha ofensiva para atacar a existencia de fontes de información alternativa, que teñen en Internet o seu medio de difusión por excelencia? Non cremos que o deputado Aymerich reciba unha resposta afirmativa á segunda das cuestións que suscita, evidentemente, pero... ¿quen o sabe?

Información de última hora: na Italia berlusconiana, os carabineros acaban de asaltar a sede de Indymedia Italia, outro servidor de información alternativa, buscando material sobre o ocorrido en Xénova durante o cumio do G8.

Santiago de Compostela. Europol: Presente e perspectivas de futuro

Neste ano 2002 as entroidadas alongáronse máis do habitual en Compostela, e aos tradicionais luns e martes seguíronlle un mércores, xoves e venres esperpénticos: unha cidade que non chega aos 100.000 habitantes, transtornada pola aparición de máis de 4.000 policías para garantir a seguridade dos vinte ministros de Interior e Xustiza da Unión Europea que nos obsequiaban coa súa presencia, gracias ao bo facer do galego Rajoy, reunidos en plan informal (¡madia leva, era informal!).

Nos días previos os nosos medios de comunicación cumpriron ben o seu papel alarmista: repetiron incansables a salmodia xa habitual sobre os movementos antiglobalización, con referencias aos malfadados sucesos de Xénova; reproduciron as informacións xa anteditas sobre a organización das protestas, e amplificaron a importancia e a asistencia que habían ter estas en Santiago, nun belo exemplo de orgullo local.

Protestas si houbo, abofé, variadas e diferentes, pero protagonizadas en exclusiva polos nosos movementos antiglobalización (2). A única chegada masiva de forzas non galegas para o cumiño de Compostela foi en furgonas, fíxose ben visíbel e vestían de azul...

Tamén soubemos gracias á prensa, que no Campo das Estrelas os ministros tomaron decisións para unificar políticas verbo da inmigración, para negociar as extradicións cos Estados Unidos, para acelerar a posta en práctica da euroorde... e para reforzar a Europol, ou policía europea, que se ha ocupar de combater delitos relacionados co terrorismo, inmigración ilegal, tráfico de estupefacientes e falsificación de moeda. O punto da orde do día era "Europol: Presente e perspectivas de futuro".

Unha pista: para combater estas actividades delitivas é vital estar en posesión de información, e as redes de delincuencia organizada utilizan hoxe en día todo tipo de novas tecnoloxías e novos medios de comunicación...

A LSSI ou a chafallada (¿premeditada?)

Levamos máis ou menos un ano de polémica (3) sobre a Lei de Servicios da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (coñecida como LSSI), o proxecto da cal foi aprobado polo Goberno o pasado día 8 de febreiro, xa fóra de prazo (4). A LSSI responde á necesidade de aplicar unha directiva europea, a 2000/31/CE no ámbito español. A dita directiva busca xerar confianza nos cidadáns á hora de utilizaren os servicios da sociedade da información, de xeito que esta medre en Europa. Para isto define cáles son os prestadores de servicios e establece unha normativa común no marco da UE, favorecendo o establecemento e prestación de servicios para que teñan a mesma validez legal que os físicos.

A transposición da directiva á lexislación española a través da LSSI fixo aparecer ampolas na maioría dos colectivos afectados: informáticos, empresas de servicios, publicacións dixitais, empresas de publicidade, usuarios... Alén de que os intereses específicos de cadaquén poidan verse afectados pola aplicación desta lei, o certo é que no proxecto de lei se teñen visto problemas importantes, que se poden resumir como "falta de rigor", e os especialistas cren que, lonxe de acadar os seus obxectivos, a LSSI podería poñer as empresas españolas que operan en Internet en desvantaxe sobre as súas competidoras.

Non é o noso obxectivo, abofé, facer unha crítica do proxecto de lei, que xa as hai boas e variadas. Pero si subliñar que das indefinicións, ambigüidades e lagoas de que se acusa á LSSI, especialmente no referido á indefinición de "autoridade" (non aclara as competencias da autoridade xudicial e da administrativa) e de "servicio" (que parece abranguer non só o comercio electrónico, senón tamén a subministración de información), moitos colectivos deducen que a LSSI atenta contra a liberdade de expresión.

¿Serán, logo, tales eivas na redacción do proxecto de lei, casualidade, simples chafalladas?

¿Cara a un Echelon á europea?

O control da información e das comunicacións semella que comeza a ser unha obsesión para os gobernos e as forzas policiais. O ruxe-ruxe que afirmaba a existencia dun sistema estadounidense de espionaxe das comunicacións, coñecido como Echelon, foi finalmente confirmado de xeito oficial o pasado ano, e malia probarse que foi utilizado para labores de axexo industrial e empresarial que prexudicaron a proxectos europeos a prol dos yankees, o certo é que a Unión Europea non puxo especial énfase en queixarse desta intromisión no espacio de comunicacións -e no ámbito de proxectos e negocios- europeo.

Se cadra, conviña non o facer, especialmente se andan a argallar unha especie de Echelon á europea.

O pasado mes de xaneiro celebrouse en Madrid a "Conferencia europea sobre o uso de novas tecnoloxías asociadas á actividade criminal, especialmente ao tráfico ilícito de drogas", co propósito declarado de afondar nos medios técnicos de control a través das novas tecnoloxías. Na conferencia expuxéronse técnicas de interceptación policial das novas comunicacións -ás que pretenden darlles soporte legal-, asináronse acordos de colaboración entre autoridades e operadores e axentes do sector das telecomunicacións, e sobre todo, presentouse a proposta de establecer na Europol un centro de alerta e investigación tecnolóxica a nivel da Unión Europea, como figura preventiva contra o cibercrime. Segundo o avogado Endika Zulueta, o dito centro de alerta e investigación da Europol non sería máis que "oficializar o control que a Europa policial fai dos cidadáns a través das novas tecnoloxías, especialmente Internet e a telefonía móbil, intentando darlle cobertura legal ao que vulnera diferentes dereitos fundamentais".

Isto presentábase nunha conferencia, así que... ¿que agardar dunha reunión de ministros de Interior en Compostela, por informal que fose? E nas que lles seguen, de temáticas semellantes, en Madrid en abril e maio.

E polo que se sabe (5), existen fortes presións no seo da Unión Europea, para que se relaxen as normas de protección de datos e os dereitos fundamentais das persoas sobre a intimidade nas comunicacións electrónicas, de tal xeito que todas (chamadas telefónicas fixas e móbiles, faxes, correos electrónicas, calquera contido da Rede...) se poidan rexistrar e almacenar de xeito sistemático durante cando menos sete anos. Se cadra, a LSSI non é máis que o primeiro chanzo da escaleira.

A batalla nun medio como Internet xa non é aquela lideira primeira entre cantos pretenden unha Rede autónoma e adulta, autoxestionada e autocontrolada en canto aos seus contidos, e os que pretenden pórlle coutos exteriores. Esa batalla semella xa perdida para os primeiros.

Loitar contra a difusión de pornografía infantil, contra o tráfico de drogas ou contra o terrorismo internacional serán os argumentos chave, sobre todo, logo do famoso 11 de setembro, que relaxou fortemente a concienciación cidadá a respecto da importancia da intimidade fronte á necesidade de seguridade. Se cadra, eses obxectivos non son os únicos, e pódeselles engadir controlar as fontes de información e a organización de movementos alternativos que tanta lata lles levan dado, aínda que só sexa mediaticamente -e tamén un chisquiño, nas conciencias de moitas persoas-, aos señores de Davos.

A batalla, logo, é conseguir que se respecten no mundo das novas tecnoloxías dereitos fundamentais ata agora como a liberdade de expresión ou o dereito á intimidade, que se pretenden segar sistematica e totalitariamente (6). Onda non, só teremos que mudar o ano no título: 1984. Axéxate o grande irmán.

 

(1) Aínda que os primeiros medios en reproducir a nova foron xornais como La Rioja, El Norte de Castilla, Las Provincias, Diario de Sevilla ou o Canal Nou de Valencia, axiña se fixeron eco moitos outros como La Voz de Galicia ou O Correo Galego, aquí en Galicia.

(2) Milleiros de manifestantes participaron nas protestas convocadas pola Plataforma por umha Europa Alternativa,  e polos nacionalistas (o BNG, a CIG, os CAE-CAF, Galiza Nova e o SLG).

(3) Véxase, por exemplo, as perspectivas diferentes que manteñen Kriptópolis, Asociación de Internautas, a Asociación Española de Usuarios de Internet

(4) Tiña que terse feito antes do 17 de xaneiro de 2002. No Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía habían andar tan ocupados...

(5) Vid. a documentación e os documentos íntegros sobre o tema en Statewarch. Tamén se pode consultar en Rebelión.

(6) Sería algo para engadir ao manifesto dos trinta intelectuais galegos que alertan sobre o recorte das liberdades na UE. Pódese consultar en Vieiros 

 

arriba

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Subscríbase ás redadas

arriba