|
Redada nº 10 |
|||
|
|||
| Pensa en
Galicia (15
de setembro de 2001) Visto o noviño que sae nas fotos dos valos publiciatarios e os certificados médicos que exhibiu don Manuel Fraga Iribarne2, non imos ser nós quen cuestionemos a súa capacidade física e mental para pensar e, sobre todo, resolver aqueles problemas que afectan, e moito, ó noso país. Dito isto, e aínda que non temos a inmensa sorte de participar na lista de expertos nin na de simpatizantes ós que Xesús Palmou convida ás presentacións do programa do Partido Popular, si adoitamos "pensar en Galicia" e máxime cando volvemos ler as declaracións en rolda de prensa de don Jesús Pérez Varela, quen destaca "os proxectos pioneiros que o PP realizou á fronte da Xunta en materia de tecnoloxías da información". Pensamos en Galicia porque, por máis voltas que lle damos, está claro que temos que cometer algún erro de vulto. Se, segundo os nosos gobernantes, "somos pioneiros" e "estamos á vangarda", ¿por que cada estudio que collemos nas mans se esforza en repetirnos o contrario? Aínda non podiamos quitarnos da cabeza a rolda de prensa protagonizada por D. Jesús Pérez Varela, D. Jaime Pita e D. Juan Rodríguez Yuste cando acordamos do libro E-España2001. Informe anual sobre el desarrollo de la Sociedad de la Información en España, que chegaba ás nosas mans a mediados do pasado mes de xuño. Efectivamente, trátase dunha publicación moi pouco comentada. ¿As razóns? Se cadra, as que apuntaba Joaquín Estefanía dende as páxinas de El País3. Se a nivel de Estado, o informe da Fundación Retevisión-Auna cuestionaba a política impulsada polo Goberno español, e nomeadamente o desenvolvemento do programa Info-2001, a política galega para a sociedade da información tampouco se salvaba da queima. Se numerosos son os argumentos para recomendar a lectura de E-España2001. Informe anual sobre el desarrollo de la Sociedad de la Información en España, para nós hai un que resulta determinante: o criterio metodolóxico que seguen para a súa elaboración, ó "considerar as comunidades autónomas como as unidades básicas de referencia tanto dende o punto de vista básico como administrativo porque, en cumprimento das súas competencias, poden xogar un papel chave coas accións de fomento que poden levar a cabo, do mesmo xeito que unha actitude menos activa ou desincentivadora pode converterse, consciente ou inconscientemente, nun obstáculo para o desenvolvemento da sociedade da información". Cantos lestes Da periferia á Rede, lembraredes que esta defensa da metodoloxía seguida pola Fundación Retevisión ten a súa razón de ser e concorda cunha das teses que sostemos no capítulo III do noso libro: as chamadas comunidades autónomas teñen que xogar un papel máis activo na definición das políticas para a sociedade da información na medida en que son as principais receptoras das medidas que se inclúen nelas. Pois ben, na véspera dunhas novas eleccións autonómicas o discurso da Xunta de Galicia afonda en que xa estiveron desenvolvendo esa política activa e nos seus magnifícos resultados. Pola contra, os datos de E-España 2001. Informe anual sobre el desarrollo de la Sociedad de la Información en España sitúan a nosa comunidade nos últimos postos do Estado, sexan cales sexan os indicadores para facer a comparativa. Mesmo se escollemos aqueles parámetros máis favorables a Galicia (lémbrese que os investimentos en infraestructuras de telecomunicacións son un dos aspectos en que máis fincapé fai o goberno galego), Galicia ocupa os últimos lugares do Estado. Pensando en Galicia, a estas alturas gustaríanos saber se é que lles van cumprir outros catro anos máis para que sigamos sendo os últimos da fila... Infraestructuras de telecomunicacións. Comparativas por CC.AA.
Fonte: Fundación Retevisión. Ano 2000 1 As ligazóns están todas operativas a 4/09/2001. Algunhas delas non tardarán moito en estar caídas xa que a ciberteca dos medios citados só recolle as noticias publicadas nos últimos sete días. En previsión de non as poder consultar, véxase as edicións en papel de El Ideal Gallego e Diario de Ferrol do sábado 15/09/2001. 2 Por certo: o noso presidente non debe acreditar moito na solvencia do SERGAS, xa que un dos certificados que amosou ós medios de comunicación viña co carimbo da consulta privada dun coñecido profesional que tamén presta os seus servicios na sanidade pública. 3 "La precaria sociedad de la información" en El País do 1/07/2001. |
|
|||||||||||||||||||
|
Subscríbase ás redadas |