|
Redada nº 1 |
|||
|
|||
| O fracaso
dunha política: O descoñecemento ralentiza a implantación das TIC na
empresa galega (I) (marzo
de 2001)
En xullo de 1999 o o director xeral de Programas Industriais da Consellería de Industria anunciaba a inminente creación do Observatorio Tecnolóxico de Galicia, "que está sendo deseñado segundo o Plan Estratéxico de Incorporación das TIC" (sic), como "unha ferramenta que pulse constantemente o mercado e as súas necesidades. O futuro servicio institucional comparará as evolucións das pemes galegas e divulgará a utilidade das novas tecnoloxías que vaian chegando ó mercado". Medio ano despois, xaneiro de 2000, a Consellería de Industria, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a Asociación Galega de Enxeñeiros de Telecomunicacións e Caixanova asinaban un convenio por un importe de 38 millóns de pesetas para a realización dun estudio avaliativo sobre o grao de participación da comunidade galega no uso das TIC, estudio que debería estar rematado a finais do 2000. Malia que a súa misión (mellorar a competitividade das empresas galegas potenciando a ampliación das TIC, e diagnosticar a súa situación tecnolóxica para fomentar accións de mellora), fins (obter e presentar información de utilidade práctica para as empresas e entidades destinatarias, divulgación da información utilizada e actualización continua da devandita información co fin de servir coma ferramenta para o deseño de accións para empresas e institucións) e servicios (amosar un informe da situación actual e evolución da implantación das TIC, elaborar un estudio comparativo que permita coñecer o posicionamento das empresas fronte ós seus competidores e ofrecer un directorio de tecnoloxías que poder consultar no web do Observatorio) semellaban claramente perfilados, o certo é que durante todo o ano 2000 a única actividade coñecida do Observatorio consistiu en inserir na Rede un web estático con información xenérica sobre o organismo e co texto dunha enquisa dirixida ó empresariado que se podía cubrir en liña co incentivo de participar no sorteo dunha "Palm Pilot". Hai que agardar ata marzo de 2001, un mes despois de que o Consorcio da Zona Franca anunciara a creación do Instituto para a Sociedade da Información e do Coñecemento e empezara a convocar os chamados "Foros de orientación estratéxica", para que o Observatorio -no que máis ben parece unha carreira entre organismos públicos con fins e competencias semellantes- volva aparecer publicamente presentando un avance do estudio Las TIC en las empresas gallegas (sic). Deixando para Redadas posteriores os nosos comentarios sobre a duplicidade de esforzos e investimentos á que tan afeitos nos teñen as diferentes administracións públicas galegas e mentres agardamos a que o Observatorio conclúa a elaboración do estudio en cuestión, queremos dar a coñecer a nosa opinión sobre a(s) lingua(s) do avance do estudio e da carta de presentación do Observatorio, o seu web; os parámetros que teñen en conta para avaliar a penetración das TIC na empresa galega e as conclusións que se poden tirar a partir dos datos do avance. Sobre a(s) lingua(s), e non para recordar que o Observatorio é un órgano autónomo dependente da Administración autonómica e, xa que logo, suxeito ó que establece a lexislación vixente a respecto do uso do galego, senón para poñer de manifesto que dificilmente vai cumprir os obxectivos para os que se creou cando falla en cuestións tan elementais como que non aplica no seu labor criterios básicos sobre contidos, usos e coherencia lingüística como, por exemplo, os elaborados a instancias de institucións tan pouco sospeitosas de filonacionalistas coma a Unión Europea e que serven de base a programas do tipo de E-Content. Abonda cun percorrido superficial polo web do Observatorio para encontrar dende páxinas escritas nun galego macarrónico ata outras nas que o galego é a lingua das cabeceiras mentres que, no resto da información, se mesturan galego e castelán. En relación cos parámetros e valores de medición, xa que para avaliar os niveis de acceso e presencia en Internet recorren basicamente a datos de tipo cuantitativo, cun valor máis que relativo, mentres obvian ou non consideran aspectos cualitativos que, ó noso entender, son de vital importancia; o estudio céntrase en cuantificar quén "está en Internet" pero non entra a analizar "cómo está en Internet". Noutros termos, sitúan ó mesmo nivel ("empresas con páxina web propia") as que teñen web e dominio propio, estratexia lingüística axeitada para o mercado ó que se dirixen, contidos dinámicos e actualizados, transaccións en liña, interacción con clientes e provedores..., e as que non reúnen a meirande parte destas condicións; aquelas que nin siquera contestan o correo electrónico e aqueloutras nas que a introducción da Rede implicou cambios substanciais en canto á organización e procedementos de actuación. Con todo, partindo das propias caracteristicas da mostra, contrastándoas cos datos estatísticos sobre o tecido empresarial galego e considerando tódalas eivas apuntadas no parágrafo anterior, o avance do Observatorio permítenos tirar conclusións cualitativas que non son precisamente moi alentadoras. Especialmente significativos son os datos que se refiren ás aplicacións de Internet na empresa (en menos dun 8% ten implicacións nos seus procesos comerciais ou organizativos) e as causas desa situación: o descoñecemento de directivos e empresarios ralentiza a implantación das TIC. Nas vindeiras entregas, habemos debullar e reinterpretar algún que outro dato, para chegarmos ó miolo da cuestión: o fracaso da política da Administración autonómica ou o contraste entre o somos unha potencia da propaganda oficial e o estarmos a piques de perder, unha vez máis, o tren do futuro. |
|
|