Redada

Redada nº 16


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Harry Potter: mercados e políticas públicas

(15 de decembro de 2001) 

Harry Potter e a pedra filosofal non é soamente un título máis da serie de libros dirixidos a un público infantil e adolescente con maior éxito de vendas nos últimos tempos; tamén é un dos títulos cinematográficos que probabelmente máis beneficios lle estea xerando á todopoderosa AOL Time Warner en toda a súa historia (1): o día da súa estrea, a fita, que ocupaba a cuarta parte das salas dos cinemas estadounidenses, recadou 31,6 millóns de dólares, e para o outro día superou esta cifra con 32,9 millóns de taquilla. Pero ademais, a exitosa estrea de Harry Potter e a pedra filosofal nas pantallas de todo o mundo vén como mel nas filloas para ilustrar a importancia de que existan -ou non- políticas lingüísticas públicas para o hipersector audiovisual (do que a Rede, non cansaremos de dicilo, forma tamén parte) e mercados (sociedades, á fin e ó cabo) concienciados e activos.

Dado o impresionante negocio que Harry Potter está a significar para a megacorporación, parece razoable agardar unha maior sensibilidade desta cara á diversidade cultural e lingüística do mundo á hora de exhibir a fita; á fin e ao cabo, pouco pode significar os gastos de dobraxe ou, como mínimo, de subtitulación ao lado dos enormes beneficios que xa esperaba a AOL Time Warner antes da estrea. Sen embargo, a política da firma a este respecto, como a de moitas outras grandes corporacións de ámbito internacional, é cativeira: só é sensible a grandes cotas de mercado (francés, español, portugués, italiano, etc.) ou a sociedades que fan valer a súa identidade a través de políticas públicas propias e/ou mercados activos e concienciados, como veremos a seguir.

En Suecia, os 8,8 millóns de suecos (2) só poden ver Harry Potter na súa versión orixinal en inglés, pero non na súa lingua propia; a razón é que a aprendizaxe do inglés naquel país realízase xa de moi nenos, polo que existe o costume de proxectar os filmes nesta lingua, sen que exista ningún tipo de presión en contra por parte dos suecos, que non ven a súa lingua propia en ningún tipo de perigo.

En Holanda (15,5 millóns de habitantes, falantes de neerlandés), Harry Potter estase a exhibir en versión orixinal e subtitulada nese idioma. Aínda que en Holanda o coñecemento do inglés tamén é maioritario e moi temperán entre a poboación, o pase da película farase subtitulado mercé ao pagamento deste por parte do goberno holandés.

A única provincia francófona do Canadá conta con 7,3 millóns de habitantes, 6 millóns dos cales falan francés a cotío. Non semella mercado abondo como para que a AOL Time Warner exhiba Harry Potter no Québec dobrada ao francés nunha versión exclusiva e independente da que circula en Francia. A explicación é que esta rica provincia goza dunha política lingüística pública, levada adiante polo Conseil de la Langue Française, para a protección e desenvolvemento do francés -lingua que alí se atopaba en situación de minorización hai anos- que garante a presencia do francés nas pantallas ao obrigar ás productoras á dobraxe ou subtitulación das fitas para poder exhibírense. É dicir: a Warner respecta os quebequeses e carga cos custos correspondentes.

Cataluña conta con algo máis de 4 millóns de catalanfalantes (3). En principio, Harry Potter non ía exhibirse na lingua dese país. Sen embargo, a enorme presión dunha sociedade catalana moi concienciada, organizada e activa fixo cambiar de idea á megacorporación. A protesta encarreirada primeiro a través do diario electrónico Vilaweb, da asociación cidadá Plataforma per la Llengua, dos editores da versión catalana do libro -o selo Empúries-, e mais da Unió General de Traballadors, fixo chegar máis de 10.000 mensaxes electrónicas de protesta á productora estadounidense. A tales queixas uníronse as críticas unánimes e públicas dos representantes culturais e políticos -incluídos persoeiros do PP de Cataluña (4)-, tanto á productora, por menosprezar a cultura e o pobo catalán, como á debilidade do goberno autónomo, que retirara as cotas de dobraxe -a semellanza das quebequesas- do proxecto da súa nova Lei de política lingüística.

