Redada

Redada nº 17


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Goberno amigo, consellerías e exclusión social

(2 de xaneiro de 2002) 

O ruxe-ruxe pre e postelectoral auguraba a futura creación, no seo do goberno da Xunta comandado por Manuel Fraga Iribarne, dunha consellería de novas tecnoloxías (ou de ciencia e tecnoloxía, ao estilo da que xestiona en Madrid Anna Birulés). Á marxe da confianza que cadaquén poida ter no goberno de don Manuel, nesta ou noutras esferas do goberno, o certo é que parecía albiscarse unha raiola de sol entre as sombras que o tándem Xunta-Telefónica proxectan para o noso país no que se refire ao desenvolvemento das novas tecnoloxías.

A creación dunha consellería como a devandita respondería á lóxica tendencia xeral nos gobernos de consideraren todo o relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación (infraestructuras, acceso, formación, desenvolvemento de contidos...) como un sector estratéxico que require políticas e órganos transversais e específicos -sexan vicepresidencias, ministerios, consellerías, comisionados, etc.-. Esa creación sería tanto máis razoable nun país que, como o noso, e cara a este eido estratéxico, carece dunha política específica, ten dispersas e superpostas as competencias e os recursos entre as consellerías da Presidencia, Cultura, Industria, fundacións...(1), e ve duplicados os esforzos polas diversas estructuras organizativas e gobernamentais, como é o caso das consellerías e as deputacións. Unha consellería tal podería fixar un plan estratéxico, asumir competencias e recursos dispersos, e establecer liñas de colaboración con outros organismos. Ou cando menos, todo isto poderíaselle ser mellor esixido desde a oposición e dende a opinión pública en xeral, ¡que non é pouco, neste país!

Sen embargo, o ruxe-ruxe en nada ficou logo da feliz gaiteirada do 15 de decembro. ¡Verba volant! ¡Adeus, consellería! O estado de cousas que describimos máis arriba, nas redadas que levamos ata agora, e en Da periferia á Rede teñen, malfadadamente, poucas trazas de mudar. E, probablemente, a máis seria é a da imposibilidade da poboación do rural galego de acceder a Internet. O teléfono non chegou a máis de 80.000 vivendas e comercios galegos ata 1992, e para iso cunha tecnoloxía, a telefonía rural de acceso celular (os célebres TRAC, que conectan os teléfonos vía radio), que axiña quedou desfasada diante dos novos retos que se impoñían á sociedade -por non falarmos das deficiencias habituais no seu funcionamento coa chuvia, o vento, os temporais, etc.-.

Mais, desta vez non era un rumor: na véspera das pasadas eleccións autonómicas o presidente en funcións, Manuel Fraga Iribarne, acompañado do director territorial de Telefónica, José Manuel Soto, comparecían triunfantes ante os medios de comunicación, para "probar a nivel mundial unha tecnoloxía que permite o acceso a Internet dende o rural". Esta tecnoloxía consiste nuns descodificadores para os TRAC que aumentan a velocidade de transmisión, e que teñen un custo duns 900 euros.

Tal foi o éxito da conexión ou a euforia da noite electoral, que Manuel Fraga anunciaba para finais de 2002 "a instalación da tecnoloxía CDMA no rural galego, mentres que no resto de España non se contemplará a súa extensión ata 2005".

Jesús Pérez Varela completaba a información sinalando que o goberno español ía convocar "agora, e a Xunta agarda que dentro de moi pouco, un concurso público para poñer en marcha o despregue desta telefonía a nivel nacional. Galicia será a primeira comunidade onde se implantará".

Aínda que Galicia terceiro milenio non conta con hemeroteca, si hai edicións dixitais, como a de O Correo Galego, que nos permiten rescatar as citadas manifestacións, e contrastalas coas declaracións que a mediados de decembro de 2001 realizaba o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía no senso de que o goberno español vai adiar, como mínimo ata 2003, a implantación da telefonía móbil de terceira xeración (UMTS), antes de convocar o concurso para a substitución dos TRAC. Como ben explica A Nosa Terra no seu número 1.014, o goberno español está agardando, para substituír os TRAC, a que a Comisión Europea declare Internet como servicio universal; deste xeito, sería a UE a que pagaría os 19.000 millóns de pesetas que custaría tal substitución. Con esta decisión o goberno español segue condenando, como mínimo, dous anos máis á exclusión social a 83.000 familias galegas que dispoñen do servicio dos TRAC, a terceira parte dos fogares do Estado sen acceso a Internet.

Arestora existen xa tecnoloxías a nivel internacional para substituír os TRAC: a GPRS ou telefonía celular con acceso a Internet, e o LMDS, un sistema de telefonía inalámbrica de banda ancha; e isto sen contar co posible desenvolvemento da telefonía móbil de terceira xeración ou UMTS (2). O goberno galego non soamente non pon os medios nin crea as condicións para que, nun mercado supostamente liberalizado como o que padecemos, as operadoras poidan prestar o seu servicio ao rural, senón que se dedica a abeirar novos experimentos de Teléfonica (3).

Dende as declaracións do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, que tan graves custos carrexan para gran parte da nosa poboación, non temos constancia de ningún tipo de resposta pública, nin por parte da Xunta nin dos partidos da oposición.

Se nesta fin de ano queren, os nosos amables subscritores e subscritoras, seguir fustigándose, ofrecémoslles un anexo con declaracións e citas consultables nas hemerotecas, para vermos cómo vai cambiando o conto.

Para o novo ano capicúa que nos agarda, prometemos comezar cunha nota positiva ;-) E para todos e todas vós, desexámosvos un ano ventureiro e enredado.

 

(1) Como exemplo, véxase as declaracións de Alberto Tizón Martín, xefe de servicio do Centro Superior de Documentación na Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, no resumo ofrecido por Tempos no seu número 54 do debate habido arredor do Libro Blanco de la Sociedad de la Información, organizado polo Observatorio de Novas Tecnoloxías e Xornalismo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no web do cal se pode consultar.

(2) Aínda que pode que non chegue a funcionar malia os miles de millóns que se pagaron polas licencias.

(3) Ou se cadra é que Telefónica lle prepara caramelos á Xunta en vésperas de eleccións. Cómpre non esquecer que o evidente interese de Telefónica no concurso para a adxudicación do sistema de telecomunicacións da Xunta... ¿Quen sabe?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba