|
Anexo á redada nº 17 |
|||
|
|||
| Anexo á
redada nº 17 (Goberno amigo,
consellerías e exclusión social). Da hemeroteca
(2
de xaneiro de 2002) Ás veces case nin paga a pena escribir. Abonda con ir ás hemerotecas, reais ou virtuais, e limitarse a escolmar e traducir ao galego. O acceso da poboación do rural á banda ancha é un destes casos. Velaí algunhas declaracións que poñen luz sobre o tema: "Ó meu xuízo, o que formula a sociedade da información é un grande desafío á cohesión social e territorial. O reto é evitar que na era da comunicación e o coñecemento se reproduzan e afonden as diferencias agora existentes en termos de oportunidades, entre uns individuos e outros segundo o seu nivel de renda ou simplemente polo lugar no que lles tocara vivir. O reto, en definitiva, é que as novas ferramentas do progreso se usen para loitar contra as diferentes formas de exclusión". (Manuel Fraga Iribarne en "Galicia en la sociedade de la comunicación", conferencia pronunciada no Foro de La Región, Ourense,1997) "Dende o Goberno galego transmitimos xa ós axentes con maior presencia no ámbito das telecomunicacións e da multimedia a nosa firme decisión de garantir dende a Administración que a nova revolución tecnolóxica sirva para vertebrar social e territorialmente Galicia. Ditos axentes saben que a Xunta non ten ningún afán intervencionista pero si a responsabilidade irrenunciable de que unha parte dos galegos non queden definitivamente descolgados do futuro polo simple feito de residir no medio rural". (Manuel Fraga Iribarne en "Galicia en la sociedad de la comunicación", conferencia pronunciada no Foro de La Región, Ourense,1997) "O Goberno central é partidario de ampliar o servicio universal de telecomunicacións para incluír o acceso a Internet a tódolos cidadáns independentemente da súa localización xeográfica. Así se asegura na resposta do Ministerio da Presidencia a unha pregunta efectuada polo deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez. Na citada resposta afírmase que o Goberno elevou ás autoridades europeas propostas para que a normativa comunitaria amplíe o concepto de servicio universal para incluír o acceso a Internet. Este sería o paso previo para instalar a rede de telefonía dixital (que permite ofrecer ós usuarios niveis de calidade superiores ós actuais) en substitución das liñas de Telefonía Rural mediante Acceso Celular (TRAC). Esta substitución permitirá que as zonas rurais de Galicia que contan coas liñas TRAC poidan dispoñer no futuro dun servicio de maior calidade e que permita o acceso a Internet. Non obstante, o BNG critica que o Goberno non aclare os prazos nin o xeito de execución do sistema de modernización do sistema de telefonía instalado en zonas rurais de Galicia, que é analóxico. O BNG demanda ademais que Galicia conte nun curto período de tempo cun nivel de desenvolvemento tecnolóxico en telecomunicacións que hoxe é habitual noutras zonas, como o acceso a Internet, para superar o atraso en sistemas de telecomunicacións, que a xuízo dos nacionalistas, arrastran as comarcas rurais" La Voz de Galicia, 2/08/2000 "Non parece, pois, cando menos de primeiras, que a tecnoloxía de transporte, dadas as perspectivas existentes, constitúa unha limitación grave para o desenvolvemento da Sociedade da Información e do Coñecemento no noso país. En si mesma, a tecnoloxía ofrece solucións posibles, mesmo para as características da nosa poboación (espallamento rural, relativamente pequenas construccións urbanas, etc.).Outra cousa é a súa implantación, as estratexias ou accións que se definan para facelo, os tempos, os investimentos económicos necesarios, a vontade política e, sobre todo, as actitudes sociais, a formación básica da nosa cidadanía para afrontar este novo tempo histórico, e mailas responsabilidade das nosas clases dirixentes (non só políticas) para acometer este reto". Galicia 2010: sociedade do coñecemento, decembro de 2000 "Para universalizar a telefonía no rural, Telefónica e a Xunta