|
Redada |
Isabel |
||
|
|||
|
|
Son Isabel Vaquero Quintela. Nacín en Ourense en 1967, aínda que tamén estou moi ligada, por ser a miña aldea, aos Peares (e dada a complicación administrativa do lugar, cómpre especificar: provincia de Ourense, concello da Peroxa), no final da Ribeira Sacra. Hoxe son unha aspirante frustrada máis a vivir en Santiago de Compostela, que reside no Concello de Ames. Tras fracasar na miña curta tentativa de ser xeóloga, alá por terras salmantinas, licencieime finalmente en 1991 en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, alma mater -en sempiternas palabras do rector Darío Villanueva- na que agora procuro traballar como técnica da área de dinamización do seu Servicio de Normalización Lingüística. Se cadra, algún día, doume doutorado tamén nela cunha famosa e polémica tese (para as miñas amizades, que coidan que debería dedicarme a outros mesteres) sobre a sintaxe dos relativos galegos dende un punto de vista diacrónico, pola cal agarda, con sabia e infinita paciencia, a miña directora, a catedrática, académica, e sen embargo admirada, Rosario Álvarez. Gracias, Charo, por darme esta oportunidade. A casualidade, a curiosidade, a temeridade e algunhas virtudes que me adornan fóronme levando, logo, por varios vieiros que ando de vagar. Estudiei filoloxía, son amante da sintaxe, do estudio das relacións horizontais e verticais entre as palabras. A miña memoria de licenciatura (1994) levaba o pomposo título de Pronomes e cláusulas de relativo na prosa medieval galego-portuguesa, da que partiu a comunicación "Relativos medievais: a secuencia prep+que", publicada no Congreso Virtual "A lingua das cantigas", celebrado por galego.org en maio de 1998. Máis centrada no galego actual, presentei a comunicación "Construcción de cláusulas de relativo: Problemas", no I Congreso Internacional "A Lingua Galega: Historia e Actualidade", celebrado en Santiago de Compostela en setembro de 1996, organizado polo Instituto da Lingua Galega da USC. Algún día hanse publicar as actas... (non o dubides, Dub). Tampouco dubides de que teño unha morea de material para seguir afondando, ¡pero con calma!. Non só son técnica de normalización lingüística: amo e vivo a miña lingua. Isto de traballar de maneira, digamos profesional, na normalización lingüística en Galicia foivos toda unha novidade: estaba todo por facer e por aprender, incluído saber en qué consistía, quén eramos, cántos e en qué condicións, e cál a formación profesional que nos cumpría e que unha filoloxía non nos achegara. Con este obxectivo como base, uns colegas arroutados (Alberte, Bea, Daniel, Iola, Marta, Rafa, Soco, Singala, Tina, eu... ¡tempos aqueles!), montamos en 1995 o xermolo da CTNL, da que me enorgullece ter sido fundadora e a súa primeira secretaria. Nesta mesma perspectiva encádranse charlas, artigos e algúns traballos publicados, dos que destaco "Os servicios de normalización lingüística: propostas básicas de funcionamento", no número 14 de Cadernos da Lingua (1997), en colaboración con Socorro García Conde, técnica de normalización no Departamento de Lingua do Concello de Santiago. O paso do tempo propúxonos novos retos a cantos amamos este idioma. Para enfrontalos e superalos xurdiron iniciativas como galego21, un proxecto de enredad@s para usar o galego nas novas tecnoloxías, tanto nas caixas coma nos contidos. E alá entrei eu tamén, da man do benquerido Camilo Regueiro, como coordinadora lingüística e ¡outra vez! secretaria (comeza a preocuparme esta tendencia...). E chegaron as leas da Rede... ...da man de Daniel Romero, vello colega a quen redescubrín en 1997 gracias ao correo electrónico e a un curso que impartiu para a CTNL. Enredoume aos poucos nesta lea de Internet. Primeiro tivo a idea de encargarme a conferencia "A utilización da Internet nun SNL/SL como ferramenta de información, formación e dinamización" nos II Encontros para a normalización lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela en 1998. Logo deu un paso intermedio, ao suxerir que colaborase con el para a conferencia "Informática e galego. O galego na rede", dentro do curso de formación A lingua galega no ano 2000, organizado polo Concello de Vigo en 1999. E finalmente, botoume a corda ao pescozo durante os algo máis de dous anos que nos levou a elaboración de Da periferia á Rede, o Glosario panlatino de Internet e mais o resto de traballos realizados en conxunto, así como a preparación e impartición do curso de Introducción a Internet para os compañeiros da CTNL. Agora xa ando algo máis ceiba, ou iso creo :-)
|
||