Redada

Redada nº 15


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Observatorios, estudios e métodos (I)

(15 de novembro de 2001) 

A principios de marzo inaugurabamos esta colección de artigos poñendo de manifesto o contraste entre a falta de estudios rigorosos sobre a implantación das TIC na sociedade galega e a proliferación de organismos impulsados pola Administración autonómica e financiados con fondos públicos con denominacións, funcións e competencias practicamente idénticas, dos cales, cando menos teoricamente, terían que xurdir eses estudios.

Meses despois, os máis deles seguen sen desenvolver actividade coñecida e un dos poucos que dá sinais de vida, o Observatorio das TIC, faino para publicar un estudio, o Informe resumen sobre el nivel de utilización de las TIC en las empresas gallegas, que, como apuntabamos na Redada núm. 13, tiña moito de area e pouco de cal.

Entre o cal, algo que viñamos demandando dende que nos atrevemos a facer os primeiros avances sobre a presencia do galego na Web (1): que se barallase a análise dos usos lingüísticos como un dos indicadores para determinar a extensión das TIC na sociedade galega. É certo que o estudio do dito Observatorio se reducía o ámbito da empresa e que era manifestamente mellorable (¡tanto, que non nos cortamos un pelo en dicilo!), pero, polo menos, por vez primeira un estudio oficial de ámbito galego reparaba de xeito expreso no estudio da lingua e dos contidos.

Unha vez introducido este indicador, agora toca estendelo a outros ámbitos diferentes do da empresa, e de xeito permanente e, asemade, ir perfilando un método rigoroso, homologable, que permita contrastar, en termos semellantes, usos lingüísticos reais e virtuais, o posicionamento de seu do galego no ciberespacio e tamén en relación con outras linguas próximas ou distantes.

Sabemos que hai diferentes metodoloxías coas súas vantaxes e inconvenientes; nós mesmos adoptamos unha para analizar o estado da cuestión que incorporamos en Da periferia á Rede. Mais cómpre empezar a reflexionar sobre elas en voz alta porque, só deste xeito, seremos quen de definir a que, de partida, pode ser a máis axeitada e de apuntar quén se debería encargar de desenvolvela e aplicala.

A risco de parecermos intrusos e destemidos, imos dedicar esta e vindeiras edicións de Redada a avanzar algúns dos nosos criterios sobre o tema. Facémolo porque ese é o espírito desta páxina e porque queremos seguir na mesma onda que nos moveu a escribir Da Periferia á Rede; isto é "avivecendo o encontro de ideas e proxectos (...) porque só coa confrontación e o debate poderemos tirar os mellores resultados nuns momentos (...) que consideramos de vital importancia para o noso futuro".

Delimitando espacios: as comunicacións interpersoais

Dun xeito indirecto, cando no epígrafe anterior falamos de "usos lingüísticos na Web" xa estamos acoutando o obxecto do estudio. Mais a WWW non deixa de ser un elemento máis nese conxunto de espacios de comunicación e para a comunicación que é Internet. Espacios con públicos, códigos e dinámicas substancialmente diferentes.

Aínda que non é a nosa intención entrar na análise das características de cada un destes espacios, si que consideramos interesante introducir unha pequena aproximación orientativa a cáles son os espacios (servicios é o termo que se adoita usar máis, aínda que nós preferimos facer fincapé na palabra espacios, con todo o que isto implica) que máis utilizan os usuarios de Internet.

Para achegarnos ós niveis de uso, imos recorrer en primeiro lugar á comparativa entre o Estado español e outros do seu contorno, para, de seguido, centrarnos nos datos referidos a Galicia.

Espacios de comunicación utilizados polos usuarios da Rede

Espacio E.Español Portugal Dinamarca Francia Alemaña
Web 98,4 97,6 97,2 96,1 98,7
C.electrónico 61 78,3 71,9 53,8 53,8
Mensaxes instantáneas 12.4 23,9 12,4 13,2 13,2
Charlas 28 37,7 3,4 11,3 5,7
Grupos de novas 9,7 14,1 6 6,6 5,4

Fonte: NetValue, setembro de 2000.

Espacio

Galicia

Web 80
C.electrónico 35,2
Mensaxes instantáneas 45,4
Charlas 19,5
Grupos de novas 3,5

Fonte: EGANET, xuño de 2001.

Dado que, por unha banda, os datos das dúas táboas proceden de distintas fontes así como da aplicación de metodoloxías diferentes e, pola outra, non fan referencia ó mesmo período cronolóxico, hai que utilizalos para o que serven realmente: pare indicar cál é a tendencia.

Feita esta importante matización, é evidente que, en termos xerais e no tocante ós usos dos diferentes espacios de comunicación de Internet, non existen grandes diferencias entre os internautas galegos e os do resto da península ibérica, Portugal incluída. Noutras palabras, tal e como se sinalan nos últimos informes de Telefónica (2) e Retevisión (3), os usuarios do Estado ocupan os primeiros lugares nos servicios de comunicación entre persoas.

Aínda que a comunicación interpersoal acada porcentaxes máis que significativas, a totalidade dos estudios sobre os usos das linguas peninsulares na Rede –outro tanto podemos dicir a respecto doutras linguas románicas, coma o italiano- adoitan centrarse no espacio web. Esta elección non só ten a súa lóxica (é o servicio máis utilizado polos internautas e afecta a ámbitos de comunicación pública), senón que non está exenta de dificultades (Internet oculta, modificacións na estructura das bases de datos das ferramentas de busca, etc.).

Faltan, xa que logo, investigacións a respecto dos usos lingüísticos naqueles ámbitos de comunicación interpersoal con certa proxección pública; isto é, aquela comunicación que se establece en canles de IRC, charlas a través do web, foros, grupos de novas, roldas, etc.

No eido das linguas románicas as primeiras monografías da Funredes-Unión Latina fixeron algunha cala na Usenet. No caso galego, en Da Periferia á Rede reducimos o estudio ó espacio web. Enfrontámonos, pois, un reto tan importante coma interesante: facer as primeiras calas no IRC, roldas, foros e grupos de novas localizados territorial e tematicamente en Galicia.

Por moitas razóns, non imos ser nós quen fagamos ou intentemos facer ese traballo. Non obstante, si queremos lanzar a proposta de estudiar os usos lingüísticos nos espacios de comunicación interpersoal de ámbito galego, priorizando aqueles con maior estabilidade e participación, e analizando tanto os monolingües en galego coma os que só rexistran interaccións no noso idioma.

Tan importante como coñecer os diversos usos lingüísticos dos galegos e galegas no mundo real, para coñecer as tendencias evolutivas do noso idioma e poder actuar en consecuencia, é ter información sobre cáles son os usos lingüísticos interpersoais no mundo virtual, un mundo con importancia cada vez maior de cara ó futuro do país e da nosa lingua.

(1) ROMERO, D. (1997): "O galego en Internet", relatorio presentado no Curso de Verán Internet: ¿que nos ofrece?, organizado polo Grupo de Sistemas Intelixentes-Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago, xullo de 1997.

(2) TELEFONICA (2001): La Sociedad de la Información en España. Perspectiva 2001-2005. Madrid, Telefónica.

(3) FUNDACION RETEVISIÓN -AUNA (2001): eEspaña2001. Informe anual sobre el desarrollo de la Sociedad de la Información en España. Madrid, Fundación Retevisión-Auna.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba