Unha
ducia de entidades representativas de diversos ámbitos
da sociedade galega, entre a a que nos encontramos
Idesga-Galego21.net, constituíron en Santiago
de Compostela a promotora da Asociación PuntoGal,
que ten como obxectivo a consecución do dominio
.gal como espazo propio na internet para a cultura
e a lingua do país. Estas organizacións
avalarán a candidatura diante da Internet Corporation
for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo
internacional que se encarga de autorizar e de recoñecer
os dominios.
A asociación nace tamén coa pretensión
de sumar o maior número posible de apoios sociais
para a iniciativa. Igualmente, realizará accións
de concienciación entre a cidadanía
sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun
dominio propio.
A promotora está conformada por representantes
da Asociación de Editores de Galicia, da Asociación
de Enxeñeiros de Telecomunicacións de
Galicia, da Asociación Fillos de Galicia (fillos.org),
do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,
do Consello da Xuventude de Galicia, das Empresas
Galegas Adicadas a Internet (Eganet), de Galicia Hoxe,
do Idesga-Galego 21, do ISOC-Galicia,
da Mesa pola Normalización Lingüística,
da Real Academia Galega (RAG) e de Vieiros.
Pola propia complexidade do proceso a promotora considera
fundamental traballar dando pasos firmes, actuando
con axilidade e contando cun amplo respaldo social.
A ICANN valora as propostas en función da
xustificación, da necesidade de ter o dominio
e dos apoios dos que dispón a propia candidatura
dentro do seu territorio; por iso é imprescindible
artellar unha candidatura sólida coa presenza
de importantes organismos e asociacións galegas
no ámbito cultural, lingüístico
e da comunicación.
Nestes momentos, o grupo de traballo está
a manter reunións para coñecer experiencias
doutros casos similares, especialmente o catalán;
prepara un calendario de actuacións en base
á axenda da propia ICANN; estuda as opcións
para elaborar e defender os preceptivos informes da
candidatura; e elabora os estatutos que rexerán
o funcionamento da asociación.
|