Redada

Redada nº 14


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
¡Non damos unha a dereitas! (pupurri)

(5 de novembro de 2001) 

En Redadas anteriores criticabamos as monografías que ían servir de base para a elaboración do Libro Blanco de la Sociedad de la Información argumentando, entre outras cuestións, que non estaban contextualizadas en e para Galicia. O propio director territorial de Telefónica, José M. Soto, aclarábanos no decurso da mesa de traballo organizada polo Observatorio de Xornalismo e Novas Tecnoloxías do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que efectivamente era así, que "as monografías non falaban de Galicia intencionadamente". Por moito que o intentou, seguimos sen conseguir explicarnos o motivo desa intencionada omisión.

Preguntabamos publicamente se o Consello Asesor das Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia emitira algún tipo de dictame ou informe aconsellando a elaboración dun libro branco sobre a sociedade da información e se suxerira o procedemento para levar a bo porto esta tarefa. Tivemos que esperar ata a dita mesa de traballo para saber, por medio de Alberto Tizón Martín (xefe de servicio do Centro Superior de Documentación da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Xunta de Galicia), que o Consello non cumpriu a súa función de "aconsellar", e, polo que se ve, tampouco a de criticar que non tiveran en conta a súa opinión. Segundo se dixo nesa mesa, a Xunta informou á Comisión Permanente do Consello a mediados de setembro, bastantes días despois da aparición do web.

Queriamos saber se os diferentes actores estaban participando dalgún xeito na elaboración do Libro Branco. Antonio Rodríguez del Corral, director de desenvolvemento de negocio de R, informounos de que, cando menos este operador de cabo, non. Aínda que os convidaron a participar –o propio Rodríguez del Corral sinalaba que a mediados de setembro recibiran unha invitación da Xunta de Galicia- declinaron involucrarse neste proceso dada a prema de tempo –o Libro Branco tería que estar listo a finais de setembro- e a que as monografías que lles remitiran habería que corrixilas parágrafo a parágrafo.

En Da periferia á Rede sostiñamos que os órganos asesores e consultivos están para algo máis que para exercer de elementos decorativos, e emprazabamos os diferentes axentes sociais, nomeadamente os que teñen acceso e representación en tales órganos, a que contribúan a dinamizalos para que cumpran o papel que xustificou a súa creación. Tivo que ser un colexio profesional, o de xornalistas, de moi recente constitución o que, organizando a antedita mesa de traballo, asumira un rol que por definición estatutaria e normativa lles corresponde a outros: Consello do Audiovisual, Consello da Cultura Galega...

Atreviámonos a anticipar que a presentación do Libro Blanco de la Sociedad de la Información ía ter lugar antes do 21 de outubro; non foi así. Sen embargo, o que si sucedeu antes do día das eleccións foi que o 19 de outubro Telefónica e a Xunta conectaron, utilizando a tecnoloxía CDMA, unha casa e un centro de hípica da zona rural de Santiago, e aproveitaron o éxito da conexión –posible gracias á graciosa e oportuna concesión por parte do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía- de dúas frecuencias de radio dixital- para anunciar publicamente que esa era a tecnoloxía escollida e que antes do 2002 todo o rural estaría conectado.

Por aquilo de que nos teñen afeitos á política de grandes fastos, tiñamos moi claro que o web institucional das pasadas autonómicas ía ser unha auténtica marabilla e, deste xeito, poderiamos seguir comodamente dende os nosos respectivos domicilios como ían as cousas por Moaña, Guitiriz, Narón ou O Barco. Tivemos que agardar ata ben pasadas as once da noite para poder facelo. Antes desa hora, cando non daba erro de servidor, non había datos. ¡Todo un contraste co espléndido funcionamento do web que puxo en liña o Ministerio do Interior nas anteriores eleccións xerais!

Infórmannos uns amigos que están a exercer como directores en colexios de educación infantil e primaria da bisbarra de Ferrolterra, que acaban de instalarlles a conexión a Internet. Xa estabamos pensando en rectificar o texto dos artigos e relatorios en que falamos do proxecto SIEGA e da introducción da Rede nas aulas cando nos volven chamar: A conexión era mediante RDSI e non soporta conectar varios ordenadores en rede para montar unha aula de informática. Iso si, ese mesmo día recibían unha carta de "La Tienda" de Telefónica –por certo, a empresa que se encargou de instalarlles a conexión que financia a Consellería de Educación- ofrecéndolles por un módico prezo os servicios ADSL. Entusiasmados, chaman á Consellería: que fagan o que queiran pero a Xunta non asume os custos do cambio e, o que é máis importante, tampouco paga a cota mensual dos servicios ADSL.

Acreditabamos en que tanta autoloa tiña que se traducir na creación dunha Consellería, dese órgano transversal que dirixira a política para a sociedade da información. Mesmo tiñamos a esperanza de que aprenderan do fracaso do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para non reproducir os mesmos erros. Pola lido ata agora, todo vai seguir estando como antes: caos e dispersión de competencias.

En fin, que non damos unha ás dereitas... 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba