|
Redada |
Daniel |
||
|
|||
|
|
Daniel Romero Rodríguez (Xubia, 1959) é técnico en normalización lingüística no SNL do Concello de Fene. Membro de galego21.net e da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega así como da Comisión Técnica do Informe de Planificación e Normalización Lingüística do citado organismo. Participou como relator en numerosas xornadas e cursos sobre normalización, planificación e dinamización lingüística; animación e xestión sociocultural; lingua e publicidade; lingua medios de comunicación local e lingua e tecnoloxías da información e da comunicación. Ata finais de 1997 colaborou coa empresa de comunicación visual item:-)aga, etapa na que foi co-autor de proxectos de campañas de dinamización lingüística (En galego o que ti queiras, En galego estamos no mundo, No teu concello en galego, Parla’m, Tu i jo tenim una història...); guións de exposicións fotobiográficas (Carballo Calero, Concepción Arenal...); publicidade institucional (Ferrol, horizonte por descubrir…), páxinas web e aplicacións informáticas (XES, xestión de entidades xuvenís, Documentos básicos para a comunicación comercial...). Unha mostra destes traballos pode verse aquí. Fundador da emisora municipal Radio Fene (na que traballou ata 1986) e cofundador de galego.org e Vieiros (Premio da Crítica na modalidade de iniciativas culturais no ano 1997) dos que foi coordinador dende o seu nacemento ata novembro de 1997. Ademais de artigos en diferentes medios de comunicación (A Nosa Terra, Irimia, La Voz de Galicia...) é co-autor doutros traballos, así como de: "Fenestra". Monográfico Cultural. (Fene: Concello de Fene, 1985); Ferrol, un proxecto de futuro, xunto con varios autores responsable da parte dedicada á cultura. (Ferrol: Concello de Ferrol, 1991); "Niveles de uso del gallego en la publicidad", xunto con Lois Rodríguez, en Publizkuntza'91. (Edición de Edorta Arana-Joxe Jabier Iñigo. EHU. Bilbao, 1992); Fálame sempre. "O Camiñante": unha experiencia normalizadora colectiva, xunto con César Martínez Yáñez (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística. Santiago, 1994); Galicia S.L., xunto con Manuel Pérez Rúa. (Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1995); "Elementos de publicidade e mercadotecnia para a dinamización lingüística", xunto con Lois Rodríguez en Dinamización e normalización lingüística (Universidade de Vigo. Colección: Congresos. Editor: Anxo M. Lorenzo Suárez. Vigo, 1997). |
||