Redada

Redada nº 12


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Estamos en guerra, pero... hai que reflexionar

(3 de outubro de 2001) 

A risco de sermos recorrentes comezamos, ó igual que na anterior redada, volvendo sobre unha das chaves que nos animou a meternos nesa aventura denominada Da periferia á Rede e que explicabamos no limiar do libro: "asistimos abraiados a unha reiterada autoloa no discurso do poder e ó silencio no contrapoder. O cativo interese sobre o tema da lingua e dos contidos na Rede, para o que non había nin discurso nin contradiscurso, acabou (...) por empurrarnos a elaborar este libro (...) como reflexo da situación de Galicia na sociedade da información, non para sentar cátedra, senón coa esperanza de que faga prender un debate do que resulten propostas de futuro".

Algo do que abordariamos con máis amplitude no capítulo XI de Da periferia á Rede anticipabámolo no artigo que, co título, "Os partidos políticos e a Rede" publicabamos en A Nosa Terra con motivo das eleccións municipais de 1999. Dous anos despois, principiada xa a campaña dos comicios autonómicos de 2001 e en plena histeria do imperio, estamos en guerra pero hai que reflexionar.

Como sobre as reaccións do imperio xa reflexionan os amigos do IGADI, aplicámonos o dito de "zapateiro ós teus zapatos". Seguimos na mesma onda que hai dous anos, e retomamos aquel fío: sociedade da información-eleccións-discursos-contradiscursos. Cómpre salientar que algo leva cambiado en tódolos sentidos.

A diferencia das anteriores autonómicas, non hai partido –nalgúns casos, aplicando o dito "rectificar é de sabios"- que non inclúa no seu programa capítulos dedicado á extensión das TIC na sociedade galega ou apartados referidos ó uso destas tecnoloxías en ámbitos tan concretos como o ensino, a empresa ou a sanidade.

Oxalá o texto dos programas non quede en simple retórica, e con esperanza apreciamos o feito de que xurdan algunhas iniciativas como, por exemplo, a dos concellos de cinco das sete grandes cidades (Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo), CIG-Ensino, a AS-PG e galego21.net, que acaban de asinar un convenio para poñeren en marcha actuacións como Ciberlingua, que se vai desenvolver durante todo o curso 2001-2002.

Non obstante, mirando os pratos da romana vemos que seguen escorando, ¡e moito!, cara á parte negativa.

Que se inclúan nos programas electorais referencias e propostas relativas á implantación das TIC ou que gobernos municipais promovan actuacións illadas, non é sinónimo da interiorización colectiva dese discurso con todo o que implica.

Boa proba é o contraste entre discursos e iniciativas, e o silencio ou a falta de crítica (1) a procesos que se prevé de vital transcencencia para o futuro como é a elaboración do Libro Blanco de la Sociedad de la Información.

Este contraste entre discurso e práctica evidencia que nos achamos perante un tema que para a maioría dos partidos políticos e organizacións sociais deste país non é prioritario –por non dicirmos que é moi secundario-, o que se reflicte no feito de que ningún partido ou organización en defensa do idioma denunciara, como o faciamos na Redada anterior, a publicación en español do web do dito Libro Blanco. ¡E xa non digamos a respecto do procedemento, metodoloxía, contidos e demais!

É a única explicación que encontramos para xustificar que só a central sindical CIG se manifestara en contra de que, por exemplo, na monografía de economía do Libro Blanco se propoñan como "preguntas de debate" algunhas como (sic):

"¿Con qué grado de competencia injusta se enfrentan los centros privados de enseñanza empresarial por parte de centros públicos con altas subvenciones? ¿Qué está haciendo Galicia para conseguir la privatización del INEM, con el fin de que aparezca un mercado virtual en Internet, con múltiples intermediarios? ¿Cómo librar a los medianos empresarios virtuales de la necesidad de constituír comité de empresa?"

Nesta situación, reconforta ver que non estamos sós á hora de pedir unha actitude crítica entre a sociedade galega; así o profesor Victor F. Freixanes tamén incide, no seu artigo Galicia XXI, nesa demanda: "o debate non existe. Nin este nin outro. E a oposición, cando menos polo de agora, tampouco o formula".

Concordando coa conclusión final do artigo de Freixanes, tamén queremos sinalar que, aínda diferenciando distintos niveis de responsabilidade, propicia-lo debate non atinxe só ós partidos políticos. Afectan tamén a cada un de nós, dende o profesorado universitario ata os membros de órganos consultivos e asesores pasando polos das organizacións profesionais. Todas e todos temos e podemos dicir algo.

Cónstanos, e así o manifestabamos na Redada núm. 11 que se produce algún que outro movemento. Hai sectores que son conscientes de con qué xogamos e tentan poñer os medios para que non se substitúa o alicerce dun plano estratéxico para a sociedade da información por un conxunto de "receitas" tan xenérico coma inútil; que non se confunda a participación coa falacia participativa, nin o debate aberto sen prexuízos nin tabús coa estupidez. Vieiros ou Capítulo Galego da Internet Society xa se pronunciaron en termos moi claros sobre o Libro Blanco. Sabemos que o Observatorio de Novas Tecnoloxías do Colexio de Xornalistas anda para organizar unha táboa redonda ó respecto. Descoñecemos (e por iso non nos atrevemos a dicir que hai silencios) se organismos coma o Consello da Cultura Galega ou o Consello Asesor das Telecomunicacións e o Audiovisual, por citar algúns, emitiron algún pronunciamento ou informe sobre o tema (2). Outro tanto podemos dicir a respecto dos pronunciamentos, aínda que fora a título individual, de moitos dos seus membros.

Porque temos a certeza de que da discusión sae a luz, benvidas sexan máis voces, e a ver se dunha vez empezamos a falar dun plan estratéxico para a sociedade da información.

 

(1) Agás as excepcións xa citadas en anteriores Redadas.

(2) A última publicación que coñecemos nesta área é o número 0 de Estudios de Comunicación, editada pola Ponencia de Comunicación da Consello da Cultura Galega, que data de xuño de 2001, anterior, xa que logo, á publicación do web do Libro Blanco, aínda que xa se coñecía a decisión da Xunta de encargarlle a súa elaboración a Telefónica. Por certo, na dita publicación aparece un artigo de José Manuel Soto (ex-director xeral na Consellería de Pérez Varela e actual director territorial –Galicia incluída- de Telefónica) titulado "As infraestructuras de telecomunicacións na nosa comunidade (o antes, o hoxe e o despois)" que, principia cunha cita de Manuel Fraga. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba