Redada

Redada nº 11


redada redadas anteriores i+d da periferia á Rede contacta artigos e relatorios ligazóns
Libro Blanco ou Libro Branco. Algo máis que un título

(24 de setembro de 2001) 

Se unha razón motivou a elaboración do libro Da periferia á Rede, esa foi, sobranceiramente, a nosa preocupación polo futuro do idioma galego. Alí defendemos que a única posibilidade de que pequenos países coma o noso vexan representada na nova sociedade a súa identidade, a súa cultura e a súa lingua, é a dotación dunha política pública transversal e normalizadora. E constatamos que Galicia carecía ata o momento de tal tipo de planificación ou dunha política lingüística recuperadora do noso idioma para a sociedade da información (SI). Malfadadamente, semella que o Libro Blanco de la Sociedad de la Información (sic) que están a elaborar a Xunta de Galicia e Telefónica tampouco vai fornecer liñas estratéxicas neste senso. E non nos referimos só ó feito de que un documento que é propiedade (1) da Xunta de Galicia apareza redactado integramente en español...

En efecto, cun repaso polas diversas monografías que forman parte do Libro Blanco (2) comprobamos que a única en que se trata o problema da lingua na sociedade da información é a monografía de cultura (3). Vexamos en qué termos.

A introducción da monografía parece conter unha declaración de intencións: "La lengua utilizada en la red, es otro tema a tener en cuenta (sic). Ante la preeminencia del inglés, la utilización de otras lenguas posibilita la reivindicación de la propia identidad cultural, objeto de diferenciación". Só unha páxina, das 29 seguintes, a do apartado titulado "Cultura, identidade e lingua", dedícase a tratar este problema, e entre as 496 palabras de que consta, non figura nin unha soa vez a palabra "galego" -ou sinónimos, en maior ou menor grao-.

Non nos alporicemos, pensamos. Non é que o problema do futuro da identidade galega -que, seguindo a tese con que se inicia o apartado, depende en gran medida do grao de implantación do galego no ciberespacio- non lles interese ós autores da monografía ou ós promotores da iniciativa do Libro Blanco, a Xunta de Galicia... Podería ser que opten ata agora por un tratamento do problema desde un punto de vista abstracto, xenérico... E sen embargo, case nos atrevemos a dicir que o problema do futuro do galego e da identidade galega non interesa no Libro Blanco, como ben demostra o feito de que os autores da monografía non se molestaron demasiado en elaborar este apartado.

En efecto, todas e cada unha das palabras do dito apartado "Cultura, identidade e lingua" están tiradas do editorial do nº 267 da revista en.red.ando, titulado "Las tres lenguas". Xa que logo, aínda que non o pareza, as achegas de Luís Angel Fernández Hermana, director de en.red.ando, a esta monografía non se limitan á cita literal, entrecomiñada e recoñecida que se reflicte á dereita. Menos mal que teñen a decencia de citalo como unha das fontes de información ó final da monografía... Non hai nin unha soa contribución no apartado que non proceda do editorial de Fernández Hermana; sen embargo, a poda que lle fixeron ó texto orixinal se cadra leva a estrañas conclusións (4).

En realidade, segundo FH a preeminencia do inglés na Rede minguará á medida que se conecte máis poboación que descoñece este idioma; xa que logo, sostén que as restantes linguas irán adquirindo maior relevancia no ciberespacio conforme se incrementen os contidos nesas linguas, se implanten ferramentas de traducción automática e se desenvolva a denominada web semántica ou intelixente (5). E matiza, xenericamente, que esa relevancia tamén ha depender "das circunstancias culturais de cada unha destas linguas locais e da forma en que son utilizadas na Rede".

Nós, que concordamos en todas e cada unha destas afirmacións co director de en.red.ando, permitímonos engadir que tamén dependen das políticas públicas, e nomeadamente, das políticas lingüísticas que se sigan, como defendemos en Da periferia á Rede. E desde logo, neste novo Libro Blanco que nos presenta outra vez o tándem Xunta-Telefónica (6) non se recolle ningunha análise sobre as circunstancias culturais do galego, nin sobre cómo se está a utilizar -ou non- na Rede, nin sobre a política lingüística galega -sexa ou non para a sociedade da información-. Non cremos que se poidan aplicar, sen máis, o mesmo tipo de medidas para unha lingua como o español, con centos de millóns de falantes e cunha política lingüística claramente expansiva na actualidade, e para un idioma como o galego, cun par de millóns de falantes, en retroceso interxeracional perante a presión do castelán, e con falta dunha política lingüística activa para inverter o proceso.

Preguntámonos por qué esta colección de monografías se titula Libro Blanco de la sociedad de la información de Galicia, cando, como moi ben denuncia o Capítulo Galego da Internet Society, non son máis que unha especie de lecturas introductorias –e ás veces, polémicas- de conceptos e definicións que non están contextualizados en Galicia nin para Galicia. E aínda que xa á hora de describir este Libro Blanco no apartado de ligazóns do noso web a principios de setembro pasado nos referíamos a el coma un refrito doutros estudios e documentos (7), o certo é que mellor fora que no referido a lingua, cultura e identidade os refretisen ou imitasen, sequera no espírito, algo máis.