optaron pola telefonía móbil analóxica, un sistema que serve para transmitir a voz, mais non os datos, e, polo tanto, non permite conectarse a Internet; non se instalou nin se procedeu á súa substitución pola tecnoloxía con normas GSM. Deste xeito, hai amplos sectores da poboación que non teñen posibilidades de acceder á Rede nin de utilizar outros servicios de comunicación que requiren da banda ancha: segundo un estudio publicado por diferentes medios de comunicación (La Voz de Galicia, A Nosa Terra, etc.) en outubro de 2000, máis de 83.000 familias galegas non poden utilizar Internet; a tecnoloxía instalada implica, neste caso, a exclusión social". (Daniel Romero e Isabel Vaquero, Da periferia á Rede, 2001) "O titular da Xunta, Manuel Fraga, acompañado do conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, e do director territorial de Telefónica, José Manuel Soto, visitou onte un fogar e un centro de hípica do rural galego, nas proximidades de Santiago, para comprobar como funciona a tecnoloxía CDMA que se está probando a nivel mundial en Galicia. (...) Fraga anunciou que a finais do vindeiro ano este novo servicio (que permite que un teléfono situado en calquera aldea do rural galego teña acceso a Internet coa mesma calidade, velocidade e prezo que nas cidades) estará instalado no rural galego, mentres que no resto de España non se contemplará a súa extensión ata 2005". El Correo Gallego-O Correo Galego, 20 de outubro de 2001. Xornada de reflexión e véspera das eleccións autonómicas. "Para cumprir o obxectivo proposto (conexión a Internet dende o rural galego) o Goberno español debe convocar agora e a Xunta agarda que dentro de moi pouco un concurso público para poñer en marcha o despregue de esta nova telefonía a nivel nacional. Galicia será a primeira comunidade onde se implantará, subliñou o titular de Cultura, Jesús Pérez Varela." El Correo Gallego-O Correo Galego, 20 de outubro de 2001. Xornada de reflexión e véspera das eleccións autonómicas. "Ó final, a Xunta apostou pola tecnoloxía CDMA porque mellora as prestacións dos sistemas anteriores, na súa capacidade de acceso a Internet". El Correo Gallego-O Correo Galego, 20 de outubro de 2001. Xornada de reflexión e véspera das eleccións autonómicas. "Máis de 80.000 vivendas terán que esperar á terceira xeración de mobiles para acceder á Rede dende os seus teléfonos. O Goberno apraza cando menos ata o 2003 a conexión do rural galego a Internet." La Voz de Galicia, 10 de decembro de 2001 "Un tercio dos fogares españois sen conexión a Internet están en Galicia. Segundo os datos do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía son máis de 80.000 vivendas e comercios galegos ós que non chegou o teléfono ata 1992 e que agora tampouco poden operar na Rede. Birulés esperará por unha subvención de Bruselas para substituír os máis de 80.000 teléfonos do rural obsoletos". La Voz de Galicia, 11 de decembro de 2001 "O voceiro de Retevisión informou que o acceso a Internet a zonas rurais non é un problema tecnolóxico porque hai tecnoloxía no mercado para facelo. (...) Asegura que tanto o LMDS (sistema de telefonía inalámbrica de banda ancha) ou o GPRS (telefonía celular con acceo a Internet) poderían resolver a falta de conexión á Rede dos actuais teléfonos rurais. Telefónica está instalando na actualidade en Galicia o CDMA, que tamén da acceso a Internet a un custo de 901,02 euros (149.917 pesetas) por aparato". La Voz de Galicia, 11 de decembro de 2001 "Birulés esperará por unha subvención de Bruselas para substituír os máis de 80.000 teléfonos do rural obsoletos". La Voz de Galicia, 11 de decembro de 2001 "O comisario europeo de Asuntos Económicos e Financeiros, Pedro Solbes, advertiu onte que só dúas comunidades españolas recibirán fondos estructucturais da UE a partir do ano 2006. E Galicia non é unha delas". La Voz de Galicia, 11 de decembro de 2001 Como diría Rosalía, "triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai".
|
|
|
|
Subscríbase ás redadas |