Redada

Redada nº 2


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
O fracaso dunha política: O descoñecemento ralentiza a implantación das TIC na empresa galega (II) (15-abril-2001)

Concluiamos a Redada anterior anticipando que unha análise polo miúdo dos datos que nos fornece o Observatorio das Tecnoloxías da Información co avance do estudio Las TIC en las empresas gallegas, non vén máis que a confirmar unha das teses que sostemos en Da periferia á Rede. Referímonos concretamente ó fracaso da política da Administración autonómica a respecto da xeneralización do uso das TIC.

Por máis que dende a Xunta de Galicia se repita unha e outra vez que estamos á vangarda de Europa, os feitos, que son uns auténticos torróns, encárganse de desmentilo e poñer en evidencia a errática política do goberno galego nesta materia.

Así, a falta dun labor sistemático de divulgación, promoción e formación das TIC traduciuse nos baixos niveis introducción destas na empresa galega e, sobre todo, na deficiente implantación destas tecnoloxías.

Principiando polo grao de implantación, tanto os datos cualitativos que se barallan no avance coma os cuantitativos, á marxe doutras cuestións que non imos tratar neste artigo, poñen de manifesto que:

  1. Empresarios, xerentes, directivos e demais persoal con capacidade de decisión á hora de programar os investimentos da empresa teñen un nivel medio baixo tanto no coñecemento coma no uso das TIC.
  2. Só un 30% dos ordenadores instalados nas empresas galegas teñen acceso a Internet e, no tocante a redes e sistemas de comunicación, queda un longo camiño por percorrer no que se refire tanto ó ámbito interno (redes locais e intranets) coma externo (redes WAN, extranets e internet).
  3. As liñas de telefonía móbil superan ás fixas en tódolos tipos de empresas, sexan estas micro, pequenas ou medianas. Este dato, que interpretado de forma aillada podería semellar moi alentador, perde todo o seu valor cando se relaciona con outros como, por exemplo, a porcentaxe de conectividade a Internet, o número de liñas RDSI; a insignificante utilización doutras tecnoloxías de banda ancha como ou ADSL ou o cabo, ou os investimentos anuais en TIC. Xa que logo, o uso do móbil na empresa semella responder máis a outro tipo de factores que ó feito de que a empresa galega se estea preparando para aplicacións tecnolóxicas de vangarda.

Se entramos a debullar o uso das TIC, temos que falar obrigatoriamente do denominado paradoxo tecnolóxico: a introducción da tecnoloxía non provoca melloras na cultura e na organización da empresa, nin aumenta a productividade.

Das respostas ás enquisas dedúcese que:

  1. A inmensa maioría das empresas utilizan software estándar -tal e como o adquiriron ou con pequenas personalizacións-, elaborado e comercializado por empresas radicadas fóra de Galicia e circunscriben o seu uso a labores de contabilidade, balance de vendas e control de fondos en almacén. Outro tanto podemos dicir no tocante á utilización das aplicacións de Internet (redúcese practicamente ó correo electrónico e á consulta de webs, e en menor medida ás transferencias bancarias, mentres que o uso do FTP, a videocoferencia, as transaccións coas administracións, as transaccións electrónicas vía EDI con clientes e provedores, ou o comercio electrónico son anecdóticas) e a respecto da integración da Rede no proceso xestión-producción-comercialización.
  2. A presencia en Internet responde, na meirande parte dos casos, ó mimetismo. Á marxe de que a maioría das empresas carecen de web propio, só en escasísimos casos utilizan a páxina para algo máis que para ofrecer información estática.

Todos estes datos chégannos tarde e mal –hai anos que precisamos deste tipo de estudios-, aínda que quizais aínda esteamos a tempo. A crise das chamadas punto.com está provocando un debate sobre o estado e o futuro de Internet como paradigma das TIC.

Sabemos cómo estamos. Constatamos o fracaso das teorías do estilo "todo o poder á empresa" e "o importante é estar" É evidente que nun contexto económico como o galego, caracterizado pola febleza do tecido empresarial, a política pública de apoio á empresa cobra aínda unha maior importancia de cara a que a empresa estea en condicións de asumir o impacto social provocado polas TIC, integralas na cultura empresarial e posicionarse axeitadamente no mercado. A política seguida pola Xunta ata a data foi un auténtico fracaso. Cómpre, xa que logo, unha ampla reformulación que non obvie cuestións como a transversalidadee desta política, a extensión das infraestructuras físicas, da banda ancha, pero, sobre todo, a popularización, formación e divulgación.

Hai tempo que cómpre dar o salto do "importante é estar" ó "saber cómo e con qué estar"; e isto ten moito que ver con lingua, contidos e industria que as sustenta.

arriba

arriba

arriba

arriba