Por exemplo, no estudio de Telefónica sobre a SI en España correspondente ó ano 2001, non se limita a teorizar, coma no Libro Blanco, sobre a posición das linguas no ciberespacio, senón que presta algo máis de atención á situación e circunstancias do español, claro, e logo de situalo como o quinto idioma da Rede, despois de inglés, chinés, xaponés e alemán, deféndese que "malia o efecto globalizador da SI, se cadra, habería que propoñer o desenvolvemento de SI diferenciadas, á medida de cada país". Máis adiante, á hora de tratar as perspectivas de España no período 2001-2005, consultan a expertos sobre cómo mellorar as posibilidades do español no ciberespacio, e, desde logo, non se limitan á manida -e ata agora errónea- proporción entre número de falantes con acceso e proxección do idioma, o que simplemente representa unha gran oportunidade. Pola contra, para os expertos consultados o aspecto máis importante é a calidade intrínseca dos contidos. Matízase, mesmo, que non abonda coas simples traduccións ó español de contidos de éxito probado noutros idiomas, porque un factor importante é a súa adecuación específica a cada mercado local.

E tanta atención de Telefónica cando para España si que existe, cando menos no papel, unha planificación de liñas estratéxicas para o desenvolvemento da sociedade da información -algo do que se carece en Galicia, oco que supostamente debería cubrir este Libro Blanco-. O plan de acción para a SI en España, InfoXXI, contempla unha serie de medidas para estimular o uso do español na Rede, así como para desenvolver proxectos de enxeñería lingüística.

Claro que, ó mellor a necesaria adaptación do Libro Blanco á situación de Galicia –tanto no que se refire á descrición como ás propostas de liñas estratéxicas de actuación- está pendente de construcción mediante as achegas dos internautas ós foros de opinión abertos en cada área. Se, en xeral, para o resto das monografías do Libro Blanco nos permitimos dubidar de tal proceso, dado que os rexistros nos foros non funcionan, cando menos para os cidadáns normaliños (8), máis aínda para o referido a lingua e cultura, pois nin sequera existe un cuestionario ad hoc como nas restantes monografías (9). Tal é a importancia que a Xunta de Galicia e o seu socio Telefónica lle dedican ó futuro da lingua e da cultura galegas.

 

(1) Na páxina inicial do web declárase que o Libro Blanco para a Sociedade da Información de Galicia é iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración con Telefónica de España, S.A. Así mesmo, na información sobre os copyright o Libro Blanco figura como propiedade da Xunta de Galicia, mentres que o web, como desenvolvido por Telefónica. Temos denunciado publicamente semellante forma de elaboralo, como encarga directa a unha das operadoras de telefonía existentes no mercado, en numerosas ocasións (por exemplo, nas presentacións do noso libro, Da periferia á Rede, nas XI Xornadas de Lingua e Literatura galegas...).

(2) As monografías refírense á sociedade da información, á Administración pública, á economía, á educación, á cultura, sociedade, tecnoloxías, territorio e medio ambiente, e tecnoloxía. Semellan un borrador do que deberían partir discusións -¿entre expertos?- a través dos foros de debate. Isto é: os contidos do web non son a versión definitiva do Libro Blanco.

(3) Isto malia que na cabeceira das páxinas da monografía de cultura figura "Administración". E é que durante o mes de agosto, a monografía de cultura formaba parte da de Administración, e semella que ó separala, a finais de mes, non se deron de conta de lle cambiar a cabeceira.

(4) Fernández Hermana refírese ó longo do editorial ás tres linguas da Rede: a primeira, a dixital; a segunda, o inglés; e as terceiras linguas, ou "linguas locais", as restantes, representadas no editorial polas linguas "dos suecos, dos nixerianos, dos latinoamericanos, dos chineses ou dos españois". Sen embargo, no texto do Libro Blanco, chapódase a referencia á primeira, razón pola cal semella que a primeira é o inglés e as segundas linguas son as anteditas. Xa que logo, ¿cales deberiamos entender que son as terceiras linguas ou "linguas locais"?, ¿as linguas minorizadas coma o galego?

(5) Un proxecto que pretende que sexan a Rede e as máquinas as que comprendan as linguas humanas.

(6) Lembremos que xa o Libro Branco das Telecomunicacións en Galicia do 1994 lle foi encargado a Telefónica, por non falarmos dos innumerables convenios da Xunta con esta operadora (vid. a nota ó rodapé 151 de Da periferia á Rede).

(7) Por exemplo, os estudios sobre a sociedade da información en España correspondentes ós anos 2000 e 2001.

(8) A mediados de agosto solicitamos a alta no rexistro, sen recibir resposta. Claro que descoñecemos se estes foros están restrinxidos a expertos ou ó Consello do Audiovisual de Galicia, participación que afirmaba o suplemento El Buscador de La Voz de Galicia. Se así for, ¿por que non se informa no web destas restriccións na participación?

(9) Por certo, pregunta capciosa: de o houber, ¿tamén estaría redactado por Telefónica I+D, como os cuestionarios referidos a ferramentas da SI, tecnoloxía, e Administración pública, como reflicten os rodapés?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

arriba

 

Subscríbase ás redadas

arriba