A actuación concienciada e durante varias semanas dun mercado catalán que exerce como tal conseguiu que sete copias de Harry Potter e a pedra filosofal se amosen subtituladas na súa lingua, e que as vindeiras películas da serie se estreen dobradas ao catalán. Conseguiu facer rectificar ao seu goberno, que se ofreceu a correr cos custos da dobraxe (5) -como en Holanda-, e conseguiu que Edward Adler, da AOL Time Warner, pedira desculpas polo terrible malentendido e que afirme que a situación chamou a atención nos Estados Unidos.

Os nosos rapaces e rapazas non poden ver Harry Potter subtitulado en galego nin oílo na nosa lingua en ningunha sala do país. Somos, é certo, un mercado pequeno, non chegamos aos 3 millóns de habitantes, pero sobre todo somos un mercado desconcienciado da súa identidade lingüística e desorganizado, e que carece dunha política pública decidida cara á nosa lingua tamén no audiovisual. E, non cansamos de dicilo e repetilo, o do audiovisual, tanto na súa vertente máis tradicional (tv, cinema, etc.) como moderna (o mundo dixital, a Rede), é un hipersector chave para a supervivencia e desenvolvemento do noso idioma e, en definitiva, da nosa identidade.

Harry Potter e a identidade

En efecto, as identidades colectivas exprésanse a través dos denominados contidos simbólicos, que se reflicten en espacios de comunicación, todo o conxunto de actos comunicativos que se transmiten sobre eses símbolos; a súa existencia e desenvolvemento son chaves para afirmar unha identidade. Así pois, os procesos de comunicación, e dentro deles os relacionados coa dimensión cultural e lingüística da identidade, son determinantes: as culturas mantéñense se poden expresarse e artellarse a través de sistemas propios de comunicación social.

Evidentemente, os medios de comunicación e as maneiras de transmitir os contidos simbólicos levan evolucionado e mudado moito ao longo da historia (a transmisión oral, a lectoescritura, o audiovisual...), e a supervivencia das culturas non se enfronta aos os mesmos retos en todos os casos.

Os medios de comunicación actuais, que se engloban dentro do denominado hipersector das comunicacións, axudan máis a uniformizar as culturas que a preservar identidades e culturas minoritarias. E isto non soamente porque o soporte audiovisual facilita a asimilación dos contidos simbólicos con menor esforzo, coa máxima eficacia, senón pola perigosísima concentración de productores de contidos simbólicos en poucas mans, e seguindo unha lóxica de mercado abafante para a localización cultural e lingüística destes contidos. Así, por exemplo, na medida en que non existan problemas de comprensión da lingua A polos falantes da lingua B, que non exista unha demanda de uso da lingua B ou un rexeitamento explícito da lingua A que afecte ó mercado, optarase polos espacios comúns de comunicación.

Neste contexto é vital, por unha banda, adoptar políticas lingüísticas e comunicacionais recuperadoras e de tipo transversal no marco común da política de producción, circulación e consumo de bens simbólicos. Non falamos de nada raro: Holanda faino, e paga a localización ao neerlandés de Harry Potter; Québec faino, e mantén unha política de cotas para o audiovisual.

Mais tamén cómpre unha sociedade madura, segura da súa identidade e organizada; velaí o caso catalán, cunha sociedade que foi quen de dobregar un dos máis importantes productores de contidos simbólicos do mundo, a AOL Time Warner, reivindicando o seu propio espacio comunicativo.

Todos eles, probablemente, tamén poderán desfrutar non só de Harry Potter en neerlandés, francés ou catalán, senón doutras importantes estreas para o imaxinario infantil, xuvenil ou adulto, como a de O señor dos aneis. ¿E nós? A velas vir...

 

(1) Referímonos, claro está, á historia da Warner, tradicional productora de contidos cinematográficos pero tamén doutros tipos (revistas, discos, etc.) que en 1999 se asociou coa AOL, unha das principais provedoras de servicios de Internet nos EE.UU.

(2) Os datos sobre o número de falantes desta Redada están tirados do web Llengües d’Europa, unha base de datos desenvolvida dentro do Proxecto Mercator, co soporte da Unión Europea.

(3) Sen embargo, o mercado de fala catalana é maior, pois abrangue tamén Valencia (case 2 millóns de falantes, as Illas Baleares (case medio millón), Andorra, e falantes en Cataluña Norte –Francia- e Italia. En total, preto dos 7 millóns de falantes.

(4) Por exemplo, o diplomático e deputado do PP Francésc Vendrell declarou "paréceme grave que non se poida ver Harry Potter en catalán, a miña lingua".

(5) Malia esta vantaxe, a productora norteamericana seguiuse negando ao principio á elaboración e pase dunha versión catalana da película.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba