Redada

Redada nº 13


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Pouco dura a alegría na casa do pobre

(15 de outubro de 2001) 

Xa nos temos referido nunhas cantas ocasións (1) ó proceso de xestación do Observatorio das TIC, ás súas funcións e ás conclusións que se podían inferir do primeiro informe elaborado por este organismo, Las TIC en las empresas gallegas (sic) (2). A principios deste mes de outubro de 2001, o Observatorio das TIC publicaba no seu web o seu segundo traballo, Informe resumen sobre el nivel de utilización de las TIC en las empresas gallegas (sic).

Quen viñemos poñendo de manifesto a proliferación de organismos con composición, financiamento e funcións análogas, así como a falta de estudios oficiais serios e rigorosos sobre a implantación das TIC na sociedade galega vémonos obrigados, cando menos en primeira instancia, a saudar a iniciativa do Observatorio e a salientar o esforzo realizado para que en tan curto prazo nos permitan dispoñer dun avance (3) con datos referidos a un período moi recente, maio-xuño de 2001. Así mesmo, tamén resulta de agradecer que contrasten os datos de 2001 cos do primeiro informe (do ano 2000), e mailo feito de que neste segundo estudio introduzan medicións sobre variables como os usos lingüísticos dos webs, algo que viñamos reclamando dende que empezamos a investigar sobre as TIC e especialmente en varias das Redadas anteriores.

Mais, como di o dito, pouco dura a alegría na casa do pobre...

Non só tiñamos diante, unha vez máis, un web promovido pola Xunta de Galicia, coa colaboración doutras entidades sostidas con fondos públicos, como a Fundación para el Fomento de la Calidad Industrial y el Desarrollo Tecnológico de Galicia (tal é a denominación con que aparece no web do Observatorio), no cal se incumpre a lexislación vixente e se utiliza o castelán como lingua única e exclusiva de tódalas páxinas e seccións, senón que o mesmo ocorre no Informe Resumen. Outra volta, algo máis que un título...

En segundo lugar, tamén resulta abraiante o xeito en que se contrastan os datos máis recentes, os deste Informe Resumen de 2001, cos datos anteriores, para ver a evolución da penetración das TIC no sector empresarial. A lóxica levaba a pensar que se compararían cos datos do anterior informe do Observatorio, os do ano 2000, e que para contrastar aquelas variables que non se tiveran en conta daquela e que si se recollen no Informe Resumen de 2001, recorrerían ás estatísticas proporcionadas noutros traballos.

Contra a coherencia e a lóxica, a comenencia: cando cómpre, no Observatorio evitan os seus propios informes e botan man de documentos externos, máis axeitados, que lles permitan subliñar o notable avance que se produciu ó longo deste último ano en canto á introducción das TIC na empresa galega.

Por exemplo, o Observatorio esquece trazar neste Informe Resumen unha evolución da penetración das TIC na empresa galega baseándose nos seus propios datos do ano 2000. De facer a comparación, resultaría que as empresas galegas tiñan porcentualmente máis webs –case o dobre- hai un ano que agora mesmo:

Porcentaxe de empresas con web propio (Fonte: Informes do Observatorio das TIC de 2000 e 2001)

 

2000

2001

Diferencia

Microempresas

43%

11,32%

- 31,68%

Pequenas empresas

46%

27,62%

- 18,38%

Medianas empresas

68%

46,95%

- 21,05%

Total empresas

51%

21,26%

- 29,74%

Á hora de comparar a presencia da empresa en Internet por comunidades autónomas, non toman como referencia o dato do Observatorio segundo o cal un 21,26% das empresas galegas teñen web de seu no ano 2001. Obvio: non sería moi lóxico cruzar datos que proceden de fontes e métodos diferentes (4); baséanse no dato facilitado pola Asociación Española do Comercio Electrónico, que cifra esa presencia nun 39%. Claro que, postos a escoller, tamén hai outras fontes que non apuntan na mesma dirección da AECE: o estudio da Fundación Retevisión sitúa as empresas galegas nos últimos lugares do Estado, e mesmo Telefónica, baseando o seu estudio só nas grandes e medianas empresas, sitúa a porcentaxe de empresas con web propio nun 24% (5).

Empresas con web propio (Fonte: Datos datos da AECE (Citada polo Informe Resumen do Observatorio das TIC))

C. autonóma

Posto

%

Madrid

1

44%

Aragón e Baleares

2

42%

Galicia

3

39%

(...)

   

Canarias

15

20%

Estremadura

16

19%

C. A Mancha

17

18%

De maneira parecida, no epígrafe dedicado ó acceso a Internet na empresa do bótase man doutro estudio alleo: "Segundo SEDISI -Asociación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información- as empresas galegas ocupan o sexto posto a nivel de Internet por comunidades, situándose claramente por riba da media española". Unha afirmación cando menos un tanto dubidosa á vista dos datos fornecidos polo propio Observatorio tanto en relación coas tecnoloxías máis usadas para acceder á Rede (RDSI e analóxica case á par, e a moita diferencia do ADSL e o cabo), como coas finalidades do uso das TIC na xestión, como coas porcentaxes de acceso... Igualmente, evítase analizar a evolución do acceso á Rede, en relación ó ano 2000, se cadra porque daría negativa, como reflectimos a seguir:

Porcentaxe de empresas con acceso a Internet (Fontes: Informes do Observatorio das TIC 2000 e 2001)

 

2000

2001

Diferencia

Microempresas

69%

61,13%

- 7,87%

Pequenas empresas

85%

76,16%

- 8,84%

Medianas empresas

94%

89,63%

- 4,37%

%Total empresas

85%

70,50%

- 14,5%

Finalmente, os datos fornecidos polo Observatorio das TIC no Informe Resumen de 2001 no referido ós usos lingüísticos nos webs empresariais, novidade que non nos cansaremos de felicitar, reafirman as tendencias e a diagnose que xa reflectiramos no capítulo IX de Da periferia á Rede.

Idioma da páxina web por tamaño das empresas (Fonte: Informe Resumen do Observatorio das TIC (2001)

 

Castelán

Inglés

Galego

Outros

Todas

100%

23,5%

8,4%

10,1%

         

Microempresa

100%

18,2%

4,5%

9,1%

Pequena

100%

24,3%

12,2%

9,5%

Mediana

96,5%

52,6%

10,5%

19,3%

Así, como puxemos de manifesto naquel capítulo, a falta de cultura empresarial sobre as TIC leva a que, proporcionalmente, o uso do galego sexa menor naquelas empresas (menos de 10 traballadores) que, polo seu dimensionamento, adoitan ter como mercado máis inmediato o galego. Así mesmo, é nese sector onde se dá unha porcentaxe máis que considerable (só 5 puntos por debaixo da media) de combinación castelán-inglés, ou, noutras palabras, onde se pon de manifesto unha estratexia lingüística inapropiada, que non utiliza o valor de marca da lingua propia e leva mesmo, nalgúns casos, a usar unha lingua franca que non se corresponde nin siquera co mercado potencial.

Pola contra, é na pequena (10-49 empregados) e mediana empresa (50-250) onde se rexistra un maior uso do galego e onde se observa mesmo un incremento doutras opcións lingüísticas: onde semella que se ten máis en conta a estratexia lingüística como parte importante da estratexia comercial.

Tamén se ve apoiada polos datos do Informe Resumen a diagnose realizada en Da periferia á Rede en relación coa política da Xunta de Galicia: dificilmente o empresariado se vai ver animado a utilizar o galego na súa actividade, cando a propia Administración que ten a obriga de promover o seu uso normal é a que o proscribe dos contidos máis importantes e dinámicos que xera nos ámbitos científicos, tecnolóxicos e socioeconómicos. Para mostra, o idioma do web do Observatorio das TIC e dos seus informes.

 

(1) Véxase tanto Da periferia á Rede como Redadas anteriores, nomeadamente a titulada "O fracaso dunha política: O descoñecemento ralentiza a implantación das TIC na empresa galega (I e II).

(2) Actualmente, non dispoñible no web. Conservamos o resumo que, a petición nosa, nos enviaron dende o Observatorio o 20 de marzo do ano que andamos.

(3) Sinalan que a finais de outubro publicarán un "informe detallado sobre a situación e tendencias referidas á aplicación das TIC nas empresas galegas".

(4) Tamén é certo que só así poden afirmar que "Galicia ocupa o cuarto lugar en presencia en Internet das súas empresas, situándose por riba da media nacional"; se utilizasen o seu propio dato, Galicia ocuparía o cuarto lugar... polo final.

(5) Por non falarmos das nosas propias estimacións: Da Periferia á Rede redúcea ata 1,04%, dato referido ó ano 2000 e calculado sobre as 85.863 empresas contabilizadas no anuario do Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba